Opinión

Do Prestige ás Tanxugueiras

Hai sucesos na vida das sociedades que teñen un alcance e repercusión non previsíbeis,  polo menos, desde perspectivas de poder que intenten controlar as consecuencias de ditos acontecementos. Afortunadamente, as sociedades humanas no seu comportamento son dialécticas, é dicir, van desenvolvéndose de maneira non programada pola vontade de quen as ten sometidas.

Jean Paul Sartre afirma que un grupo humano é un proceso en marcha, non é algo fixo, senón que é algo dialéctico. Que hai momentos importantes no proceso de toma de conciencia como tal grupo. Hai o que el chama "puntos de fusión". Son eses momentos claves onde o grupo toma conciencia dunha tarefa común, onde cada un depende do outro. Onde a praxe individual se converte en praxe colectiva común. Son momentos importantes nos que o grupo funciona como tal, con conciencia de si e dá o salto da pluralidade de soidades individuais á vinculación cos outros na conciencia do común. Estes "puntos de fusión" danse diante de feitos que agriden a súa conciencia de grupo sometido.

Pensemos na Galiza, temos exemplos nos últimos tempos destes "puntos de fusión". A resposta colectiva dos galegos e galegas fronte ao desastre que representou aquel chapapote do Prestige para o noso mar, para a vida de tanta xente. O perigo para a riqueza das nosas rias fixo que a xente tomara conciencia colectiva da destrución de algo moi noso: o mar. A imaxe do mariñeiro na súa barca, sen protección ningunha, que vai coas súas mans recoller o chapapote, foi a imaxe dun pobo desesperado que máis alá da súa seguridade pensou en salvar o ben de todos: o mar, a vida da ría. Esa resposta colectiva foi un claro exemplo do que Sartre chama "punto de fusión".

Sorprendentemente, temos outro exemplo ben próximo, o protagonizado polas Tanxugueiras, polas nosas pandeireteiras. Cantareiras que interpretan música propia das mulleres populares galegas, como un canto colectivo acompañado polas pandeiretas. Crearon un espectáculo popular e, ao mesmo tempo, dunha elegancia depurada. Elas, protagonistas, vestían de gala, pantalón de cor negro, corpiño adornado con acibaches, pendentes e aderezos representativos da xoiería galega. Eles, acompañantes, tamén de gala co seu corpo espido e saia negra ampla, bailaron cos pés na terra, descalzos ao son dos alalás e dun espectacular aturuxo das cantareiras. Feminismo implícito? O broche de ouro foi a canción en galego de nome sinxelo pero de profunda significación: Terra, na que o retrouso é "non hai fronteiras". Unha posta en escena de altísima calidade estética e artística. Pura representación da Galiza. Foron quen de unir vontades, expresadas e recollidas nunha votación popular que alcanzou o 70,75% dos televotos fronte ao 3,97% da gañadora oficial Chanel. A polémica polo resultado final obrigou a TVE a xustificarse. Mais, a nós interésanos sinalar aquí a resposta que como grupo humano, como nación galega, de forma espontánea, tivemos. De tal maneira que o MAR e a TERRA son dous exemplos de "puntos de fusión" no proceso de toma de conciencia de si mesma como nación galega.

Así mesmo, Jean Paul Sartre afirma, tamén, que os momentos de fusión son puntos de partida para continuar loitando na consecución dos obxectivos que como grupo se queren alcanzar.

Nós como nación galega temos que continuar loitando para que estes "puntos de fusión" sexan semente dunha nova Galiza.

Saúde e Terra.

Comentarios