Opinión

Defendamos o noso mar

Son da Coruña como toda a miña familia salvo o meu avó materno, mariñeiro de altura, que era de Aguete. Son de mar. Amo o mar. O mar representa para as galegas e galegos o seu alimento, a súa economía, a súa saída e relación co mundo próximo -somos atlánticos- e co mundo afastado: América. É a esperanza de moitos galegos e galegas. O mar sempre está, é máis, estivo sempre unido á vida e morte de moitos compatriotas. “Andamos ó mar” recórdanos Miriam Ferradáns a poeta de Bon, recollendo a fala das xentes do mar. Andamos ó mar. Pero os insaciábeis capitalistas das enerxías, axudados polos políticos “ignorantes, imbéciles e escuros” pretenden espoliar tamén o mar, o noso mar medio de vida e necesidade telúrica de galegos e galegas.

Os muíños no mar poden causar danos nos caladoiros, tanto nos peixes como na biodiversidade. A pesca na Galiza é un sector que xera gran valor engadido e os muíños mariños está por demostrar que creen emprego. O 10 de xuño de 2021 créase o Observatorio da Eólica Mariña, teoricamente nace como punto de encontro, foro de debate, entre administración autonómica, sector industrial e pesca, para analizar o impacto na actividade marítimo-pesqueira, no medio ambiente e no ecosistema galego. Para impulsar o desenvolvemento industrial e tecnolóxico. Mais para empezar non están representadas as asociacións ecoloxistas que solicitaron participar.

As multinacionais da enerxía (Iberdrola, Naturgy, Gas Natural Fenosa Renovables…) ven na nosa terra a fonte das renovábeis para España e Europa. Non hai monte na Galiza que non cobicen para os seus intereses. Estamos alerta. E agora queren tamén o mar. Chamemos a oposición as confrarías, as asociacións pesqueiras de patróns, ós mariñeiros e mariñeiras, as empresas que dependen da riqueza do mar galego e principalmente a todos e todas os que sentimos e vivimos a Galiza. Que nos deixan? Destrución. Non hai tarifa eléctrica galega, nen sequera pagan os impostos aquí. Pagan en Madrid, que ten protexida toda a súa Serra e nen un só muíño, as empresas pagan os impostos alí porque é un paraíso fiscal que se beneficia da nosa riqueza, sen que para nós teña repercusión nen sequer na factura da luz. Nós pagamos o recibo mais caro do Estado porque nos cargan o incremento que supón o recargo por traslado da electricidade de Madrid aquí. Mais, sendo nós produtores de enerxía limpa (auga e vento), excedentarios dun 30% da produción, para maior escarnio a enerxía consumida na Galiza é a mais contaminante, mais do 60% da enerxía utilizada aquí son combustíbeis contaminantes (petróleo, derivados e carbón) (Julio Pèrez, Faro de Vigo,18 de xullo de 2021). Nós producimos enerxía limpa e cargamos ca contaminante. Viva a colonización!.

Non deixemos que a nosa Costa da Morte e as nosas produtivas e bonitas rías sexan espoliadas novamente por estes insaciábeis capitalistas. Iberdrola quixo instalar un parque eólico na Mariña e Ortegal e foi arquivada a solicitude polo Ministerio de Transición Ecolóxica diante da petición das Confrarías (63 asociacións de mariñeiros) que se opoñen a instalación nestes lugares. Mais Iberdrola insiste na petición e está a reformular os parques mariños que propón para a Mariña e Ortegal. 

Cómpre que a nosa frota de baixura, arrastreiros, cerqueiros, barcos de artes pesqueiras fixas, mariscadoras, mariñeiros abandeiren as protestas. Un novo Prestige ameaza o noso mar. É necesario manifestarse para defender a Galiza mariñeira. Non deixemos que nos arrebaten o mar.

Comentarios