Opinión

Contradicións

Dubidei sobre que escribir porque este verán no Concello onde vivo –Barro– desfrutamos dunha serie de concertos musicais que poñen de relevo a vitalidade do noso pobo e o seu amor pola cultura musical popular. Estas actuacións tiveron diferentes marcos naturais, sempre merecentes de ser coñecidos. Unhas celebráronse en marabillosos montes, algún ten restos arqueolóxicos importantes como o monte A Chan en Agudelo, ou en Couso ou na Corticeira de Outeda. Outros actos realizáronse en lugares fermosos , a Fervenza de Barosa e as súas alamedas, ou no Pazo da Crega, lugares ben escollidos pola concellería de Cultura do Concello, elixidos polo interese para a veciñanza. Neles desfrutamos de grupos infantís de danza, de cantareiras –meniñas coa súa pandeireta– cantando na nosa e súa lingua, da banda infantil de música, alumnado da Escola oficial de Música. Escoitamos a Banda Xuvenil de Barro, unha realidade marabillosa da que saíron músicos profesionais e até un grupo Rock. Os adultos teñen grupos de danza Amor Ruibal, cantareiras, un coro… É un pequeno concello no que a música está presente e se cultiva con coidado e agarimo. Mais alá destas experiencias reconciliadoras cunha sociedade viva está o espectáculo e ameaza dunha política que non ten como fin o ben común, se non que parece favorecer as elites depredadoras e corruptas. O espectáculo político actual é demoledor para o que se di democracia. Escribo sobre unha sociedade viva ou sobre política xurídica?

É dun cinismo insultante defender a independencia do poder xudicial cando vemos a manipulación da xustiza

Fun profesora moitos anos de Filosofía Política e de Filosofía do Dereito. O alumnado de 1º C. de CC Xurídicas estuda a relación Política -Dereito. Nun estado de dereito democrático ten que haber un control recíproco e nunca sometemento dun poder a outro. En teoría, desde o s. XVIII, os Estados de Dereito caracterízanse: 1) pola división de poderes, uns controlan os outros para non se trocar nunha ditadura; 2) “Imperio da lei”; e 3), se é democrático, defensa de valores que no noso mundo son os dereitos humanos. Se falla algún destes principios non é unha democracia. O Estado de dereito democrático español está construído sobre o bipartidismo, PSOE e PP. Así a composición das institucións mais importantes: CGPX, do Tribunal Supremo, Tribunal de Contas, Defensor do Pobo, Tribunal Constitucional e Audiencia Nacional, sanciónase por votación dos tres quintos da representación das cámaras, deixando fóra as nacións “periféricas”e minorías. Gobernan os dous partidos maioritarios, PP e PSOE, por unha cuestionábel proporcionalidade do Congreso e Senado. Se un deles, como sucede na actualidade, non concorda no cambio obrigado por lei, prórroga sine die unha situación que ten que ser excepcional e momentánea para ser constitucional. Os que se chaman constitucionalistas dinamitan a propia é súa constitución.

Volvamos á tese do cui prodest –a quen beneficia esta actuación? Hai asuntos xudiciais pendentes de grande importancia. Recordemos que no Constitucional hai un recurso contra o xuramento de deputados que se se declara ilegal afectará a todos os representantes nacionalistas, cambiaría a composición do Congreso e do Senado. Na primeira elección ao parlamento galego foron expulsados, sen retorno, por non xurar a Constitución os representantes electos nacionalistas: Bautista Álvarez, Lois Diéguez e C. López Garrido. No Supremo está pendente a impugnación ao indulto dos presos do Procés. No de Contas o “delito” económico de 34 ex altos cargos da Generalitat. A impugnación da designación da fiscal xeral do Estado, cando está sendo investigado o rei emérito sobre comisións ilegais e a súa fortuna incalculábel e no caso Gurtel a propia legalidade do PP, que se alimentou de subvencións e prevaricacións, creando policías paralelas pagadas con fondos reservados do Estado. 

Este espectáculo ten beneficiarios. É dun cinismo insultante defender a independencia do poder xudicial cando vemos a manipulación da xustiza polo poder político e a actuación política do poder xudicial. O presidente do CGPX, Lesmes, que denuncia o bloqueo da institución e non dimite nin alenta a dimisión dos compoñentes da institución, convértese en “compañeiro de viaxe”, en colaborador da política do PP. É hora de cambios estruturais, o problema é o enquistamento antidemocrático nunha Constitución caduca e uns partidos políticos que non respectan as regras do xogo.

Comentarios