Opinión

Consideracións sobre igualdade

Falar de igualdade ten unha gran dificultade tanto a nivel individual como colectivo. Debemos falar de cousas concretas porque as palabras poden ser moi manipulábeis. 

Falar de igualdade significa, principalmente, referirse á "non discriminación". Mais a igualdade non é falar sen máis dela. Imprescindíbel é ter en conta as diferenzas para non ser inxustos. Poñamos un exemplo, non é igual falar da gratuidade das escolas infantís públicas, ás que toda a xente ten dereito a ir en igualdade de condicións económicas, científicas e sociais que da gratuidade das privadas. Subvencionar a gratuidade nas escolas privadas coas súas diferenzas ideolóxicas, científicas e sociais fomenta a desigualdade. Nós defendemos sempre o público porque é o que dá igualdade de oportunidades a todas as nenas e nenos. O público na educación é a liberdade, igualdade á que todos temos dereito. 

Outro exemplo, o PP, por boca de Rueda, sempre obediente a quen manda en Madrid, non quere tratar o tema da financiación de Galiza. Pero a débeda pública acumulada no primeiro trimestre do 2024 é de 12.397 millóns de euros. O gasto dos intereses desta débeda será de 500 ou 503 millóns de euros no 2027. Para Galiza é urxente negociar co Estado a condonación da débeda, pois é ruinosa.

Galiza é unha das tres "nacionalidades históricas recoñecidas na Constitución Española (art. 2), como herdanza da II República española. 

Afirma Castelao en Sempre en Galiza: "Entrego o Estatuto de Galiza o 15 de xullo de 1936 e tomou estado parlamentario na memorable sesión de Cortes celebrada en Montserrat o 1 de febreiro de 1938". "Anos máis tarde, creouse o goberno Extraterritorial da República hespañola, presidida por Giral [...] na cidade de México, o día 7 de novembro de 1945 lembrouse [Giral] do noso dereito coas seguintes verbas: Por último, Galicia dejó expresada su voluntad de autonomía en el texto del Estatuto plebiscitado y aprobado por el pueblo gallego, que en su día tomó estado parlamentario [...]. "E por resultas de esto eu veño de ser ministro do goberno que presidía Giral".

Esta é a igualdade política que conquistou o pobo galego na II República Española, que nos lexitima a nivel da Constitución española de hoxe. Obriga como nacionalidade histórica a negociar un financiamento propio como Cataluña e Euskadi. 
Unha igualdade non discriminatoria pero si diferente das outras autonomías. 

Comentarios