Opinión

Chamamento: non á colonización

Causa grande alarma e desacougo ver as noticias sobre a reforma enerxética e os proxectos de descarbonización a través das centrais (parques? non ) eólicas e plantas de hidróxeno. O programa Next Generation contempla grandes incentivos ás enerxías renovábeis. Galiza, sendo excedentaria en enerxía e sendo hoxe a segunda produtora eólica do Estado, é a terra cobizada polas grandes multinacionais: Endesa-As Pontes, Naturgy-Meirama, Liberty-A Mariña, Starkraf… Cobizada polos fondos de investimento dadas as súas características naturais favorábeis para estas enerxías e ademais polas facilidades que “o delegado do Reino”, señor Núñez Feixoo, dá ás grandes empresas multinacionais favorecendo a especulación. Mais isto non nos beneficia como país. Pois o prezo da luz para Galiza é superior á media dos países da UE, nin axuda á implantación de empresas con tarifas máis reducidas. Polo contrario, estase a desmantelar o tecido industrial e até a industria dos compoñentes eólicos como Siemens Gamesa nas Somozas (L. Rodríguez. Nós, 17 de abril de 2021).

Sobre as eólicas tense pronunciado o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza sentenciando que “supoñen unha grave afectación polo impacto visual e acústico”. Non poden asentarse en espazos protexidos nin proliferar indiscriminadamente. Pero as leis están obsoletas. Son de hai máis de vinte anos (1997). O Plan sectorial eólico e o Plan director da Rede Natura 2000 dan aparencia de legalidade. A Declaración de Impacto Ambiental trampéase ao dividir os 150 megawatts (MW), fragmentando en tres centrais de 50 MW, e así a autorización é da Xunta e non do Estado. Aplícase ademais “a nova lei da Xunta de reactivación económica”, eliminando prazos e límites á implantación das empresas. Os proxectos de enerxías limpas teñen Galiza como obxecto de explotación. É nestas situacións onde de maneira máis evidente comprobamos que Galiza é unha nación sen Estado de seu, dependente e subordinada. 

Exportando o 28% da electricidade xerada aínda teñen en tramitación 10.000 MW máis, 131 parques eólicos que non nos beneficiarían

A recente historia tráenos exemplos da industrialización que nos ten asignada o gran capital. Nos anos 60-70 tocaron os encoros, Castrelo do Miño foi o caso máis sonado, o intento de implantar en Xove un nuclear foi afortunadamente desbotado. Nos anos 70-80 os proxectos de instalación de celulosas: Dodro, Foz, Negreira, As Neves, Quiroga, Valdeorras, Toén, Punxín... Folgas e manifestacións dos mariñeiros de Laxe, Corne, Malpica e de organizacións como AN-PG e UPG paralizaron este desastre. Xa tiñamos en Pontevedra Ence e Elnosa. Hoxe o grande interese das enerxías limpas e renovábeis (37% das axudas da Unión Europea teñen este destino) representa un grave perigo para Galiza. Mais o problema non son as enerxías eólicas, coas que estamos de acordo, senón como se pretenden realizar masivamente e sen planificación, sen garantías para os propietarios nin respecto para as áreas de valor ambiental. O Observatorio Eólico da Galiza, creado pola Universidade de Vigo e as fundacións Illa Couto e Juana de Vega, axuda e asesora gratuitamente aos axentes e concellos do ámbito rural, alertando sobre os contratos enganosos. Xavier Simón, responsábel do Observatorio, sinala a especulación de intermediarios dos terreos que se benefician, moitas veces, da venda dos dereitos sen estar ligados nin tan sequera a proxectos empresariais eólicos. 

O BNG defende un novo Plan sectorial eólico galego participativo e dialogado ao servizo do país, público, xusto e sustentábel. Un plan que beneficie a cidadanía e desenvolva economicamente os concellos do rural, que exclúa zonas de alto valor ambiental. Pensemos que exportando o 28% da electricidade xerada as empresas da enerxía teñen en tramitación 10.000 MW máis, 131 centrais eólicas (L.R., Nós, 17 de abril de 2021) que en nada nos beneficiarían.

Toca compañeiras e compañeiros informarse e organizarse contra un novo espolio a terra.

Comentarios