Opinión

Ao redor da desobediencia civil

Últimamente escoitamos falar de desobediencia civil aos presos políticos cataláns. Os Estados democráticos de dereito caracterízanse polo "imperio da lei". Pero unha lei pode ser xusta ou inxusta, pode ser xusta para uns e inxusta para outros, por esta razón pode ser desobedecida. Nun Estado de dereito democrático e nun contexto ideolóxico pluralista é necesario asumir o criterio de maioría para adoptar decisións xurídico-políticas. A lexitimidade do Estado vén polo respecto dos dereitos humanos, os valores, que a propia sociedade se dá. A lexitimación sucede cando a sociedade asume esta legalidade. Pero, que sucede cando unha sociedade ou un individuo disente da lei? Desobedecer o Dereito por razóns políticas ou éticas pode facerse a nivel persoal, individual e por motivos de conciencia, ou ben, colectivamente de forma pública e política. No primeiro caso esa disensión recibe o nome de obxección de conciencia, no segundo chámase desobediencia civil.

No caso do Estado español partimos de: 1- Que vivimos nunha sociedade democrática, rexida polo imperio da lei e baixo un sistema garantista. 2- Que se rexe pola "regra de maioría". 3- Que defende os dereitos humanos entre os que, de forma canónica, están: o dereito de liberdade de pensamento (art.16 C.E. do 78), a liberdade de expresión (art. 20 C.E) e o dereito a participación política (art. 23 C.E).

No conflito político catalán os seus representantes, entre eles os que están na cadea e condenados, manifestaron no Procés que o sucedido en Catalunya o 1-O é o exemplo máis importante en Europa e, nos últimos tempos, de desobediencia civil dun povo.

Nas relacións entre política, moral e dereito a desobediencia civil é unha das formas principias de resistencia ao Dereito, de non acatamento á lei que rexe un Estado. A obxección de conciencia, persoal, ética, pode ser regulamentada pola Constitución como no caso da oposición ao servizo militar obrigatorio, ou ben, a negación a practicar un aborto no Sergas se unha é funcionaria e antiabortista. Pero a d.c. é a manifestación en contra dunha ou varias normas, incluso en contra dun Estado considerado inxusto pola súa actuación respecto a soberanía popular. Isto sucedeu con Henry D. Thoreau en 1846, primeiro teórico da desobediencia civil, quen denuncia os EEUU pola guerra con México, considerada polos abolicionistas como un intento de estender a escravitude a México a través dunha guerra en aparencia cun fin comercial.

A desobediencia civil é sempre política e pública, ten obxectivos de xustiza e ben común, determinados en ocasións, a través de procedementos democráticos. A insubmisión á lei pode ser ilícita pero non ilexítima, pois acepta o sistema de lexitimación democrática para a toma de decisións colectivas. É pacífica. Acéptase o castigo como sanción da transgresión por responsabilidade democrática. Unha característica importante é ser pacífica, admitíndose o dereito de defensa caso de ser atacado violentamente e non sería imputable esta violencia aos desobedientes. A desobediencia civil vén causada pola falta de confianza nun sistema político, que de forma reiterada, incumpre as demandas requiridas por unha cidadanía pacífica. É unha forma de presión social, política, democrática e pública que busca a repercusión nos medios de comunicación como instrumento de presión diante das institucións, causantes do seus agravios. Non pode ser recollida como dereito expreso na Constitución porque sería ir contra ela mesma. Os que teñen representación institucional poden sentirse obrigados eticamente a secundar a insubmisión ao Dereito como mandato da súa representatividade. Desde estas consideracións os dous millóns de cataláns/ás disidentes son un caso típico e sorprendente, por masivo, de desobediencia civil. A disidencia política nun Estado democrático forma parte dos dereitos humanos. As accións do 1-O non poden considerarse nin rebelión, nin sedición pois non existe levantamento armado. A sedición e a rebelión, neste caso, son "delitos de sospeita" máis propios dun Estado represivo que dun Estado que proclama na súa Carta Magna o dereito de liberdade ideolóxica, de reunión e manifestación (Luigi Ferrajoli).

Desde unha instancia persoal gústame recordar a tese dun gran mestre da ética: Javier Muguerza, quen propón como fundamento dos dereitos humanos "la disidencia frente a nada infrecuente inhumanidad del derecho, no menos lamentable y peligrosa en sus efectos que la ausencia de todo derecho"

Comentarios