Opinión

Ángel Amor Ruibal, un sabio políglota

Vivo na parroquia de Curro, Concello de Barro. O meu encontro con Amor Ruibal foi en 2019 con ocasión do 150 aniversario do seu nacemento. O concelleiro de cultura de Barro, Roberto Rivas, faloume de recordalo desde o seu lugar de nacemento. Así coñecín este pensador sorprendente, que no ámbito filolóxico tivo un recoñecemento europeo e internacional. Barro é un pequeno concello de Pontevedra, cabeceira do Salnés, cunha natureza rica potencialmente, cuns montes marabillosos, pero inzados de eucalipto. Hai cabalos soltos no monte nunha das parroquias (Curro) veciña da Escusa (Poio) onde ten lugar unha “rapa das bestas”.

Ángel Amor Ruibal é de Barro e igual que moitos nenos do noso mundo rural foi entregado con 10 aniños á Igrexa, ao convento de Herbón, aos 11 ingresa no Seminario de Compostela. De 1880 até 1894 ordénase sacerdote en San Martiño Pinario e dedícase aos estudos eclesiásticos. Os anos seguintes estuda Teoloxía, Dereito Canónico e linguas orientais. Nace no lugar de Cangrallo, Porráns, parroquia de San Breixo, concello de Barro, de familia labrega acomodada e morre en 1930 en Compostela, onde transcorre toda a súa vida, con excepción do ano 1895-96 que foi pensionado a Roma para facer o doutoramento na Pontificia Universidade Gregoriana, mais suspendeu porque se dedicou a estudar Dereito Canónico, non na Gregoriana senón nun Instituto próximo o “Ateno de San Apolinar”. A pesar do suspenso, pola súa sabedoría, o cardeal Martín de Herrera destínao á Universidade pontificia de Compostela, e mais tarde á Facultade de Dereito, onde ensina teoloxía fundamental e propedéutica teolóxica, trasladado á Facultade de Dereito explica Dereito Canónico e Estudos Superiores de Linguas Orientais até a súa morte en 1930. Coñece as seguintes linguas: bíblicas e antigas, grego, sánscrito, hebreo, persa e copto, árabe, latín e sirio. Modernas: italiano, francés, alemán, inglés, galego e castelán. É un dos grandes teóricos dunha ciencia que aínda non estaba constituída no seu tempo, da lingüística comparada, teórico das linguas comparadas indoeuropeas e camítico-semíticas. En 1890 é premiado pola Sociedade Oriental Xermánica de Berlín pola tradución da gramática sirio-caldea, será premiado de novo por esta Sociedade en 1893. As súas obras son moi importantes, tanto Los problemas de la Filología comparada, traducida a italiano, holandés, húngaro e alemán, e Los problemas fundamentales de la filosofía y el dogma, para traducir a italiano e francés. A súa personalidade é “orixinal”, parece solitario, non participa nos círculos intelectuais, xermanófilo adhírese ao “manifesto dos 93 intelectuais” redactado A. Von Harnack a favor do kaiser Guillermo II, aínda que discípulos seus din que foi antinazi, mais ama a cultura alemá das ciencias do espírito. Na proximidade era un home amable. Un discípulo fala dos seus 3 amores: á ciencia -ciencias do espírito- , á Virxe María como mediadora universal entre o mundo e Dios e á Galiza, pensa que a Galiza non ocupa o lugar que “por tantos conceptos lle corresponde”. Fala da necesidade de elevar a lingua galega á igualdade coas outras linguas porque ten capacidade para expresar todos os campos do saber. Critica os que se avergoñan de coñecela e utilizala porque as linguas son individuais pero colectivas, expresión dun pobo. Sobre a lingua galega tivo intención de elaborar o Dicionario Etimolóxico da Lingua Galega, e di “sería non só un reconto do léxico galego para a súa ben merecida valoración científica, senón unha reconstrución da súa vida interna, que fixera apreciar o seu verdadeiro alcance significativo e representación que lle corresponde nas orixe do castelán”… Sostén que “Na doce e expresiva lingua da Galiza encóntranse voces de orixe céltica, unhas segundo formas do vella bretón, do gaélico, do welsch etc, voces orixe gótico, xermánico, gregas, latinas, palabras de proxenie arábiga, fenicia, persa, sánscrito, aínda que sexan menos abondosas…”. Mais este traballo non chegou a publicarse e os materiais non se atopan. Sirva isto de mínimo preámbulo para aproximarnos a Ángel Amor Ruibal. Poderiamos continuar.

Figura como pensador solitario, sen discípulos. Mais decateime de que algúns dos profesores con mais “mando” da Facultade de Filosofía da Complutense de Madrid na que estudiei nos anos 60, son da promoción do 68, eran ruibalianos na súa formación filosófica e ideolóxica, xermanófilos, partidarios dunha filosofía idealista, incluído Heidegger, falando perfectamente alemán. A súa influencia pervive na Universidade de Compostela.

Comentarios