Opinión

Algunhas consideracións sobre as vacinas

Admiro os e as científicas, as investigadoras e son partidaria das vacinas. Todos e todas concordamos en que a ciencia é fundamental no desenvolvemento e progreso da humanidade. Mais o seu uso pode ser benéfico ou non, depende de quen controle os seus resultados. A investigación científica precisa apoios, cando menos económico. Por isto os avances para a humanidade poden ser utilizados por quen detente o poder político, ou ben, o poder económico. O espectáculo que ofrece a investigación médica e farmacolóxica, nestes tempos da Covid-19, polo control dos medicamentos e vacinas que poidan aliviar a presión na que actualmente vivimos é, cando menos, dramático. A investigación controlada polos grandes grupos do mercado e as potencias políticas nunha desesperada carreira por monopolizar mercados resulta tráxica e pode xerar na cidadanía desconfianza para someterse a unha vacinación tan necesaria. A inseguridade e o medo son sentimentos que se enquistan desde o escepticismo xeneralizado que se produce diante dos métodos mercantilistas usados contra o virus.

As vacinas representan a esperanza. É un grande éxito das científicas e científicos, das industrias farmacéuticas, pero mentres hai unha achega importante de diñeiro público, máis de 4.100 millóns de euros, os resultados están privatizados (Els Torreele, El País). Os organismos reguladores, as axencias do medicamento, FDA en EE.UU e EMA para a UE son unha garantía, mais a falta de transparencia das empresas farmacéuticas que controlan as fórmulas, as patentes, os prezos, os tipos de ensaios clínicos e non comunican con transparencia os resultados é incompresíbel. Non poden ser os intereses económicos e políticos os que prioricen os usos científicos. Estas axencias poderían compartir as experiencias e avaliacións. Hai 8 anos que a Organización Mundial da Saúde (OMS) acordou crear a Coalición de Autoridades Reguladoras del Medicamento (ICMRA) para trasladar información e protocolos.

É importante, no caso da Covid-19, que non só se comuniquen os achados sobre as investigacións das vacinas senón tamén os resultados dos ensaios posvacinación. O G20, a finais de novembro de 2020, definiu as vacinas como “un ben público global”. É que a inmunización ten que ser universal para que poidamos acabar coa pandemia. Mais, se algo nos ensina a globalización é que o global exixe o local. É dicir, é necesario apoiar a investigación de base para chegar a unha investigación especializada como no caso do coronavirus. O coñecemento non pode ser exclusivo dun grupo ou dun país. A situación dos investigadores e investigadoras da Galiza é de total precariedade. Cada país ten que apoiar o seu persoal investigador para non provocar a “fuga de cerebros” como sucede en Galiza por falta de estabilidade e dereitos. Asistimos estes dias ás reivindicacións dos e das investigadoras pola inseguridade laboral na que realizan os seus traballos.

O persoal investigador dos proxectos relacionados coa Covid-19 traballan sen sequera ter convenio. A contribución a “un ben público global” como son as vacinas procede da suma de moitos e moitas innominadas investigadoras. Por esta razón cada país ten que apoiar a investigación. A situación do noso persoal investigador é de total inseguridade. A Xunta ten unha liña de axudas subvencionados por fondos Feder 3M euros, promovida polo Ministerio de Economía, Emprego e Industria a través da Axencia Galega de Investigación. As 3 Fundacións Galegas de Investigación Sanitaria agrupadas na Plataforma Galega de Traballodores de Investigación Sanitaria de Galiza, que participan nesta liña de investigación, denuncian a paralización das negociacións do convenio laboral do persoal investigador.

Asumimos que a investigación sanitaria é unha “actividade fundamental”, unha obriga da Xunta de Galiza proporcionar unhas condicións dignas de traballo, salarios suficientes para vivir, dereitos a continuidade no emprego, recoñecemento dos dereitos laborais como calquera outro traballador. Asumamos que a vacinación é un deber social e universal.

Comentarios