Opinión

O álbum fotográfico de Feixoo

Noutro tempo non moi afastado nas casas había un álbum de fotografías. Recordo das vivencias mais estacadas da vida. Recordo das nosas xentes queridas ou acontecementos que non se debían esquecer. Actualmente, vivimos na cultura da imaxe, pero as novas tecnoloxías van cambiando os gustos e costumes. Hoxe, un álbum de fotos parece algo antigo. Falamos da vida dos individuos no seu ámbito familiar e privado. Pero no mundo público, no ámbito político, as fotos dun persoeiro público e, sobre todo, con responsabilidades políticas seguen a ter moita transcendencia. O grande e intelixente secretario do “Príncipe”, N. Maquiavelo, recomendáballe ó seu señor que na política é moito mais importante “parecer un home bo que propiamente selo”. 

As fotografías teñen ese inmenso valor de ser actas notariais das situacións mais diversas. No caso dos políticos poden até ser “testemuñas de cargo”. Esta é a cuestión que nos ocupa con Núñez Feixoo. Hai fotografías que revelan “amizades perigosas”. Fixaremos atención principalmente en tres fotos. A primeira serie reveladora foi a das fotografías no iate de Marcial Dorado, en actitude moi distendida, desfrutando do sol, en traxe de baño e coa crema sen estender, cando este xa fora acusado de narcotraficante. Anos máis tarde foi condenado a catorce de prisión. Feixoo era o número dous da Consellería de Sanidade da Xunta de Galiza. co Romai Becaría. Dezasete anos mais tarde, baixo a súa presidencia na Xunta os problemas sanitarios pola Covid, volverán poñer no primeiro plano a importancia das política públicas. 

Feixoo defínese a i mesmo como un “xestor”. Acudindo ás hemerotecas, o álbum fotográfico de Feixoo aporta unha segunda foto interesante a da súa amizade con Josefina Fernández, máxima responsable das residencias privadas, Domus Vi, medalla de ouro do Circulo Empresarial de Vigo. A Xunta aporta 65 millóns de euros para as residencias privadas. En 2020 financia 4.873 prazas en centros privados. Residencias que tiveron un alarmante número de mortes na Covid. No 2020 o Servizo Galego de Saúde recollía,en abril, 25 casos nas residencias 100% publicas, fronte a 888 contaxios activos nas privadas. Respecto ó persoal que traballan nelas, os resultados son igualmente sorprendentes: 32 traballadores contaxiados fronte a 347 nas privadas. O modelo asistencial das residencias privadas na pandemia quedou totalmente cuestionado polos seus fracasos. Mais o modelo continúa a ser apoiado Feixoo. 

Unha terceira imaxe é a que nos proporciona a súa relación cos empresarios das eléctricas. Caso moi relevante é o abrazo dispensado polo presidente e conselleiro delegado de Iberdrola: Ignacio Sánchez Galán, cando gaña as eleccións á Xunta no 2020.

A concepción política de Feixoo é a defensa dun bipartidismo protagonizado polo PP e PSOE, excluíndo a “todos os populismos de dereitas ou esquerdas” a súa defensa da unidade de España pasa por españolizar Galiza, explotar os seus recursos naturais, enerxéticos e até os aforros apoiando, como apoia, a Abanca do venezolano Escotet Impideo desenvolvemento normalizado da lingua galega no mundo real. O Decreto de Bilinguísmo de 1979 xa impedía a normalización mais no 2010 decreta a exclusión legal da lingua en materias tan importantes como as científicas, por exemplo, nas matemáticas. As escolas dos meniños son centros de desgaleguización. Feixoo, sen máscara, preséntase no “Foro la Toja Vínculo Atlántico” consagrando este bipartidismo, organizado polo empresario de Chantada Amancio López, creador da firma hostaleira Hotusa, que recibiu 241 millóns de euros da Xunta. O foro favorece os encontros entre políticos e empresarios. Presentes estaban o rei, Feixoo, Raxoi, González, Calviño, Alborés, Sánchez Galán, Escotét e Rivera. Dixitalización, emprego e cambio climático son “valores atlánticos” contrapostos a populismos e Afganistán segundo Josep Piqué, presidente do Foro. Un broche de ouro para o seu álbum fotográfico.

Comentarios