Opinión

O 8 de marzo e Galiza

Lucía Rodríguez en Nós afirma que “a desigualdade por razóns de xénero continúa intacta no mundo laboral”. Sostén que na Galiza do século XXI “o salario das mulleres é 20,5% inferior ao dos homes”, e que “o 23,9% das mulleres atópanse en risco de pobreza”. Traballo e formación, datos laborais e civís dan lugar ao nacemento dos feminismos sociais, de esquerda. Son o seu fío condutor a través dos tempos. O traballo remunerado na Ilustración é un valor social. As mulleres son excluídas do traballo retribuído, os traballos domésticos non se recoñecen e os labores feminizados foron sempre sinónimo de pobreza e marxinación social.

No XVIII, A Coruña e Ferrol son de adscrición real, non eclesiástica, pola súa situación estratéxica. Isto cría condicións especiais socioeconómicas. As mulleres coruñesas no XIX traballarán fóra da casa e loitarán por melloras no ámbito asalariado e político. A inicial industria fabril contou coas obreiras, cigarreiras, misteiras, conserveiras, salgadeiras… Só na Real Fábrica de Tabacos da Palloza en 1857 traballaban 4.000, que protagonizaron numerosos conflitos polas condicións do traballo. En 1900 foron reivindicacións sindicais. As cigarreiras eran un grupo á parte das obreiras proletarias, das traballadoras do porto e das mestras, enfermeiras, mandadeiras, augadoras, lavandeiras ou do servizo doméstico. En Ferrol, a finais do XVIII, a loita polos dereitos salariais foi continua. En 1795 a folga dos obreiros da construción naval obriga ao pago dos soldos. As mulleres dos obreiros están ao lado. O 10 de febreiro de 1810 os do naval e as mulleres marchan até as portas do Arsenal para exixir os salarios atrasados. A Audiencia da Galiza condena a morte dúas mulleres, unha degolada, Antonia Alarcón (Cilia Torna, Nós 9/02). Na Coruña, a finais do s. XIX, hai un feminismo burgués e un social.

O primeiro representado por Pardo Bazán, ilustrada, afrancesada, que defenderá o dereito das mulleres ao ensino superior. Conselleira de Instrución Pública, apróbase o Real decreto que autoriza a matrícula de homes e mulleres na Universidade en 1910. “Folcloriza” as mulleres populares galegas, identificándoas coa natureza, sen cultivar, asumindo inermes o seu destino fronte ao mundo ilustrado español do que forma parte. Do feminismo ilustrado social temos unha ferrolá, Concepción Arenal, universalista, racionalista moi influída por Kant, quen disfrazada de home en 1849 estuda dereito na U. Complutense e que masculiniza a súa vestimenta toda a vida para facerse oír como intelectual. Non aterra, porque é filla do contexto familiar e social, filla dun militar liberal progresista represaliado, a quen admira. Desde un utopismo moralista reforma o dereito penal. Galiza non aparece porque non contempla as bases materiais da sociedade galega. Afirma “formación e traballo remunerado” é o que precisan as mulleres para acabar coa pobreza que as marxina. A outra ilustrada é Rosalía de Castro. Feminista social quen, en palabras de García Negro, encarna “a trepia inadmisíbel de muller, patriota galega e intelectual”. Desde a súa identificación coa Galiza abandeira unha defensa inequívoca das clases populares galegas, como protagonistas da sociedade, da economía e da identidade da Galiza. As mulleres galegas móstranse como actores na sociedade, reclaman o seu recoñecemento sen mediadores. E con elas está a defensa da Nación galega.

A celebración do día internacional da Muller o 8 de marzo vén con motivo das loitas das traballadoras do téxtil en Nova York. A primeira folga en 1857 sinala o nacemento do feminismo social. Novas folgas das camiseiras de N.Y. en 1909 pola redución da xornada laboral, mellor salario e dereito ao voto. En 1910 Zetkin propón a creación o 8 de marzo do Día Internacional das Mulleres na II Conferencia de Mulleres Socialistas con mais de 100 participantes e 17 países “igual salario a igual traballo”, “a cuestión feminina é unha cuestión social”. En 1911 celébrase por primeira vez esta data. Días máis tarde morren, reclamando melloras, nun incendio pechadas na fábrica de camisas de N.Y. 146 persoas, das cales 123 mulleres e 23 varóns, todos inmigrantes. En 1975  a ONU declara o 8 de marzo como Día Internacional da Muller e en 1977 Día das Nacións Unidas para os Dereitos da Muller e da Paz Mundial. A loita continúa polos dereitos das traballadoras.

Comentarios