Opinión

Sentir o mar

Nunha vila galega de tradición mariñeira, un home narraba orgulloso o seu ultrapaso do ecuador. Na procesión do Carme lucía o seu uniforme de capitán e contaba a experiencia aos presentes, que non acreditaban moito. O noso protagonista, non tendo mellores argumentos, sentenciaba que cando se pasa o ecuador... "se siente". E así lle quedou 'Sesiente' desde aquela como alcume.

Descoñezo se se sente ou non o paso do ecuador, pero o que si se sente con total seguridade é o mar.

Nas actividades que organizan as asociacións en defensa da nosa cultura marítima e fluvial é unha constante a inclusión de colectivos desfavorecidos na navegación tradicional. É un deber e un compromiso, na liña dos obxectivos da axenda 20/30, mais tamén é unha oportunidade e unha aprendizaxe colectiva.

Existen varias asociacións que incorporan a náutica adaptada ou inclusiva nas súas programacións

As sucesivas edicións dos Encontros de Embarcacións Tradicionais de Galicia incorporan desde hai anos un programa inclusivo denominado "O mar para tod@s", dirixido a colectivos con diversidade funcional e en colaboración con entidades locais que teñen como principal actividade a atención a estas persoas. É un programa de éxito que racha barreiras e constitúe unha das estampas máis singulares e entrañábeis dos Encontros.

Noutra man, as xornadas "Sentir o Mar" teñen desenvolvido programas similares en distintas localidades galegas, en mutua cooperación entre asociacións da cultura marítima e fluvial e entidades como a ONCE, a UVigo ou os GALP.

Existen no país varias asociacións que incorporan de xeito central a náutica adaptada ou inclusiva nas súas programacións. Contan con barcos adaptados e participan en actividades organizadas pola FGCMF e os seus colectivos arredor da náutica tradicional. Asodiña coa súa gamela guardesa Roncadeira, Adeco-Dea coa súa lancha adaptada ou Sodináutica con varias embarcacións adaptadas, achegan a práctica da náutica a persoas que doutro xeito terían poucas máis opcións que ficaren espectadoras, nun país que mira ao mar, como o noso.

Hai uns meses asistimos á triste nova de que un destes colectivos debeu desfacerse das súas instalacións, que permitían o embarque de persoas con mobilidade reducida, ao ser desaloxada do seu emprazamento debido a que ocupaban o dominio dun gran estaleiro vigués, que reclamou o uso para a súa actividade industrial.

Era realmente difícil atopar para esta humilde instalación unha nova localización digna, atendendo ao enorme labor dunha asociación coma esta, que permitise continuar coa súa actividade inclusiva? Non temos currunchos suficientes no noso litoral para acubillar uns poucos metros de pasarela favorecendo que o mar realmente chegue a toda a sociedade?

O mar representa un valor diferencial e nese mar que nos identifica a navegación tradicional ten un valor único

Os países explotan os seus recursos da forma máis vantaxosa para desfrute da súa cidadanía, poñendo así os medios para unha vida máis plena, e tamén para persoas foráneas, amosando así ao mundo o mellor de seu. Países que, como exemplo, contan con boas condicións para a práctica do esquí teñen nese nicho de servizos unha oportunidade que non desaproveitan. Como fan tamén os países que venden sol e praia, os que venden historia e arte, os que venden gastronomía ou natureza.

Galiza pode vender moitas desas cousas, pero entre elas, o mar –o noso mar– representa un valor diferencial, e nese mar que nos identifica, a navegación tradicional ten un valor único.

Todas esas ofertas han contar coa inclusión como valor central, sen o que hoxe en día non é posíbel obrar. A navegación, e dentro dela, a navegación tradicional conta con esa capacidade. É polo tanto unha necesidade e un deber que o mar sexa realmente "para tod@s".

Nunha pasada experiencia inclusiva organizada na ría de Muros, varias persoas con visión moi reducida, cegas nalgúns casos, tiveron oportunidade de patronear un barco de vela tradicional. A xornada foi marabillosa e esclarecedora para quen participamos nela e puidemos observar con sorpresa e admiración a precisión coa que perciben a dirección do vento, como xogan a cana ou como cazan escota.

Persoas que nos ensinaron que o mar e o vento desfrútanse, vívense, e tamén se senten.

Comentarios