Opinión

A Rabandeira navega de novo

Nas terras de Carnota non hai árbores. Non hai "colitos", carballos, laranxeiras ou nespereiras, e non é que de súpeto se teña convertido nun deserto; é simplemente que en Carnota só hai pinos. Iso si: poden ser de distintos tipos. Hai pinos que dan figos, outros dan limóns, outros non dan nada… E así até completar toda a variedade arborícola que podemos contemplar nas ribeiras e nos montes de Carnota. E é que en Carnota, todas as árbores son pinos. A tal punto chega a sinécdoque que incluso os paus do tendido eléctrico se chaman así: son os "pinos da lus".

Algo semellante pasa cos barcos tradicionais galegos, e é habitual en medios de comunicación ou en ámbitos coloquiais que calquera barco de madeira sexa denominado dorna.

Con frecuencia escoitamos falar de dornas cando en realidade estamos observando lanchas, gamelas, botes, canoas, tarrafas, carochos, bucetas, volanteiros, galeóns… e así até dúas ducias de tipoloxías tradicionais que representan unha enorme riqueza e diversidade, ligada ás diferentes condicións do mar ou do río en que naveguen, faenas e artes que utilicen, clima local ou outros factores que caracterizan estes barcos de forma singular.

Tipoloxías que, ademais, arrastran tras de si toda a cultura ligada ao léxico das pezas e partes do barco, ás técnicas de navegación propias de cada área xeográfica, ás formas e técnicas construtivas e mil e un saberes máis que conforman un enorme corpus de coñecemento, creado ao longo de milenios e que perdura entre nós, a pesar das múltiples ameazas que ten que enfrontar, e que van desde a irrupción masiva das novas tecnoloxías e materiais, á desculturización e alienación monocromática que pugna por impoñerse en amplas capas da sociedade.

Cada unha desas tipoloxías, netamente diferenciadas, admite aínda subtipoloxías varias, atendendo a características ou usos particulares que multiplican a diversidade e riqueza deste patrimonio cultural, tecnolóxico e etnográfico.

Entre todas elas, efectivamente a dorna é unha das máis recoñecíbeis e emblemáticas, un tipo de embarcación que –neste caso si– permanece viva, e que como outras conta con diferentes alcumes que recollen a denominación específica das variantes a respecto da categoría troncal, como a dorna polbeira, a dorna de tope, a dorna nai ou a dorna xeiteira.

Por todo o noso litoral perduran centos de cascallos que no seu día foron xoias da construción naval en madeira

Pois ben, estes días podemos congratularnos pola recuperación dun destes barcos que, en palabras dun vello compañeiro no desfrute da cultura mariñeira, nunca fixo unha manobra falsa e deu sempre un excelente navegar.

Construída en 2001 por Domingo Ayaso, un dos históricos mestres carpinteiros en activo até hai ben pouco, a Rabandeira narra perfectamente a película do que debe ser o espírito de salvagarda desta cultura e o espírito de cooperación entre persoas, asociacións e institucións para rescatar da lama un barco que foi glorioso nos seus tempos, e que afortunadamente volve navegar polo mar da Arousa.

A Rabandeira é unha dorna xeiteira cun pasado que a levou ao abandono en varias ocasións, e que noutras tantas tratou de ser recuperada como unha das representantes máis singulares da súa fasquía. Final e felizmente, hai só uns días volveu ao mar tras case un ano de traballos de restauración que a salvaron dunha morte segura, grazas ao acordo de cesión que se logrou, coa mediación de Culturmar, entre a Asociación Rabandeira, anterior propietaria, e a Asociación A Torre de Cambados, que acaba de devolver o barco á vida como ben cultural colectivo, co esforzo humano dos membros da asociación e coa colaboración de institucións como o Concello de Cambados e a Deputación de Pontevedra.

Tras o éxito do labor feito, só fica continuarmos neste camiño, no que temos aínda moito que andar. Perduran repartidos por todo o noso litoral, en portos, abras, areais, esteiros e pendellos, centos de cascallos que no seu día foron xoias da construción naval en madeira e que esperan un golpe de fortuna que os tire do esquecemento definitivo. Barcos que contan en moitas ocasións cun valor histórico engadido polas peripecias vividas.

Cada barco salvado é un novo "pino da lus" na senda da nosa cultura, así que non queda máis que desexar bos ventos para a Rabandeira!

Comentarios