Opinión

Quinta provincia

A pasada fin de semana a nosa cultura, e particularmente a marítima, volveu deixar pegada en terras vascas. 
Alí celebrouse o II Festival Marítimo de Pasaia, que contou cunha ampla presenza galega no mar e en terra e, desde logo, no ambiente e no espírito da poboación local, tripulantes e visitantes.

Superada a pandemia ou, cando menos, normalizada en boa medida a nosa convivencia colectiva co virus, a frota tradicional galega volveu levantar os rizóns. E fíxoo marcando varios e ilusionantes rumbos, e entre eles, esta expedición como primeira etapa. En 2018, con Galiza como convidada de honra na primeira edición deste festival marítimo, participaramos con ducia e media de barcos e unha ampla mostra en terra, que contou con obradoiros ao vivo de oficios tradicionais, unha área gastronómica ou unha mostra de artesanía galega, entre outras. Nesta segunda edición tivemos igualmente unha digna representación, composta por unha decena de barcos e, de novo, unha exhibición integrada por varios proxectos nos que andamos embarcados.
Tras o temporal dos últimos anos, que levou por diante a edición do "Itsas" de 2020 e o XV Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia de 2021, neste 2022 o mar volve estar calmo e o vento propicio para izar velas.

Así se puxo de manifesto estes días en Pasaia. A voz galega fíxose sentir con forza desde as semanas previas, con dous barcos emblemáticos navegando rumbo a este porto guipuscoano. O Piueiro da Guarda mais a Irmandiña do Grove deron boa conta do labor de salvagarda do patrimonio desenvolvido polos colectivos espallados por todo o litoral galego. Acompañaron outros oito barcos que foron por estrada, representando diferentes fasquías da nosa construción naval en madeira e, de novo, unha mostra en terra na que presentamos diversos proxectos arredor da cultura marítima. A preciosa goleta Evangelina, dedicada ao uso comercial e representada polo seu chinchorro, mostrou as posibilidades que ten o país para ofrecer actividade no mar absolutamente única e diferencial, cunha inigualábel calidade cultural e turística. Xunto con ela, exhibimos tamén o proxecto de recuperación dos campionatos de regatas tradicionais, rescatado esta vez baixo o nome de Copa Mörling de Dornas a Vela, en honor ao que foi un dos precursores do amor e do respecto pola cultura marítima galego-portuguesa que hoxe está presente con músculo en Europa, copa que arrancará en Portonovo o vindeiro 18 de xuño e que ten entre as súas finalidades a de atraer ao público xuvenil á actividade no mar e ao compromiso coa cultura mariñeira. E finalmente, presentamos o Proxecto Fasquía 3D, que incorpora tradición e tecnoloxía arredor da impresión de maquetas tridimensionais de barcos tradicionais galegos, a partir de planos e arquivos levantados mediante diversas técnicas.

Este último foi sen dúbida unha das estrelas do Festival, e mostrou a importancia de salvagardar as formas das nosas embarcacións como garantía fronte á ameaza da desaparición dos modelos reais, conservando así a memoria destas xoias e brindando a posibilidade de recuperación a través de réplicas, cun claro compromiso cultural ademais, por permitir ao público interesado descargar libremente os modelos dixitais a través da web propia do proxecto.

En fin, toda unha festa na que non faltou desde logo o selo galego nas augas de Antxo, onde o público visitante puido desfrutar desde terra ao ritmo das gaitas que puxo a tripulación do Piueiro, navegando baixo a mirada da enorme figura de Rosalía impresa na súa impoñente vela; ou en Trintxerpe, onde as tripulacións participantes de todas procedencias sucumbiron ante a forza da nosa música, do noso canto e do noso baile tradicional e festivo.

Trintxerpe é coñecida como a quinta provincia galega debido á gran comunidade instalada alí. E durante a estadía da nosa expedición en Pasaia, Trintxerpe deixou de ser provincia para converterse por uns días na auténtica capital galega da cultura.
Xa de volta, coas mans curtidas do salitre cantábrico, miramos de novo á proa coa ilusión de sempre e coas velas despregadas en busca de ventos favorabeis.

Comentarios