Opinión

Preservar o saber

Recentemente o comentarista dun concerto de música clásica retransmitido ao vivo por televisión engadiu ás súas achegas sobre as obras interpretadas unha reflexión persoal que me sorprendeu gratamente e á que me sumei de contado. O comentario, no actual contexto dunha reforma educativa (até agora permanentemente inacabada), foi arredor da necesidade de que a música siga presente nos currículos escolares. E achegou unha boa colección de razóns, nada impostadas, nin académicas, nin investidas de falsas pedagoxías, pero irrefutábeis pola súa radicalidade social, cultural, educativa e incluso política, e por viren precedidas de miles de anos de historia nos que a música sempre foi considerada como unha das disciplinas do máximo valor formativo, se ben está, no noso sistema educativo vixente, claramente infrarrepresentada.

Andando nestas divagacións, pensei na importancia que ten un bo deseño integral do sistema educativo que responda ás necesidades básicas dunha formación de firmes e amplos valores culturais e humanos e tamén, como non, que sexa capaz de dar resposta á demanda dos diferentes sectores profesionais existentes ou doutros emerxentes.

Nesta liña e de maneira sinalada, a FP é un marco idóneo para a preparación de persoas con determinados perfís profesionais que, polas súas características, deben ser potenciados. Profesións como as relacionadas coas novas enerxías, por poñer un caso evidente, teñen un gran retorno social, co que o investimento acaba sendo realmente rendíbel.

Un catálogo adecuado de titulacións ten tamén a capacidade de devolver o futuro a vellos oficios que nesta altura están a piques de desaparecer, como o de mestre carpinteiro de ribeira. Neste campo a potencia histórica do noso país está fóra de toda dúbida, e é de lamentar que dos centos de carpintarías de ribeira que houbo até o último cuarto do século pasado, hoxe só fiquen unhas poucas ducias operativas mantendo a memoria dos vellos mestres.

Existe un título profesional que recolle estas competencias, mais sorprende a inexistencia dun só ciclo formativo en Galiza que permita obter ese título nun sector que pode e debe ser estratéxico.

A carencia desta ensinanza regrada impide que os saberes se transmitan e que o oficio se recupere nas condicións que as normas e o mercado impoñen. O resultado está á vista: é difícil obter man de obra nova e formada neste sector, é difícil contratar labores de mantemento da nosa numerosa e rica frota tradicional ou contratar a construción de novos barcos de madeira, limítase a capacidade de innovar neste eido aproveitando o inxente corpus de coñecemento que atesouran os vellos mestres, en definitiva, asistimos en directo á triste agonía dunha industria dun innegábel valor cultural, á vez que deixamos pasar unha oportunidade de ouro para o futuro desenvolvemento económico e industrial do país, con conexións evidentes con outros sectores e en harmonía cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostíbel 20/30.

Abonda con falar dunha nova vida para a explotación racional dos montes, dunha maior distribución da riqueza, de favorecer as poboacións locais e o desenvolvemento das pequenas e medianas comunidades e industrias, da innovación tecnolóxica, da redución de residuos e do consumo de hidrocarburos, de preservar o patrimonio material e inmaterial...; todos eles obxectivos nos que a construción naval en madeira é vantaxosa fronte outras industrias.

Hai exemplos de como a política formativa pode contribuír a conservar os valores culturais propios dun territorio. Por citar algún, o título de Artista Fallero na Comunitat Valenciana permite a capacitación e garante o relevo xeracional nunha industria tradicional cun enorme rédito socio-económico.

A implantación en Galiza dunha titulación de FP que contribúa a reverter esta situación, dando nova vida ás técnicas construtivas dos carpinteiros de ribeira e ás carpintarías en condicións de viabilidade de negocio conta, neste contexto, cos elementos necesarios para garantir o éxito: existen os saberes, existe a demanda de actividade no mercado, existen instalacións que alberguen a formación en centros de traballo e existe o futuro.
É un reto que debemos asumir e que impulsará sen dúbida unha cultura que nos pertence, que nos diferencia e que nos devolverá a posición preeminente nunha tecnoloxía e nuns saberes con futuro e proxección en múltiples direccións.

Comentarios