Opinión

Pereka, Xarandeira, Fuxe...

 

Son os nomes das dornas que ocuparon os postos de vencedoras na primeira edición da Copa Mörling de Dornas a Vela, que hai poucas semanas celebrou a súa xornada de clausura coincidindo coa quinta e última regata, disputada en Portonovo baixo un vento fresco de rigor.

A Copa supuxo un reto para a organización e os equipos e colectivos participantes, e converteuse nun éxito atendendo ao número de dornas e tripulacións inscritas, mais non só por iso.

A recuperación daquela Copa Galicia, agora Copa Mörling, é unha demostración de que a vela tradicional ten atractivo e futuro

Fagamos un pouco de historia.

Hai máis de dúas décadas xa se celebraban campionatos de dornas nas nosas rías baixo o nome, na altura, de Copa Galicia de Dornas. Eran tempos nos que a cultura marítima galega comezaba a agromar cun número crecente de colectivos espallados por todo o litoral galego, cunha estrutura federativa sólida e dinámica, cun amplo abano de relacións institucionais, con presenza en diversos eventos de carácter europeo e coa consolidación progresiva de distintas iniciativas como, en especial, os Encontros de Embarcacións Tradicionais.

Se levamos a vista aínda uns anos máis atrás, as regatas de dornas, bucetas, canoas ou botes formaban parte das tradicións dos vellos mariñeiros que, ben por chegar os primeiros á descarga do peixe ben por demostrar a pericia dos patróns e tripulacións na arte de velear, por poñer a proba as características construtivas ou as prestacións do barco ou ben por simple rivalidade e divertimento, puñan todo o seu empeño en demostrar ser os mellores.

Tamén o espírito competitivo inspira hoxe as tripulacións destas dornas que, no século da tecnoloxía, seguen máis vivas que nunca, poñendo de manifesto o éxito dun deseño tradicional e transcendente; ese éxito do que falaba Staffan Mörling cando se refería á súa estabilidade estrutural. E é que, efectivamente, o feito de que esas formas permanezan ao longo dos séculos é consecuencia directa do perfecto acoplamento entre as súas prestacións, as necesidades e circunstancias para as que foron pensadas e construídas e a identificación dos mariñeiros coa súa cultura e modo de vida.

Pero hai moito máis que iso. Na organización desta Copa confluíron, alén desa natural competitividade, outras sensibilidades, que van desde o espírito colaborativo dos colectivos locais na organización de cinco regatas en cinco portos diferentes, á definición dun regulamento consensuado que puidese ser asumido por todas as tripulacións participantes, ante a dificultade de transitar das particularidades de cada casco e aparello a unhas condicións homoxéneas de competición.

As regatas de dornas, bucetas, canoas ou botes eran parte das tradicións dos vellos mariñeiros, ben por chegar os primeiros á descarga do peixe ben por demostrar a súa pericia na arte de velear

Aínda máis atrás, aparece a figura do referido Staffan Mörling, antropólogo e etnólogo sueco que se fixo un oco entre nós aló polos anos 60, cando recalou en Bueu seguindo a pista das técnicas construtivas e das fasquías dos barcos das Illas Feroe, e que atopou nas nosas rías auténticas e fondas conexións culturais entre aqueles barcos nórdicos e as nosas dornas.

Hoxe, a recuperación daquela Copa Galicia, agora baixo a nova denominación de Copa Mörling en merecida homenaxe ao que foi estudoso, amante e defensor do valor deses pequenos e lixeiros barcos de madeira, é ademais unha demostración de que a vela tradicional ten atractivo e futuro, achegando múltiples valores de interese social, desde o voluntariado cultural á actividade física, desde a integración á sustentabilidade medioambiental.

E chegando a este punto pechamos o círculo...

Con nós, na entrega de premios, tivemos a ocasión de partillar con Chefa e Charlotte, viúva e neta respectivamente de Staffan Mörling, lembranzas, vivencias e sensacións de agradecemento e de orgullo, por termos sido capaces de manter vivo este legado, como vivas mantemos tamén a lembranza e gratitude cara o "sueco de Ons" e á propia Chefa. Xunto cos trofeos que recibiron as tripulacións gañadoras, a mesma Chefa recibiu o agasallo de toda a cultura marítima galega pola contribución de ambos os dous á súa posta en valor.

A ese mesmo agasallo, que recibiu emocionada, retrucou con outro que, tan improvisado como sentido, regalou a toda a audiencia, a xeito de copla dedicada ás dornas e ás velas e que nos cantou ao vivo para pechar unha gran xornada e unha gran primeira edición da Copa Mörling.

O vento segue soprando.

Comentarios