Opinión

Novo escenario para a frota tradicional

O pasado mes de xullo creouse por fin o Censo de embarcacións tradicionais e barcos históricos, como unha sección do Censo do Patrimonio Cultural de Galicia, inaugurado con 23 barcos e engrosado dous meses máis tarde con outros 27, que suman en total medio cento de barcos, representantes xenuínos de distintas tipoloxías, técnicas construtivas e de navegación, artes, faenas e áreas xeográficas ao longo do noso rico e diverso litoral. Recóllense nel datos básicos de cada un dos barcos inscritos, incluíndo as súas medidas, propulsión (normalmente vela e remo), carpinteiro que os construíu, tipoloxía, titularidade ou porto base.

Foi un proceso longo e complexo, pero finalmente vai dando o froito desexado e apunta a novas metas. Efectivamente, hai milenios que o noso país, deitado no mar de xeito indisociábel, foi construíndo un corpus cultural, social, económico e tecnolóxico de seu arredor da construción naval, favorecido e caracterizado polas condicións climáticas, a orografía e riqueza dos nosos mares, o éxito dunhas formas perfectamente adaptadas ás necesidades das distintas faenas mariñeiras e á dispoñibilidade de madeira como materia prima. Esta permanente evolución deu lugar a ducias de variedades tipolóxicas coa súa correspondente diversidade subtipolóxica, incluíndo o deseño de velas e outros elementos adaptados ás diferentes necesidades da navegación, para constituír unha riqueza única dentro do panorama mundial da cultura marítima e fluvial.

Unha constante adaptación que ten a súa contraparte na estabilidade cultural das formas, é dicir, na conservación das súas esencias e na plena identidade cultural e vital dos mariñeiros cos seus barcos, como "extensións dos homes no mar", en palabras da nosa querida profesora Ivone Magalhães. Nesa liña, Staffan Mörling fala da identificación dos mariñeiros co seu sistema produtivo e cos seus medios de produción, como membros de comunidades homoxéneas e diferenciadas, perdurábel a través do tempo e aínda hoxe patente.

Sobre esta base histórica, desde os primeiros estudos técnicos e etnográficos os barcos foron cobrando un valor crecente como elementos patrimoniais de capital importancia e como expresión do ser mesmo das xentes do mar, xunto coa poesía do mar, o léxico, a cultura oral ou outras manifestacións de carácter similar.

Pois ben, unha década atrás parecía inminente que este patrimonio fose recoñecido oficialmente polo goberno galego, procedendo á definición do carácter de embarcación tradicional e ao desenvolvemento legal e administrativo arredor do seu rexistro e das medidas de salvagarda a aplicar. Recoñecemento que aínda demorou dez anos até traernos directamente ao presente, en que por fin Galicia, na vangarda peninsular, conta cun Censo de embarcacións tradicionais que vén outorgar carta de presenza a eses barcos, en aplicación do decreto que en 2019 recoñeceu as técnicas construtivas da carpintaría de ribeira como Bens de Interese Cultural.

No proceso de solicitude e inscrición interveñen diferentes axentes que valoran a súa pertinencia a través de informes de conformidade construtiva e tipolóxica por parte de persoas expertas, nomeadamente carpinteiros de ribeira, enxeñeiros navais ou dinamizadores deste patrimonio como un activo social.

Como conclusión, temos no Censo un instrumento útil, mais fica á fronte a necesidade de que as institucións tomen decisións estratéxicas para dotar os nosos portos de espazos adecuados (mariñas tradicionais) que achegarán un valor engadido único no ámbito peninsular, favorecer a súa dinamización social a través da bonificación de taxas, favorecer a industria da construción en madeira e a transmisión dos saberes, incrementar o investimento na actividade e na difusión e promulgar normas que regulen as especiais circunstancias en que se debe desenvolver a navegación tradicional, evidentemente particulares e diferenciadas da navegación comercial, deportiva ou de lecer, como consecuencia tanto das características construtivas propias como dos obxectivos que se perseguen.

Trátase, en definitiva, de aproveitar as nosas fortalezas en beneficio común, no entendido de que unha cultura só perdura se se mantén viva.

comentarios