Opinión

Nieves: a perda dunha catedral

Unha catedral é probabelmente unha das obras artísticas máis complexas e completas que pode exhibir unha comunidade como mostra do seu potencial cultural, tecnolóxico e económico. A nosa catedral por excelencia reúne, nun proxecto transdisciplinar e transxeracional, a historia dunha comunidade humana milenaria, expresada en termos de arquitectura, urbanismo, artes e oficios, imaxinario popular, relacións interculturais, música ou produción de textos.

A reprodución dos instrumentos do Pórtico da Gloria permitiu recuperar a memoria dos antigos modos musicais, de igual xeito que o Códice Calixtino permite coñecer un período histórico completo do noso país ou que a planificación urbana da Praza do Obradoiro e de toda a contorna resume o noso curso histórico durante unha chea de séculos, até incluso conectar co noso tempo.

Quen non sente o orgullo por esta creación única que a día de hoxe segue a ser punto de encontro de multitude de manifestacións colectivas de toda caste? E a quen se lle pasa pola cabeza que o abandono ou calquera nova directriz urbanística ou construtiva fose resultar nunha hipotética perda dun símbolo que nos é propio, mais tamén universal?

Pois ben, con estes precedentes, nos últimos días asistimos lamentabelmente á demolición ao vivo doutro dos nosos monumentos, aínda que desta volta non tiña os seus alicerces na terra, senón no mar.

O mestre carpinteiro Manuel Domínguez Lestón, 'Mayo de Viro', construíu unha auténtica catedral flotante de 128 toneladas

En 1918, vai mais dun século, foi construído en Broña, na Serra de Outes, o pailebote Nieves. O mestre carpinteiro Manuel Domínguez Lestón, alcumado 'Mayo de Viro', construíu unha auténtica catedral flotante de 128 toneladas. O Nieves armaba tres mastros e tiña máis de 27 metros de eslora e 7 de manga, cun valor estipulado de 100.000 pesetas.

O barco pasou, entre outros portos, por Muros, O Grove e Vigo, até que finalmente foi vendido a un alemán. Nesta singradura tivo distintos propietarios e recibiu diferentes nomes que a punto estiveron de provocar a perda definitiva da "trazabilidade" do seu periplo vital: Masiques, Nostramo...

Co nome Conquistador, recalou en Fuerteventura operando como barco turístico até que foi finalmente abandonado, intre no que comezou unha lenta agonía até a súa recente morte.

O abatemento do Nieves é resultado do expediente de abandono cursado por Puertos Canarios, quen se fixo cargo do mesmo ante a súa situación calamitosa no porto de Gran Tarajal, até que un xuíz decretou o auto de retirada e desmantelamento.

Resultaron infrutuosas as alternativas que se puxeron sobre a mesa para manter en vida unha das nosas xoias da construción naval, que pasaban por unha varada provisional que permitise nun período de tempo razoábel a procura dunha solución viábel para devolver o Nieves ao seu esplendor pasado.

Resultaron infrutuosas as alternativas que se puxeron sobre a mesa para manter en vida unha das nosas xoias da construción naval

Coincide esta crónica cun momento esperanzador para a frota tradicional galega, no que se están dando pasos para a súa salvagarda como bens de interese cultural, en aplicación da normativa galega que traslada as directrices da Unesco e da UE sobre o patrimonio marítimo. E sorprende que un barco centenario, un dos produtos senlleiros do saber dos nosos carpinteiros de ribeira, construído no que foi un dos centros de construción naval mais importantes de Europa, desapareza de "morte matada", en ausencia de sensibilidade colectiva sobre a enorme perda que isto supón.

Hoxe temos unha catedral menos, que merecidamente podería ser o buque insignia do recentemente creado Censo de Embarcacións Tradicionais e Barcos Históricos de Galicia, algo que debe levarnos de novo á reflexión sobre o valor do que temos, e da importancia de que tanto as institucións como a sociedade civil sexamos partícipes activas da salvagarda do noso patrimonio.

DESTAQUE

Comentarios