Opinión

A navegación tradicional: mar de oportunidades

En xuño de 2018 o Ente Público Portos de Galicia convocou a un proceso de consulta a distintos axentes relacionados co mundo do mar, nunha visión panorámica co obxectivo de deseñar o Plan Estratéxico da Náutica Recreativa de Galicia (PENR) para o período 2020-2028.

Unha das mesas de traballo, titulada Turismo e Lecer, contou coa participación da Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial–Culturmar. Nela achegáronse diferentes visións sobre as oportunidades que Galiza ofrece á hora de dinamizar o mar como fonte de actividade, coa múltiple perspectiva da cultura, do lecer, do turismo, da actividade física, do coñecemento do medio natural ou da actividade económica.

Co antecedente do anterior plan (2012-2020), elaborado en base a achegas desde mundo académico, institucional e outras, deuse unha visión da enorme potencialidade da navegación deportiva e de lecer. Con datos cuantitativos e cualitativos sobre as posibilidades do noso litoral, sinalábase de xeito explícito a misión de facilitar o desenvolvemento da náutica recreativa facéndoa accesíbel á poboación local e presentando unha oferta atractiva que posicione a Galiza no mapa mundial da náutica recreativa, aportando desenvolvemento social e económico dunha forma sostíbel.

En comparación con outras rexións atlánticas, competimos con vantaxe se utilizamos parámetros específicos como a climatoloxía, as condicións de navegabilidade nas rías ou a rede de portos e abrigos, mais tamén atendendo criterios comúns a toda caste de colectivos, como son a oferta cultural e turística.

Con todo, nesta estratexia botábase en falta un elemento diferencial no que dificilmente nos poden superar estas rexións atlánticas ou incluso outras mediterráneas, e que temos a tiro de pedra, espallado por todo o litoral: as embarcacións tradicionais de Galiza, presentes na maior parte dos nosos portos máis importantes, teñen, pola súa cantidade, diversidade, conservación e dinamismo, a potencialidade de achegar un valor engadido determinante na oferta náutica, xunto co resto de elementos materiais e inmateriais que conforman o noso patrimonio marítimo.

A navegación tradicional ofrece actividade física e deportiva, saúde, lecer, sustentabilidade, formación, coñecemento e respecto do medio e do patrimonio, integración social e eliminación de barreiras sociais e económicas...

Aquela mesa resultou interesante polo seu carácter propositivo, e nun duplo acto recíproco de orgullo e humildade, partillamos a confianza nas nosas fortalezas, mais á par tamén soubemos recoñecer boas prácticas que operan noutras comunidades europeas, que lles permiten, en condicións menos favorábeis, ter no mar unha fonte de recursos cuns réditos sociais realmente envexábeis. Falamos de rexións como Bretaña, Países Baixos, Dinamarca ou o Reino Unido, onde o mar forma parte inseparábel da vida das comunidades locais, desde nenas e nenos, a persoas de todas as idades e condicións ocupadas na náutica tradicional, mantendo e transmitindo o seu saber.

Hai exemplos de éxito que indican o camiño: a recuperación da construción en madeira, a creación das mariñas tradicionais, dando visibilidade ás frotas e achegando un innegábel valor engadido aos nosos portos e vilas mariñeiras, ou a creación de escolas de navegación tradicional onde aprender a navegar, a coidar e mimar os barcos e a preservar a cultura mariñeira e o léxico propio das faenas, artes ou partes do barco.

Se todo isto é posíbel, nós témolo ao alcance da man. A frota tradicional galega é un museo vivo de gran valor patrimonial e cultural, á vez que deportivo ou recreativo e de gran proxección turística e promoción económica, que pode e debe ser aproveitado.

Temos pendente esta materia, e aprobala pasa inevitabelmente polo recoñecemento das condicións especiais desta frota, que implica a aplicación de normas especiais de navegación, seguridade e conservación, a creación dunha lista específica ou a procura de acubillos dignos nos nosos portos en condicións acordes cos tratados internacionais sobre a súa salvagarda.

Só resta crermos que é posíbel.

Comentarios