Opinión

Dornas e pementos

Cruzar os lindes do país permítenos atopar múltiples imaxes que lembran a nosa orixe: sinais das mil variantes do Camiño, o polbo á feira nos restaurantes... Son cousas que nos fan sentir preto da casa aló onde esteamos, e son tamén elementos distintivos que as xentes de fóra identifican inmediatamente con nós. Son as nosas marcas, o que proxectamos como xenuinamente noso, a nosa estampa inconfundíbel e carta de presentación no mundo.

Este constructo, que podemos reunir baixo o xenérico de patrimonio, creado aquí por xénese propia e por intercambio con outros pobos, e parte xa da historia e da cultura universal, debe ser entendido como unha responsabilidade: custodiar, preservar e exhibir uns bens dos que somos depositarios. A nosa música e literatura, a arquitectura das catedrais, o patrimonio natural e industrial ou o imaxinario popular, son elementos patrimoniais recoñecidos en pé de igualdade coas outras culturas do mundo.

E como non o Pemento de Herbón: a tradición secular, a transmisión da experiencia, a pervivencia e mellora dos procesos e a arte da súa cociña son factores que lle dan valor e o proxectan por toda parte.

A frota tradicional galega, das máis ricas de Europa, segue viva grazas ao labor de ducias de colectivos e centos de persoas que miman eses “barcos dos pobres”

Tamén o patrimonio e a cultura mariñeira, materializados hoxe en multitude de barcos de madeira de máis de vinte tipoloxías distintas, que navegaron tempos e mares patroneados por sabios mariñeiros anónimos, coñecedores do segredo máxico e do nome de cada minúscula peza.

A frota tradicional galega, das máis ricas de Europa, segue viva grazas ao labor de ducias de colectivos e centos de persoas que miman eses “barcos dos pobres”, en palabras do xenial Staffan Mörling. Con todo, o seu potencial como escaparate dunha cultura vencellada ao mar atópase nesta altura nunha encrucillada de final incerto. O esforzo humano de rascar, calafatear, cravar ou pintar estas xoias á volta de cada invernada deu os seus froitos, pero se queremos ter a garantía de supervivencia desta grande obra precisamos apuntalar.

O movemento en defensa do patrimonio marítimo e fluvial galego, aglutinado arredor de Culturmar, é sabedor de que os barcos que custodiamos son bens universais, xunto co saber dos carpinteiros que os construíron e dos mariñeiros que os gobernaron, cuidaron e melloraron co paso do tempo. Isto implica, como así é, a obriga de tratalos co amor que merecen e de tomar iniciativas que poñan este legado ao servizo da sociedade, como se de pezas do mellor museo se tratase. Tamén os axentes sociais e económicos deben sentir como propia esta obriga de preservar uns bens que son de todos.

O movemento en defensa do patrimonio marítimo e fluvial galego, aglutinado arredor de Culturmar, é sabedor de que os barcos que custodiamos son bens universais

Noutra man as institucións galegas deben continuar velando por este patrimonio, abrindo as portas para que a nosa frota tradicional logre definitivamente o status de protección que ten recoñecido por tratados e normas internacionais, trasladadas xa ao corpus normativo galego, de xeito que as embarcacións poidan por fin desfrutar dunha casa digna en portos e abras e dun marco legal adecuado á súa salvagarda como museo vivo e ao seu uso divulgativo.

Contamos cos instrumentos precisos e adecuados para dar esta protección no marco das normas da Unesco e da UE sobre salvagarda do patrimonio marítimo. A publicación do Decreto 52/2019 polo que se declaran ben de interese cultural os saberes e técnicas construtivas da carpintaría de ribeira, sinala o rumbo para que o proceso chegue a porto. O decreto protexe o coñecemento, a mestría nun oficio ancestral permanentemente retroalimentado polas achegas dos mariñeiros, auténticos coñecedores dos barcos e dos mares, das faenas, das condicións meteorolóxicas ...

O coñecemento é a chave; preservar e transmitir este coñecemento garante que sigamos construíndo no futuro dornas e xeiteiras, e constitúe ademais unha fortaleza se pensamos nos custos medioambientais da construción en fibra. Desenvolver con decisión este decreto é unha necesidade e unha oportunidade que non debemos deixar escapar. Con estas premisas o noso país pintará na amura unha nova marca, única en Europa, de indiscutíbel proxección de futuro, que engrandecerá a magna obra que levamos construíndo desde hai varios milenios.

Comentarios