Opinión

A necesidade de Nós Candidatura Galega

Somos conscientes da necesidade dunha representación galega (100%) nas institucións, tanto europeas como españolas.


Somos conscientes da necesidade dunha representación galega (100%) nas institucións, tanto europeas como españolas. Galiza deber ter unha voz propia, sexan quen sexan @s elexid@s, e teñan as siglas que teñan. É por iso que moitas persoas sen militancia partidaria, ex-militantes ou militantes de distintas organizacións deciden xuntarse no Banquete de Conxo e traballar para conformar unha candidatura unitaria galega.

Non podemos quedar atrás na carreira pola soberanía, a autodeterminación e a independencia. Nunha sociedade onde o sentimento nacional é difícil sacalo á luz, que ten o idioma en perigo e onde a súa forma de vida, a súa forma de subsistencia está sendo totalmente desmantelada, hai que dar un paso adiante.

Se o nacionalismo, o galeguismo, o independentismo, poñámoslle o nome que queiramos, desaparecera do Congreso perderíamos un referente propio

Este paso adiante é Nós Candidatura Galega. Un proxecto creado desde o compromiso e a ilusión de moitas persoas que se xuntaron por este país e por este pobo. Xentes do norte, do sur, do leste e do oeste. Comprometidos en acadar unha representación institucional que sexa un paso máis no fortalecemento da nosa reivindicación nacional. Se o nacionalismo, o galeguismo, o independentismo, poñámoslle o nome que queiramos, desaparecera do Congreso perderíamos un referente propio, perderiamos unha voz para levar alí os nosos problemas e as nosas reivindicacións. Debemos deixar a representación de Galiza en mans duns deputados mudos que votan mecanicamente o que lles ordenan os seus partidos dende Madrid? Deputados que poden ser substituídos por robots sen que ninguén se decate do cambio.

Temos que estar presentes se por casualidade todas esas voces oportunistas que falan de reforma constitucional pretenden facela. Hai que reivindicar que Galiza é unha nación e ten dereito a autodeterminarse, non pode pasar a ser unha rexión de segunda.

Temos que estar presentes se por casualidade todas esas voces oportunistas que falan de reforma constitucional pretenden facela

As anteriores afirmacións non pretenden sacralizar a representación institucional. Esta non serve de nada se non hai unha base social forte e decidida apoiando e indicándolle aos representantes nas institucións por onde teñen que ir. A falla de base social é unha febleza que temos hoxe consecuencia dunha aposta pola institucionalización da política e o abandono da rúa.

Galiza ten un feixe de problemas. A xente normal dáse conta deles, está farta deles. A emigración da mocidade por non atopar traballo, ou atopar traballos indignos e mal remunerados, é un problema que temos e tod@s recoñecemos. O pobo galego está farto de corrupción, dos recortes nas pensións, das abusivas tarifas eléctricas, da privatización da sanidade, do copagos... O mesmo pasa co sector lácteo, coa pesca, pero o pobo galego é solidario cos labregos e cos mariñeiros, respecta e apoia as súas mobilizacións.

O reto de Nós Candidatura Galega é facer comprender que os problemas que padecemos non son unha praga bíblica, teñen a súa orixe na dependencia de Galiza

O reto de Nós Candidatura Galega é facer comprender que os problemas que padecemos non son unha praga bíblica, teñen a súa orixe na dependencia de Galiza e só o pobo galego pode poñerlles remedio. A candidatura unitaria ten que facer este traballo nun tempo récord, a un mes das eleccións debemos espallar a nasa palabra e convencer de que somos a alternativa que precisa Galiza.

Iso só vai ser posíbel co traballo de todas as persoas que apoiamos este proxecto. Traballo físico e intelectual, de percorrer rúas e prazas, de ir polos carreiros. Estamos sós nesta carreira e imos ter moitos obstáculos pero NÓS chegaremos á meta.

Comentarios