Opinión

Os lumes e os limites do diálogo social

Dous dos espazos naturais máis emblemáticos do país arderon sen contención posíbel en apenas tres dias fatídicos. A previsión meteorolóxica e o contexto social e estrutural permitían que o operativo de extinción estivese alerta. De feito, o director xeral de Montes dixo despois algo así como “era visto”.

Hai razóns para pensar que o lume no Xurés puido ter unha motivación distinta á que hai detrás dos lumes do Macizo de Queixa. Mais no fundo existe a mesma pasividade e despreocupación. Era coñecido que nas fins de semana acceden ducias de excursionistas ao val glaciar do río Homem, reserva integral no Parque Nacional da Peneda-Gerês, desde o val das Sombras, na que foi en tempos reserva integral do Parque Natural do Xurés e onde se orixinou o foco de ignición.

Por contra, nos lumes de Sabuguido (Vilariño de Conso), Cernado e Paradela (Manzaneda), Queixa (Chandrexa), Gabín (Montederramo), Camba (Laza) e Rebordechau (Vilar de Barrio) existe coincidencia de intereses e un conxunto de persoas ou interesados que comparten insensibilidade e falta de escrúpulos. Carece de importancia o contexto ou a orixe do conflito. A falta de diálogo ou a despreocupación institucional non xustifican un alarde deste calibre. 

Pegar lume ao monte escollendo os lugares a mantenta, tratando de que coa súa propagación ardese a serra toda ou porcións enormes dela, asumindo a posta en perigo de aldeas, persoas e propriedades para o lucro a curto prazo ou para demostrar quen manda na serra debe ser tomado mui en sério. Non esquezamos:

Quen queima así despreza a comunidade na que vive e vive no convencemento de que ten o poder real nas súas mans.

Quen queima así despreza a vida do operativo de extinción, da veciñanza afectada e da fauna e flora, así como o valor dun patrimonio natural que é de todos os galegos.

Quen queima así non é a primeira vez que o fai, xa é a terceira en dez anos.

Quen queima así non pode percibir a máis mínima reacción ou atitude de comprensión ou minimización dos feitos.

Quen queima así debe ser perseguido con toda a forza e determinación da sociedade e a xustiza, sen deixar ningún resquicio ao remorso.

Unha batalla como esta só se gaña cando se demostra pola vía dos feitos o império da lei e da xustiza e se remata coa existencia de territórios francos gobernados por caciquiños locais.

Convén salientar estas reflexións antes de comprobar como, unha vez máis, a Xunta do PP non só non fará cumprir a lei prohibindo o pastoreo nas zonas queimadas durante dous anos, senón que facilitará remolques de sementes para converter os queimados en pastizais, como acenteceu en 2011. Do PP podemos esperar iso e máis. Agora, da oposición esperamos unha resposta contundente para esixir a erradicación destas práticas. Non pode haber ningunha clase de diálogo nestas circunstancias.  

Comentarios