Opinión

A protección do lobo. Oportunidade ou retroceso?

Nin as interpretacións e cálculos máis pesimistas nos facían imaxinar unha polarización e tensionamento sociais ao redor do lobo en Galiza como os que se viven nestes momentos, resultado dun proceso de ósmose mediática masiva. O noso país fora até hai pouco un dos escasos lugares do Estado onde a dialéctica da confrontación social en relación co lobo apenas revestía agresividade, agás en zonas onde o nivel de danos era xa elevado. Moitos nos preguntabamos se seríamos capaces de mante-lo á marxe dese desnortamento, guiado pola tolerancia e o sentido común. Non foi posíbel. 

O balanzo da actuación da Consellería de Medio Ambiente nas últimas lexislaturas, colmadas de pasividade e mirando lonxe do foco dos problemas, foi finalmente coroado desde Madrid coa guinda no pastel. Unha decisión técnica precociñada en esferas políticas e guiada polo  curtopracismo na acción de goberno. O resultado de asentir e validar o pedido dun sector social e político que precisaba materializar e visibilizar a súa influencia, coa fin de corresponder ás expectativas da súa parroquia. Bastaron, pois, anos de irresponsabilidade e unha decisión pouco meditada e pouco cabal para varrer as defensas.

É sorprendente comprobar como a socialización dun conflito que involucra numerosos factores e axentes pode exercer a presión necesaria incluso no mundo académico e científico, facendo que algúns dos seus representantes máis prestixiados obvien os pasos, as premisas e as condicións que debería cumprir un proceso desta dimensión, sobradamente definidos polos principios da Bioloxía da Conservación. O acontecido é proba de como a visceralización política dun conflito que se da na natureza e no mundo rural pode chegar a abalar os sólidos principios da ética científica, seducida polo inmediatismo dos novos nodos de información.

Os procesos dunha boa estratexia de protección e conservación

As recomendacións científicas sobre estratexias ou planos de conservación de especies ameazadas ou conflitivas, ao contrario que moitas decisións políticas, non son caprichos. Son os pousos deixados por numerosas experiencias abordadas en múltiples escenarios do planeta, ao longo de décadas e dirixidas, entre outras institucións ou axencias, pola Species Survival Commission da Unión Internacional para a Conservación da Natureza-UICN. 

Pousos que se concretan no seu Strategic Planning for Species Conservation: A Handbook, publicado en  2008. Ou na obra máis recente Guidelines for Species Conservation Planning, de 2017. Experiencias e conclusións tamén recollidas dentro das obras colectivas Wildlife management and conservation: contemporary principles and practices ou a máis explícita Human dimensions of wildlife management, ambas as dúas obras publicadas por The Johns Hopkins University Press en 2012 e 2013. Pousos que xa forman, a pesar da orixe recente da Bioloxía da Conservación, un auténtico magnum corpus de principios que permiten operar coa maior das certezas a calquera axencia ou administración competente que pretenda poñer a andar con éxito un proxecto desa natureza. 

Neste punto, parece acaído reproducir a cita que o Dr. Miguel Delibes de Castro fai da obra de David Ehrenfeld Biological Conservation (1970) no seu discurso(1) de recepción como membro da Real Academia de Ciencias: “a práctica da conservación debe sustentarse nunhas bases científicas firmes (…) ou non funcionará”.

Se nos cinguimos ao caso concreto do lobo, non parece moi complicado entender que a  incorporación deste cánido ao Listado de Especies Silvestres en Réxime de Protección Especial debería ter sido, se os axentes implicados o considerasen procedente e oportuno, o resultado final dun prolongado e específico proceso previo de diagnose, audiencia e debate. Un resultado acompañado pola correspondente estratexia, na que se describisen e cuantificasen, a nivel orzamentario, todas e cada unha das medidas necesarias para alcanzar a consecución dos obxectivos marcados polo consenso, en caso de se producir este último. 

Porén, da a sensación de que o escaso traballo realizado, canalizado principalmente por iniciativas particulares, tan só encontrou desprezo, soberbia e longos anos de desleixo e apatía na administración autonómica galega. Apatía agora ratificada coa recente iniciativa da Secretaría de Estado de Medio Ambiente que, xustificándose nunha presión de baixa intensidade, decidiu que era inútil seguir dando voltas, puxo proa cara a protección e largou un  golpe de espada, como Alexandre O Grande, para desfacer o nó de Górdio no que debeu apreciar que se convertera o debate sobre lobo, gandería e caza. E, metáforas aparte, esta decisión deixa abertos numerosos interrogantes para o futuro próximo, ignorando as cuestións mínimas que terían guiado o camiño dun debate serio no pasado inmediato...

Alguén lembra nos últimos anos un congreso, simposio ou workshop específico e de certo calado que reunise os distintos axentes implicados na análise de alternativas para mellorar a protección e xestión do lobo?

Falou alguén co conxunto de colegas do mundo da xestión e investigación do lobo en Portugal para procurar as súas opinións e recomendacións sobre un proceso no que levan “avanzando” máis de 33 anos? 

Pode alguén asegurar que os sistemas de pagamento de compensacións de danos e a política de impulso de medidas preventivas dos ataques ao gando non son manifestamente mellorábeis, porque xa están plenamente desenvolvidos e perfeccionados? E, se hai marxes significativas de mellora deste sistema.., realmente é preciso un paraugas xurídico para seren abordadas?

E a respecto dunha cuestión crucial como a diversificación dos hábitats, abordou alguén, aínda que fose a trazos grosos, a urxencia deste obxectivo e as implicacións socio-políticas que supón? Esbozáronse as medidas precisas a nivel xurídico, político e económico para frear a expansión do eucalipto, recuperar a diversidade dos hábitats forestais e favorecer as poboacións de ungulados silvestres na área de distribución do lobo?

Estas e outras preguntas parecen innecesarias para quen fía todo ao desenvolvemento futuro dunha norma de protección que, curiosamente, xera aínda máis polarización e, por tanto, máis incerteza en todo o que rodea á problemática que se pretende resolver. 

Cando os atallos conducen ao fracaso anunciado

A estratexia sobre a que se sustentará a incorporación do lobo ao listado de especies protexidas, da que se acaba de coñecer un segundo borrador, parece papel mollado. Con independencia do seu rigor e detalle. Mentres hai quen teima en mirar para o dedo que sinala, as nubes da tempestade cruzan por enriba nosa. As premisas para que tivese éxito un plan ou estratexia de conservación dunha especie tan conflitiva como o lobo pasaban por lograr previamente un consenso científico, político e social mínimo, resultado dese proceso completo e complexo de diagnose, análise de alternativas e síntese de obxectivos. 

Como dixemos, optouse polo golpe de falcata alexandrino ou, no léxico do rugbi, pola patada a seguir. E así foi percibido pola parte máis susceptíbel e contraria á protección do lobo. De maneira que hoxe a crispación social non só non minguou, senón que vai en aumento e as pontes para o diálogo parecen estar dinamitadas. 

Hai quen espera que na noite escura apareza o arco da vella. Mais as evidencias e os indicios que se perciben sobre o terreo, nos “puntos quentes”, anuncian o peor. Tecemos a alfombra onde ocultar o furtivismo. Construímos o mecanismo de seguridade que vai permitir manter a nosa conciencia libre do pecado de procurarlle ao lobo unha morte digna alí onde o consenso así o determine. Da igual que os lobos morran nas máis diversas e crueis circunstancias. Feridos de morte ou abatidos en cazarías ao porco bravo, atrapados en lazos ou envelenados con cebos traidores que lles reservan unha morte lenta e dolorosa. Como non o vemos, non existe e non importa. Este principio do “ollos que non ven, corazón que non sente” aplicado ao conflito do lobo xa o enunciaron Luigi Boitani e outros investigadores2 na Italia de hai dez anos. Mais parece que agora o que importa é vender mastíns e peches de malla ovelleira.  

A politización da conservación do lobo, o último que se precisaba

Pintar o lobo coas cores do taboleiro político - azul, morada, verde ou vermella - era o que faltaba para perpetuar a confrontación e facer da polarización a trampa perfecta onde levar a especie. Xa era coñecida a tendencia á mentira e á esaxeración de certos sectores da caverna cinexética. Hoxe, eses mesmos sectores asumen, practican e decláranse fervorosos entusiastas das teorías intoxicadoras do trumpismo. Sempre se escoitaron cousas así, a modo de variante vernácula da desinformación. Mais agora todo forma parte dun sistema, dunha ferramenta. Remexer na confusión e acelerar o redemuíño do caos para favorecer a permeación do extremismo político nos sectores basilares da sociedade, nunha envolvente que procura empoleirar o populismo ultra pola vía electoral. E aínda hai quen acusa de alimentar a fogueira do odio a quen persiste na moderación e avisa dos riscos. Corren ríos de lava e a preocupación é non botar as cabichas ao chan..

A estas alturas do xogo, parece claro que neste partido son o maximalismo proteccionista, o animalismo extremo, a interpretación roussoniana dos “depredadores apicais” en ecosistemas inexistentes ou o teimudo uso das redes sociais para beatificar o lobo e culpabilizar o gandeiro as actitudes que fortalecen o feedback trumpista da galerna cavernícola. Un vórtice alimentado por forzas opostas, igual de indocumentadas, que ameaza con centrifugar cara os extremos a maioría sociolóxica que antes profesaba na moderación e a prudencia. 

Como saír deste enredo

Chegado este punto do percorrido, teríamos a alternativa de pechar filas con quen defende a protección e sumar forzas para camiñar cara a espiral represiva de fin de semana ou cara a inoculación masiva de tolerancia unidireccional nas escolas do rural máis afectado, en formato de novísima educación ambiental.

Mais, sinceramente, neste punto parece que o máis coherente é defender a volta á posición de partida e o reinicio do proceso, cumprindo escrupulosamente todos os pasos dunha verdadeira planificación, para permitir arrefriar os ánimos. Non hai que ser clarividente para certificar que a situación só pode deteriorarse aínda máis. Coas particularidades carpetovetónicas en pleno “trending topic” e coa dominancia das redes sociais na construción e propagación do relato da realidade, temos polarización e radicalización crecentes de forma indefinida. Nada permite pensar que a amálgama de sociedades rurais presentes no Estado Español vai ser máis benevolente co lobo que o mundo rural de Portugal, onde leva protexido máis de trinta anos e segue a ter os mesmos efectivos demográficos.  Todo un paradoxo. E un regueiro de lobos mortos en silencio, agochados baixo unha alfombra de cegueira como a que agora se está a tecer.

“Por que foi que cegámos, Não sei, talvez um dia se chegue a conhecer a razão, Queres que te diga o que penso, Diz, Penso que não cegámos, penso que estamos cegos, Cegos que veem, Cegos que, vendo, não veem”

“Released from reason, alive with pain, the actors change, the play is the same ( ) Smelling victory, the engine hums. Off in the the distance, they beat the drums.  Amidst the blood and rubble, I look for souvenirs to sell. And oh how I surprised to learn the devil's not the king of hell”

1 Delibes, M. (2014). Ciencia y compromiso: la Biología de la Conservación. Discurso do acto de recepción como académico da Real Academia de Ciencias. Madrid

2 Boitani, L., Ciucci, P. e Raganella-Pelliccioni, E. (2010). Ex-post compensation payments for wolf predation on livestock in Italy: a tool for conservation? Wildlife Research 37: 722-730.

Comentarios