Opinión

O país aos pés de Ence


Estas liñas, modestamente, pretenden aportar unha visión contraposta á exhibida por Ence na súa recente nota de prensa, na que afirmaba que a mellor alternativa aos incendios é un monte capitalizado a base de eucaliptos. 
Tres conceitos simples e doados de comprender, como “economías de escala”, “monopólio natural” e “custe social”, todos eles procedentes do campo da economía, poden axudarnos a calibrar mellor a farsa que interpreta a cada pouco Ence e os seus adláteres se os cruzamos con outros tres conceitos pertencentes ao campo da bioloxía:  “espécie invasora”,  “estratéxia reprodutiva” e “clímax ecolóxico”.

Unha empresa ou indústria apresenta economía de escala cando rexistra un incremento da súa eficiencia produtiva a causa das vantaxes financeiras, técnicas e comerciais obtidas co aumento da súa capacidade de produción. Un dos recurrentes mantras de Ence, e perdón polo pleonasmo, porque un mantra sempre é recurrente, é a apelación periódica nos seus planos estratéxicos a “incrementar a capacidade das fábricas de celulosa e reducir os custes de produción”. Mais incrementar a capacidade de produción faise sempre transformando, neste  caso, un maior volume de matéria prima, obtida principalmente dos montes galegos. En toda a história da compañía celulósica, esta estratéxia de mellora da eficiéncia produtiva sempre se abordou incrementando a capacidade de produción, é dicir, influíndo ou operando sobre o entorno que a fornece de matéria prima. Unha estratéxia compartida polas multinacionais que operan en Portugal, Sudamérica ou Ásia. En realidade, pois, máis que unha recitación reiterativa para alcanzar un benefício espiritual, obxectivo dos mantras, a mellora da eficiéncia produtiva através do incremento da capacidade produtiva é un princípio operativo inherente ás celulosas, indústria modélica na prática da economía de escala. En linguaxe metafórica, é como a auténtica estratéxia ecolóxica dun monstruo procedente doutro planeta que aterrase, por exemplo, nas Rías Baixas. O seu pautado crecimento traduciríase na necesidade de transformar constantemente o seu entorno físico para poder obter o seu sustento/matéria prima. Un dragón que se alimenta de eucaliptos podería ser un bon símil.  Todo aquilo que se resista á transformación será pasto das lapas e despois, a invasión biolóxica fará o resto.

Mais incrementar a capacidade de produción faise sempre transformando, neste  caso, un maior volume de matéria prima, obtida principalmente dos montes galegos

Unha espécie invasora ven sendo aquela que “proveniente dunha área xeográfica diferente se introduce de forma intencionada ou accidental nunha área en que se naturaliza, é capaz de reproducirse e propagarse aumentando a súa extensión e afectando dalgunha forma ao ecosistema ao que invade”. Isto é o que di  o manual que sobre plantas invasoras de Galiza publicou a Dirección Xeral de Conservación da Natureza da Xunta en 2007, dirixida na altura polo recentemente nomeado “Arraiano Maior” de 2016, Xosé Benito Reza. Para poder materializar a “invasión”, estas espécies despregan diversos mecanismos biolóxicos que lles permiten afrontar con éxito a competéncia polo espazo coas espécies residentes. A toxicidade de sementes, froitos, follas ou de toda a planta pode libra-las da depredación por herbívoros. A produción de sustáncias tóxicas que se liberan no solo coa perda das follas ou mesmo desde o sistema radicular, o que se denomina alelopatía, impide ou limita a xerminación das espécies competidoras. O carácter pirófilo compréndese cando se coñece que a xerminación das sementes despois dun lume é muito máis rápida e abundante que a experimentada polas demáis espécies do seu entorno. Todos estes rasgos fisiolóxicos son próprios dalgunhas espécies invasoras. E, como non, dos eucaliptos. Se ademáis destas vantaxes contan coa inestimábel axuda dunha “inocente” estratéxia político-empresarial, resulta doado entender o éxito “ecolóxico” e o domínio excluínte exercido polo tamén inocente eucalipto, campante e rampante polos montes  todos do noso litoral, alimentando sobradamente o dragón.

O carácter pirófilo compréndese cando se coñece que a xerminación das sementes despois dun lume é muito máis rápida e abundante que a experimentada polas demáis espécies do seu entorno

Mais a ese escenário de “simplificación” das masas forestais e de especialización produtiva non se chega casualmente. É o resultado dun proceso simultáneo de empobrecimento industrial conducente a unha “competéncia imperfecta”, un caso paradigmático do paso dun entorno oligopolista a outro monopolista. Conceitos sobradamente coñecidos. Para quen queira saber máis da transición operada na indústria forestal galega vou permitirme recomendar un artigo desta casa: “De Carballosa para Eucaliptosa (IV)” . En todo caso, só acrescentar que na actualidade, no caso galego, o monopólio celulósico é un caso típico do denominado monopólio natural, que é aquel no que as características intrínsecas do mercado desaconsellan a presenza de várias empresas no seu seo, xa que a existéncia dunha única empresa reduce os custes de subministro. Unha única empresa e múltiples e pequenos produtores  de matéria prima, sobre os que impór sen demasiado esforzo a dinámica de prezos segundo os intereses próprios (lembremos a sinatura de convénios con xuntas de montes viciñais nos que explicitamente se rubrica a revisión do prezo da tonelada de madeira, segundo como varíen os prezos da celulosa, por exemplo). Vainos sendo familiar a cousa, non?

Voltando á terminoloxía biolóxica, reparemos agora no conceito de estratexia reprodutiva. A reprodución, como sabemos, é o proceso biolóxico que permite a xeración de novos organismos. Existen dúas estratéxias básicas que resumen a forma como os distintos organismos vivos afrontan este proceso. Unha é a estratéxia do “r” e a outra é a estratéxia do “k”. A primeira consiste na produción de muitos indivíduos, o cal esixe o investimento  de muita enerxía no proceso fisiolóxico da reprodución, para despois desentenderse deles, é dicir, prestar escaso ou nulo coidado parental.  Mentres que a estratexia reprodutiva K consiste na produción de poucos individuos investindo o maior esforzo no seu coidado parental. Imaxinemos o país noso como unha grande placenta pertencente a un organismo denominado “lobby celulósico”. Este organismo desenvolverá na súa fase expansiva unha estratéxia reprodutiva tipo “r”: múltiples focos de transformación propagando inóculos que permitan a perpetuación. Para, a medida que se vai asentando, ir mudando cara unha fase de consolidación onde a estratéxia reproductiva máis acaída será a do “k”: máximo investimento no coidado das existéncias. Nestes momentos vamos cara a fase de consolidación do negócio celulósico, convivindo as dúas estratexias reprodutivas: grandes superfícies transformadas a eucaliptais produtivos no nordeste (Cedeira, Ortigueira, Mañón, Trabada, Ribadeu, A Veiga, A Caridade..), no suroeste (val do Lérez, Vilaboa, Campo Lameiro, Ponte Caldelas) ou centro (O Pino, Curtis, Mesía, Frades..), onde se exerce un estreito control e coidado das masas através de convénios cos proprietários, e grandes áreas de propagación da eucaliptización, onde as masas mixtas de carvallos, piñeiros e eucaliptos van evoluindo cara o domínio destes últimos grazas ao abandono e os incéndios provocados, caso dos montes do val do Ulla, Tambre, Tea, etc 

Isto do máximo coidado das existéncias enlaza directamente con outro dos mantras das celulosas, aquel que di que un monte produtivo a eucaliptos é a mellor alternativa para evitar incéndios. E isto vai-nos permitir comentar algo sobre os últimos dous conceitos: “custe  social” e “clímax ecolóxico”.

A estratexia reprodutiva K consiste na produción de poucos individuos investindo o maior esforzo no seu coidado parental

O custe social dunha determinada actividade ven sendo o conxunto dos beneficios que a sociedade deixa de receber debido á própria existéncia desa actividade. Poden ser económicos, de benestar social, de saúde, ambientais, etc. O que determina se a actividade apresenta equilibrio entre custe social e custe privado é a existencia de externalidades negativas. Un dos indicadores tradicionais do custe social é a contaminación ambiental como factor ou externalidade negativa dunha actividade. Se os perxuizos desta externalidade superan amplamente os benefícios da actividade estamos diante dunha falla de mercado: é a situación que se produce cando o subministro que un mercado  fai dun ben ou servizo non é eficiente, debido a que o mercado subministra unha cantidade do ben maior ou menor á óptima. No caso das celulosas, tradicionalmente se ten contemplado como externalidade negativa case en exclusiva a contaminación ambiental. Porén, son cada vez maiores os custes sociais, cuantificábeis, relativos á incidencia que ten no emprego a caréncia dun modelo de monte que integre na mesma superfície os tres usos -conservativo, produtivo e de lecer-, e non reforzando sempre a segregación espacial de usos, fomentando un modelo que perpetúa o desequilibrio produtivo, favorecendo a especialización e esquecendo que a diversificación de producións robustece a economía rural e faina menos dependente. Por non falar da repercusión orzamentar que ten un modelo de xestión do monte que implica o investimento público de inxentes sumas en extinción de incéndios, en lugar de equilibrar o gasto impulsando a transformación da base territorial favorecendo o asociacionismo forestal, a posta en común da xestión de montes e o incremento do tamaño medio da parcela forestal, todo o cal posibilitaría o despregamento dun abano muito máis amplo de alternativas de aproveitamento e de integración de usos do monte. 

Mais non, o modelo que fomenta a política forestal do PP perpetúa a preponderáncia do monopólio celulósico

Mais non, o modelo que fomenta a política forestal do PP perpetúa a preponderáncia do monopólio celulósico e, nos últimos anos, despexa o camiño dunha tráxica evolución das paisaxes da Galiza agro-gandeira: a extinción das explotacións lácteas e o asalto ás mellores terras para a súa dedicación á produción de eucalipto, mesmo sendo ilegal esta mudanza de usos. E aquí, chegamos ao conceito de clímax ecolóxico. Enténdese por clímax ecolóxico aquel estado de máxima estabilidade e madurez ao que tende un ecosistema ao longo dun proceso dinámico -a sucesión ecolóxica- resultante da interacción de factores bióticos e abióticos no tempo. Unha das maiores expresións deste clímax ecolóxico na nosa terra serían os bosques autóctonos maduros, carvalleiras das que restan escasas mostras. A súa transformación a prados de uso gandeiro reduciu enormemente a complexidade do ecosistema inicial e as relacións tróficas existentes. Mais a produción de herbáceas xeralmente non debería supór per se un risco definitivo de degradación das condicións edáficas, nomeadamente da fertilidade do solo. Porén, o paso do cultivo de herbáceas á produción de eucalipto, aínda que represente un incremento da complexidade ecolóxica, supón unha série ameaza á estabilidade das condicións edáficas e mesmo hidrolóxicas, polo carácter intensivo da produción e por tratarse dunha espécie de grande potencial alelopático. A medio prazo, imaxinemos despois de tres quendas de produción de eucaliptos, os indicadores de fertilidade edáfica alcanzarían valores significativamente inferiores aos do prado de vacún, e non digamos a respeito do solo da carvalleira primixénia. Por iso está proibida esta transformación e por iso é tan cobizada por Ence, porque sabe que unha vez que as veigas e prados se plantan de eucaliptos, se inicia a conta atrás para a consolidación do seu modelo excluinte e espoliador. Unha auténtica aberración ecolóxica, social e económica. Un custe social incalculábel. Un país aos pés dunha empresa de rapacidade ilimitada.

Fronte ao modelo da capitalización do monte a base de eucaliptos, existen alternativas autocentradas e soberanas, que contribuirían a un maior impacto positivo no emprego, no património paisaxístico e cultural e, o que máis doe nalgunhas instáncias, na autoestima como nación. Prometo dedicar o próximo artigo a concretar estas afirmacións.

Comentarios