Opinión

Lost in Paradise. Galifornia está aí…(II)

Rematabamos a primeira parte deste artigo calificando como irresponsábel e covarde a acción de governo de Feijoo en materia de política forestal e de medio rural. Nesta segunda parte procede, pois, expór as razóns nas que se sostén esa rotunda afirmación. Indo por partes, comezaremos pola irresponsabilidade.  

Cambiou o tempo

A irresponsabilidade deriva da pasividade fronte o coñecimento. Alguén que mantén o rumbo sen apenas variacións das liñas estratéxicas de política forestal e de medio rural, sendo consciente das previsións de mudanza climática en Galiza e as repercusións esperadas sobre o medio natural, parece ser acreedor de tal calificativo. Lembremos que as liñas estratéxicas dos sucesivos governos Feijoo no tocante ao medio rural procuraron, a grandes trazos e entre outros obxectivos, o reforzamento do sistema oligopolista da cadea de produción de madeira dominada por espécies pirófilas e a desaparición e desprezo das restantes alternativas silvícolas. Por outro lado, os seus governos reveláronse incapaces ou, incluso, contrários á articulación de instrumentos e medidas solventes dirixidas a frear a inércia autodestrutiva do sector primário, nomeadamente do sector lácteo-gandeiro e, consecuentemente, a reverter a tendéncia ao abandono e despovoamento que experimenta boa parte do medio rural. Abandono que se traduce inmediatamente nesa marea verde de plantíos de eucalipto en terras que estiveron até hai pouco a prados, arrodeando casas, aldeas e estradas.

Os governos Feijoo reveláronse contrarios á articulación de instrumentos e medidas solventes dirixidas a frear a inércia autodestrutiva do sector primário

O coñecimento das previsións de mudanza climática que presupomos no noso presidente non derivaría da súa condición de erudito, atributo que non lle vamos negar, a pesar das numerosas evidencias en contra. Aínda que as revistas científicas son a primeira canle de comunicación dos coñecimentos sobre a matéria, os resultados desas investigacións encontran normalmente grandes espazos nos mass media, que adoitan operar como altofalantes para difundir unhas previsións que en cenáculos de expertos como o curmán de Rajoy, non dubidan en valorar como apocalípticas. Non resulta difícil imaxinar a Feijoó ollando calquera nova a este respeito no xornal coruñés que alardea de ser voceiro de Galiza toda, ou noutra cabeceira da prensa estatal, amiga, medio-amiga e, ás veces, se cadra, enemiga. Aprendida a lición, o seu governo actual, seguindo a lei da oferta e a demanda, xa está a elaborar un vademécum para a luita contra o cambio climático. Como noutros casos, faranse reunións sectoriais e apresentacións, para ir enchendo de palabras o documento, construíndo esa retórica moderna que tan ben lle senta a un envoltório plástico e deformábel como a web institucional da Xunta. Para mostra, a redacción publicada hai uns días naquel xornal coruñés pola Subdirectora Xeral de Meteoroloxía e Cambio Climático da Xunta. Un artigo descritivo, de pedagoxía paternalista, baleirado de calquera mención a propostas ou liñas de actuación concreta, nen sequer á existéncia desa fantasmal “Estratexia Galega de Cambio Climático e Transición Enerxética 2050”, mentada antes de nacer para encarregar un estudo cartográfico da costa galega, que parece confirmar, como di o Instituto Universitario de Xeoloxía Parga Pondal, que a Xunta concibe o cambio climático como un fenómeno limitado á beiramar do país.


En contraste cos titulares habitualmente sensacionalistas das cabeceiras da prensa galega, a clase política ou a cohorte que a asesora, debería de cando en vez consultar directamente as fontes de información, é dicir, as investigacións científicas. Hoxe existe unha ferramenta de axuda inestimábel chamada Internet. Estas consultas poden servir como referéncias que contribúen a calibrar mellor a acción e comunicación políticas. Como mostra, voume permitir recoller aquí as conclusións dunha pequena contribución galega á investigación do fenómeno do cambio climático e as súas repercusións na nosa terra. O estudo, asinado por J. Raposo, J. Dafonte e J. Molinero, publicouse no ano 2013 na revista Hidrogeology Journal [Assessing the impact of future climate change on ground water recharge in Galicia-Costa, Spain. Hidrogeology Journal, vol. 21, pp: 459-479.). A investigación partiu do escenario previsto de alteracións de temperatura e precipitacións para Europa e pretendeu avaliar, por medio dun modelo específico, os impactos potenciais desas alteracións climáticas na recarga de agua subterránea na bacía hidrolóxica “Galicia-Costa”, esa que alberga na súa superficie un inmenso ermo forestal dominado por espécies pirófilas como piñeiro e eucalipto. Ben, pois este estudo conclúe que os efeitos na recarga média anual da agua subterránea son pequenos; no entanto, as alteracións climáticas influencian fortemente a variabilidade temporal da recarga de agua subterránea, de maneira que ésta pode concentrarse na estación invernal e decrescer dramaticamente nas estacións de verán-outono. Os autores estiman que a duración da estación seca pode ser incrementada cerca dun 30% (é dicir, un mes a maiores). En liña co que se pensa que está a acontecer en “superfície”, coa prolongación e agudización de períodos secos extremos e a sucesión de precipitacións intensas e tormentosas en períodos concentrados de outono e inverno.


Por tanto, ante ese escenario de altas temperaturas, secas prolongadas e maior capacidade erosiva das galernas de outono, que ten pensado facer Feijoo? Pois, no mellor dos casos, como o avestruz, enterrar a cabeza: mirar para outro lado co peche de explotacións lácteas e deixar que os prados muden a eucaliptal, permitindo que o lume se meta nas casas. E no pior, botarlle máis leña ao lume: concretamente, 25.000 hectáreas máis dunha árvore pirófila como o eucalipto, hai quen di que para facerlle sítio á industria da biomasa enerxética. Cabe maior irresponsabilidade?
Na próxima entrega, partindo do carácter pirófilo e invasor de espécies como o eucalipto, e da notória capacidade das coníferas para propagar o lume, argumentaremos sobre a covarde acción de governo de Feijoo.

Comentarios