Opinión

Lost in Paradise. Galifornia está aí…(I)

Oxalá estivese a evocar os acordes e a voz de Amy Lee no coñecido tema da súa banda Evanescence. Ou as imaxes do duro film vietnamita. Non. Hoxe, a noticia é que no medio do caos institucional e social, unha cidade de 27.000 habitantes do estado de California chamada Paradise foi literalmente devorada polo lume e, cando isto se escreve, as institucións públicas do estado máis poderoso do planeta non saben cantas persoas hai desaparecidas. Non se trata dun lume calquera. Nen de calquera servizo público de extinción. Son lumes como os que sufriu o suroeste da nosa terra o ano pasado, esa que chaman Galifornia. E trátase, quizais, do servizo de extinción máis preparado do mundo para afrontar este tipo de incendios.

Xa se ten comentado que nos fogos a grande escala que se propagan a saltos, as labaradas parecen cabalgar sobre os montes, cuspindo brasas que rápidamente prenden novos focos ao pousar sobre erva seca. En inglés chaman a estes focos secundarios “spot fires” e “spotting ignition” ao xeito en que se forman, porque o foco principal, normalmente de dimensións descomunais e con grande poder convectivo, proxecta miles de brasas á contorna e a alturas inverosímiles, impulsadas por correntes ascendentes capaces de suspender mesmo fragmentos de troncos de árvores. Cando estas brasas caen no chan próximo ou, transportadas polo vento, descenden sobre zonas que poden estar situadas incluso a 30 km (1), inician focos secundários rompendo as liñas de defensa dos operativos de extinción. Iso foi o que pasou cos lumes de As Neves, de Vincios e Valadares, de Chandebrito e Coruxo… Mentres caían esas brasas voadoras sobre o centro e arrabaldes de Vigo, o seu alcalde falaba de motoristas pirómanos. E o presidente da Xunta, de terrorismo incendiário. Este ano, as tormentas secas puideron arrasar o parque natural do Invernadeiro sen a axuda nen de motoristas, nen de terroristas, só co pequeno contributo do deficiente sistema de comunicacións co que operan os traballadores do parque.

Mentres caían esas brasas voadoras sobre o centro e arrabaldes de Vigo, o seu alcalde falaba de motoristas pirómanos

 

No ano 1991, en Oakland Hills, Califórnia, produciuse un incendio cuxa evolución puido ser monitorizada con precisión, anotándose as condicións meteorolóxicas, a localización das frontes de progresión, a velocidade do vento, as superfícies afectadas e a súa variación no tempo. O incendio orixinal, que se propagaba con normalidade ao longo dun sábado, virou a devastador cando á noite o vento cobrou forza. Fálase de que a forza que impulsa no ar unha brasa, que é a forza que permite o seu transporte a longas distáncias, é proporcional ao cadrado da velocidade do vento. De maneira que este lume, en apenas media hora da mañán do domingo, se converteu nun potente foco emisor de brasas que cabalgaba sobre sí mesmo. En apenas unha hora había máis de 25 focos estendéndose nunha liña de máis de 3 km.

A bibliografía norteamericana que descrebe estes lumes é abondosa. Acerca da escasa capacidade preditiva da velocidade de propagación destes lumes reférese un estudo de 1998 (2). No lume de 1994 de South Canyon, incluído dentro do poderoso incendio de Storm King Mountain, nas Rocky Mountains de Colorado, cando o mecanismo da propagación a saltos se converteu en dominante, 14 bombeiros morreron ao ficaren atrapados debido a que as lapas saltaron a súa liña de combate cara cotas superiores, propagándose con extrema rapidez desde unha posición inferior na mesma ladeira. Descricións como a que segue, incluída no informe oficial emitido por Los Angeles Fire Department após o lume de Bel-Air de 1961, o peor da história até ese ano na área de Los Angeles, son elocuentes:

No lume de 1994 de South Canyon, 14 bombeiros morreron ao ficaren atrapados debido a que as lapas saltaron a súa liña de combate cara cotas superiores

 

“Non existía continuidade no límite do lume. No seu lugar, había decenas de grandes lumes dispersos por unha ampla área, cada un deles enviando miles de brasas cara ao ceo para, como un enxamio, arrasar novas seccións” (3).

Hoxe, a nova de Califórnia abálanos porque, a pesar da preparación do servizo de extinción e do seu formidábel coñecimento do comportamento destes lumes, nada se puido facer para controlar a secuéncia de acontecimentos.

Tense comparado Califórnia con Galiza e, concretamente, coas Rías Baixas. Basta citar que ambas comparten produción de uva albariña. Na actualidade, son coñecidas as predicións sobre as mudanzas climáticas e dos seus efectos na aparición deste tipo de lumes na nosa terra. A pesar delas, o governo autonómico, que ten amplas competencias na matéria, avanza decidido cara ao desmantelamento e privatización do servizo de extinción e cara ao reforzamento dunha política suicida en materia forestal e do medio rural. Na segunda parte deste artigo, partindo da descrición do cóctel explosivo dos nosos montes, abordaremos a irresponsábel e covarde acción de governo do PP de Feijoó.

Notas:

1.-Chandler CC, Cheney P, Thomas P, Trabaud LV, Williams D (1983): ‘Fire in Forestry. Vol. I. Forest Fire Behavior and Effects.’ (Wiley-Interscience: New York).

2.-Butler BW, Bartlette RA, Bradshaw LS, Cohen JD, Andrews PL, Putnam T, Mangan RJ (1998): Fire behavior associated with the 1994 South Canyon Fire on Storm King Mountain, Colorado. USDA Forest Service, Rocky Mountain Research Station, RMRS-RP-9. (Ogden, UT).

3.-Greenwood HW (1999): Bel-Air–Brentwood and Santa Ynez fires: worst fire in the history of Los Angeles: official report of the Los Angeles Fire Department. 

 

Comentarios