Opinión

Cousas como Ence


Escrebo estas liñas a escasos metros dun pedregal onde nace un río. Cabo dunha aldea chamada Irímia Alta, ao pé da Cruz de Meira e do pico do Forno, a case 800m de altitude. Aquí nace o noso Miño. Graña Nova, Seixos Mil e Salgueiro Vello.  Pena Furada, O Survial e Pena dos Golpes, son parte dos nomes de lugar deste pequeno universo en contracción permanente que denominamos galeguidade e que aquí abraza a nacente do noso río. Hoxe, polo leste e polo oeste, a norte e a sul, arrodeada, a fonte miñota resiste e aburbulla asediada por plantíos novos de eucaliptos.

Camiño xa aos sesenta anos desde a súa entrada en funcionamento, a factoría de celulosa de ENCE de Lourizán é unha das seis plantas que operan no noroeste ibérico. Desde a foz do Navia á Figueira da Foz, estas seis factorías despregan os seus tentáculos para activar un completo e poderoso lobby económico, social e político responsábel da traumática metamorfose do medio rural do arco cántabro-atlántico. Unha delas, a de Figueira da Foz, que no seu dia pertenceu a Soporcel, estaba orixinalmente pensada para Angola e ao seu proxecto industrial acompañaba un proxecto de forestación dimensionado para fornecer matéria prima nun volume suficiente para permitir a súa expansión económica e produtiva. Un proxecto que tan só deu frustrado a revolución de 1974.

Para resistir o auténtico tsunami que está a varrer as aldeas do interior ou para ofrecer esperanza ao noso povo traballador, é fundamental conquistar o poder institucional

Mais se ao citado proxecto angolano acompañaba un ambicioso proxecto forestal, a primeira empresa de celulosa do estado español tamén foi planificada, durante longos anos, estudando detalladamente as condicións precisas para conducir ao actual escenário no cal a celulosa exibe a súa domináncia na produción de materia prima forestal e a súa preponderáncia no oligopólio da indústria forestal. Non é ocioso afirmar que, na súa variante española, o lobby celulósico, cerne da  filosofía operativa destas empresas, logrou converter o eucalipto, na prática, na única alternativa silvícola produtiva e á celulósica, na indústria máis poderosa das existentes no subsector forestal. Cando este país se libre dos sipaios que ostentan o goberno autonómico, sairán á luz múltiples documentos, hoxe convertidos en habitat forzado de ácaros e arañas, que haberán de axudarnos a dimensionar adecuadamente o carácter planificado do proceso conducente a ese inmenso horizonte do caos, ambiental, social e económico, no que converteron as montañas que enmarcan as nosas rías. Porque a existéncia dunha outra nación diferenciada, cunha paisaxe atlántica tan afastada de Castela e tan similar á Irlanda, cunha economía singular que involucra miles de famílias na costa e no interior e que, ao tempo, é berce da espiña dorsal da Nación, a súa língua, non é compatíbel coa asimilación.

Por iso, para combater cousas como esta, para resistir o auténtico tsunami que está a varrer as aldeas do interior ou para ofrecer esperanza ao noso povo traballador, é fundamental conquistar o poder institucional. E afrontar con decisión, honestamente, a materialización da histórica ánsia de construir un instrumento político ao servizo do noso maltratado povo.  E debemos facelo sen máis demora. Sen intermediacións nen tutelas. Para que as aguas dos nosos ríos, como dixo o poeta de Meira, non leven máis as bágoas das nosas nais.
 

Comentarios