Opinión

Celulosas e eucaliptos, ponto final (e II). O eucalipto, a referéndum

Rematamos a primeira parte deste artigo afirmando que, para sairmos desta espiral de abandono, gasto e destrución na que meteron o rural as políticas depredadoras aplicadas durante 40 anos, sería precisa unha viraxe radical, con importantes mudanzas e o pertinente refrendo popular.

A pasividade ante a desfeita

Recentemente, conversando cun amigo economista, comentei a posibilidade de estimar o gasto que a Xunta destinou nos últimos 30 anos a medidas activas e pro-activas para o desenvolvimento rural, é dicir, investimento en criación de emprego directo, apoio á diversificación da produción agrária, mellora da comercialización, fomento do cooperativismo, mellora da conciliación, coberturas de dependéncia, incentivos fiscais, mellora de servizos e oferta educativa, etc. E, tamén, para o mesmo período de tempo, suxerín a posibilidade de aproximar o investimento destinado á propagación de espécies forestais pirófilas, á sua protección e á extinción de incéndios.

Unha primeira estima concluiu que para os últimos obxectivos se destinaron 100 veces máis cartos que para o primeiro. Nada novo. Se o que se pretende é converter o campo nun ermo demográfico sen impedimentos que atranquen a invasión de terras agrárias polos eucaliptos, deixar arder o monte probábelmente contribúa á deserción.

O abandono demográfico e o medre da eucaliptización seguen o compás da míngua do principal recurso económico do rural, as rendas procedentes dos recursos agrogandeiros

 

Hai quen afirma con rotundidade que as rendas dos aproveitamentos forestais intensivos contribúen ao desenvolvimento rural. E hai quen nega o anterior con igual convencimento. No que non hai dúbidas é que o abandono demográfico e o medre da eucaliptización seguen o compás da míngua do principal recurso económico do rural, as rendas procedentes dos recursos agrogandeiros. Parecería que todo forma parte da mesma cadea, onde os elos son os baixos prezos do leite e da carne, a atomización e fraxilidade do conxunto produtivo, a desestruturación e desintegración dos cauces tradicionais de intercambio social e económico, a debilidade da indústria agroalimentar, o envellecimento populacional, a caréncia de remuda xeracional, o abandono de explotacións e de aldeas e a invasión das leiras polos eucaliptos.

Todo este proceso, que atinxe dimensións xigantescas, sería motivo de alarma en calquera país civilizado gobernado por unha clase política sen ataduras con oligopólios. Mais o inmobilismo existente só se explica ou ben desde a incapacidade, a covardía ou a permisividade do enfraquecimento e destrución da base produtiva. Quero pensar que esta última é unha hipótese desatinada, mais non surprendería encontrar alguén desa entente escorada á extrema dereita reivindicándoa.

Un camiño difícil de andar

Partimos da base de que as previsións científicas auguran unhas condicións climáticas perfeitas para que co actual modelo de monte camiñemos cara unha autodestrución progresiva do noso espazo rural e forestal. Estamos na espiral “plantación forestal-lume-extinción do lume-plantación forestal”, da que, con certeza, non é beneficiário o conxunto da sociedade galega nen quen habita o rural. Somos conscientes de que rachar esa espiral e reanimar ese espazo rural implica a inxección dun enorme montante económico.

Botando man da termodinámica para entender a situación, diremos que a entropía, a desorde do modelo actual, beneficia a indústria de desintegración e favorece o abandono rural. Pola contra, para xerar un sistema ordenado, autónomo, sustentábel e con capacidade para fixar populación, precisamos que ese sistema reciba, nunha primeira fase, unha enerxia ou inxección económica que denominamos entalpía. A mesma entalpía que non estivo disposto o PP a proporcionar ao noso mundo rural nos últimos 30 anos. Tratar de introducir mudanzas profundas no modelo de monte e nos aproveitamentos e usos agrários que proporcionan as rendas principais non é doado. As actuais circunstáncias esixen nova lexislación e que ésta conte cun amplo respaldo social, que permita abordar as mudanzas necesárias para lograr ese ansiado sistema autónomo, soberano, con capacidade de auto-reprodución e dotado, cando menos, de estabilidade demográfica.

O enfrontamento rural-urbano está servido e, a maiores, fomentado por sectores reaccionários que procuran que non se fale do engano forestal

 

Hoxe, saudando o inmenso mérito dos colectivos que impulsan as iniciativas de deseucaliptización que inzan no país, debemos recoñecer que a polarización que se rexistra ao redor do eucalipto favorece e reforza a confusión con outro debate. O enfrontamento rural-urbano está servido e, a maiores, fomentado por sectores reaccionários que procuran que non se fale do engano forestal. Conviría alimentar esta dialéctica con elementos que clarifiquen o carácter oportunista, estafador e depredador da silvicultura intensiva, que reivindiquen a urxente introdución de princípios de ordenación e restrición de usos e, sobre todo, que divulguen e popularicen a existéncia de alternativas reais ás espécies de ciclos curtos e claro carácter pirófilo. Neste sentido, non parece doado establecer as condicións para que algunhas destas alternativas sexan rendíveis a curto prazo. É, nesta altura, que cobra releváncia o conceito da entalpía que introducíamos unhas liñas máis arriba.

Limitar ou restrinxir o actual modelo de monte ás áreas onde non represente un perigo potencial e, incluso dentro delas, alternar os aproveitamentos dando entrada a outros usos ou espécies, implicará dispór dun outro plano de dinamización dos aproveitamentos do monte, que garanta, entre outros, o fomento dunha silvicultura de madeiras de calidade máis respeituosa co património e coa natureza. Para dispór da inxección económica que esixirá a diversificación de usos e producións no mundo rural será preciso  mobilizar recursos e determinar vías de finanzamento.

Recentemente os economistas Thomas Piketty e Yanis Varoufakis acoutaban o território do debate de cómo afrontar a necesidade que ten Europa de investir unha enorme cantidade de cartos para combater o cambio climático, criar emprego de calidade e reforzar o Estado de benestar. Se o primeiro sinalaba o finanzamento por vía fiscal, criando catro novos impostos, o segundo insistía no endebedamento vía emisión de bonos do Banco Europeu de Investimentos, que con posterioridade mercaría o BCE no mercado secundário. No ronsel dese interesante debate apareceu a proposta de Núñez Feixoo de considerar os plantíos forestais como “plans de pensións”. Recollida nunha reportaxe dun xornal galego, interpreteina como contraponto e contribución do noso presidente ao enriquecimento do debate dos economistas.

Polo pouco que ten trascendido, a idea consistiría en incluir a parcela, mantendo a propriedade, nunha cooperativa ou sociedade de xestión para que se plante e corte de forma adecuada, ( ) esta fonte de ingresos adicional con cada corta, cada vinte anos aproximadamente e en función da superficie que aporte cada un, ( ) pódese considerar realmente como un plano de pensións". É dicir, a mesma leria que leva repetindo desde hai seis anos o forestalismo depredador exposta metaforicamente polo máis elevado referente político galego:

“Vós, xente vella e derrotada, marchade para as vilas, ou para as residéncias de maiores, mentres nós montamos unha sofor1, enchemos o monte de eucaliptos e piñeiros, escarallamos a terra coas nosas máquinas e herbicidas e ingresámosvos a esmola cada vinte anos na cartilla do banco”.

A perseveráncia dos apoloxetas do engano forestal usando os altofalantes mediáticos para defender os seus intereses como única alternativa diante do drama que se aproxima. Mais desta vez mobilizando ao principal reservista. O inframundo do poder real que o empoleirou insiste,  teimudamente, na inertización do noso agro.

Un referéndum para impulsar un novo rural galego

Desde hai máis de 30 anos, o ecoloxismo galego ven reclamando que para limitar a expansión das espécies forestais pirófilas plantadas con fins produtivos, deben introducirse restricións xeográficas e criterios de ordenación do monte que salvagarden o conxunto dos valores patrimoniais. Na actualidade, o país experimenta unha vasta depresión demográfica do seu espazo rural que contrasta, porén, coas enormes potencialidades do território. A introdución de  restricións e proibicións expresas que limiten o desenvolvimento forestal ou mesmo que o transformen de raíz, en profundidade, mudando as espécies referenciais, debe ir acompañada de propostas transversais, que concreten alternativas, mecanismos de finanzamento e perspectivas de transformación segundo criterios técnicos pero, sobre todo, debe encauzarse como un intento de armar, de dar estrutura a un mundo rural con futuro, respeituoso co patrimonio e con capacidade de pervivir coa maior autonomía económica. Varrer a actual descomposición e sustituila por unha verdadeira aposta no mundo rural, cos seus obxectivos expresados de xeito cualitativo e cuantitativo, co esforzo orzamentado nas partidas anuais ou quinquenais que correspondan, coa concreción lexislativa precisa e coas premisas máis transcendentes expostas ben clariñas. E todo iso, somete-lo ao refrendo popular.

Poñámonos a traballar para decidirmos entre todos e todas o noso futuro

 

Unha lei ou conxunto de leis para o desenvolvimento rural que aporten o contrapeso necesário á máis que urxente proibición, erradicación ou restrición na maioría do território galego das espécies forestais pirófilas. Unha lei ou conxunto de leis que enuncien os obxectivos estratéxicos dese novo deseño do noso mundo rural. Que dote dos instrumentos e mecanismos de finanzamento precisos para garantir o impulso das mudanzas que se demandan. E, sobre todo, que non teña medo a abordar os problemas relativos á propriedade: o seu abandono, o dereito e as obrigas, os usos permitidos e limitados ou proibidos, a ordenación do espazo...

Poñámonos a traballar para decidirmos entre todos e todas o noso futuro. Saiamos das cavernas nas que nos meteron as multinacionais e o lobby da madeira de espécies de crecimento rápido. Na vida asumimos o compromiso de mellorar o que recebemos dos nosos pais para llo entregar aos nosos fillos. Se continuamos a permitir este engano o que entregaremos será un ermo decadente, unha mochila carregada de borralla e unha chea de cruces nos cimitérios. A qué esperamos?

 1 SOFOR,  Sociedade de Fomento Forestal, figura de tipo mercantil introducida polo goberno de Núñez Feijoo en 2011 , eliminando así á UXFOR, Unidade de Xestión Forestal, de carácter máis veciñal e criada polo goberno bipartito en 2008.  

Comentarios