Opinión

Celulosas e eucaliptos, ponto final (I). A creba da cadea monte-indústria

“Nengunha espécie forestal é inócua se se abusa dela. O perigo depende da “dose”, da capacidade de carga do meio e da interacción con outros factores.“


 

A actual incertidume que se percebe ao redor de Ence permíteme facer unha reflexión de fundo, aínda a risco de ser calificada como infundada. A tal reflexión non é outra máis que a posibilidade de Ence e as celulosas portuguesas estaren a comezar a conta atrás final que desembocará nunha conxuntura onde os seus intereses serán pouco determinantes na definición do modelo de monte do futuro e onde inclusive, no plano industrial, a súa releváncia será limitada e dependerá da capacidade e predisposición que manexe esta indústria para negociar cos sectores públicos de Galiza e Portugal. Sectores públicos que serán necesariamente robustos se ambos países pretenden encarar con posibilidades de éxito os desafíos que enfrontarán as suas economías nos próximos 30 anos. Seremos conscientes desta evolución máis cedo que tarde e serán a conxunción e agudización de varios factores os desencadeantes. Vexamos.

En primeiro lugar, e botando unha ollada á escea internacional, comprobamos con admiración cómo o apoio social a unha estratéxia global de combate do cambio climático se ten transformado nunha reivindicación transversal que eleva o seu obxectivo a nível planetário, é dicir, a reivindicación focalízase agora non só na mudanza climática senón en lograr frear o deterioro global do planeta. Así o respalda o recente informe da ONU. Paralelamente, asistimos á definitiva contracción das exportacións primárias desde as economías do denominado Ocidente. Salvo determinadas “commodities”, en xeral a tendéncia á baixa ou inclusive ao cesamento das producións primárias será a pauta a seguir na Europa, mentres as importacións de matérias primas non estratéxicas crecerá en proporción ao impulso da súa produción nas economías emerxentes. Unha produción que, en contraste coas matérias primas estratéxicas, seguirá gozando de mercados abertos escasamente regulados. Por outra parte, na actualidade, o incremento da capacidade produtiva mundial de celulosa de fibra curta (BHKP, celulosa de eucalipto, entre outras) está protagonizado por Brasil, Chile e Indonesia. E así seguirá a ser no futuro, só que con condicións máis duras para a competéncia: fronte á presenza dun xigante no Brasil como resultado da fusión das dúas primeiras empresas (Fibria e Suzano) e ante o previsto crecimento dos investimentos chineses na Indonésia (Asian Pulp and Paper, APP), pouco poderán facer as empresas sediadas en Galiza e Portugal para que os seus plantíos de eucalipto, sobrepasada xa a capacidade de carga ambiental e social nos seus respetivos meios produtivos, logren proporcionarlles o tradicional colchón de abaratamento de custes, ese que lle permiteu, até o de agora, competir con éxito no mercado internacional. Acabouse a expansión interna.

Sería conveniente pensar xa na reconversión forestal e da indústria asociada, porque a voracidade desta última trae consecuéncias que paga toda a sociedade.

 

En segundo lugar, xa na esfera comunitária, observamos a crecente incomodidade dunha contorna de mercado europea a cada vez menos tolerante cos abusos que en réxime oligopolista acompañan á produción en orixe, onde se destinan despesas enormes, que non deixan de medrar, para atallar a problemática incendiária asociada á silvicultura. Unha incomodidade que vai da man dun recorrente mantra europeísta que aspira a estruturar estratexia e abandonar retórica e que consiste na afirmación de que un bó goberno só é posíbel se vai acompañado dunha boa gobernanza. Algo que choca frontalmente coa dinámica de privatización de beneficios (produción de madeira e pasta de celulosa) e socialización de perdas (investimento público en extinción). Quizás esta potencial intoleráncia cara a indústria celulósica e do papel, a fin de contas prescindíbel na sua actual dimensión, vaia estar correlacionada coa permisividade observada cara a minaría estratéxica, sector que veremos avanzar, a pesar do descrédito que sufrirá a Unión Europea. Un descrédito que quizás se atreva a compensar, entre outros movimentos, co abandono e caída da indústria celulósica do suroeste europeu.

En terceiro lugar, e como refrendo do anterior, a aplicación durante os últimos 40 anos de políticas permisivas coa indústria celulósica e coa silvicultura intensiva e depredadora tivo como característica común en Galiza e Portugal a renúncia á ordenación e harmonización de usos e funcións do monte, en benefício dunha conceición segregadora no espazo das funcións social, económica e ambiental. Esta praxe, na que se desbaldiron cantidades inxentes de cartos en fomentar usos intensivos do monte promovendo a silvicultura de ciclos curtos e marxinando á mantenta as espécies autóctonas e a indústria baseada en madeiras de calidade ten conducido a unha extrema polarización social, na que sectores crecentes das sociedades lusa e galega son belixerantes co modelo imperante dunha silvicultura ao servizo da indústria de desintegración e identifican a eucaliptización con esa “sobredose” doméstica que calquera noite de verán cobrará o seu prezo en vidas humanas escenificada en dantescos lumes de imparábel propagación.

Finalmente, a convición de estarmos a camiñar cara unha etapa climática nova, onde as condicións meteorolóxicas propiciarán lumes devastadores de non mudarmos o modelo de monte, convértese no cuarto factor que, en alianza cos anteriores, vai dar a estocada definitiva a unha indústria que non só non soubo ver a tempo a necesidade de diversificar o espazo “monte”, senón que cometeu a torpeza imperdoábel de esixir terras agrárias para soster a sua viciada dinámica de crecimento competitivo. E cando falo de indústria non só me refiro ao consello de administración de Ence ou das restantes celulosas portuguesas. A responsabilidade esténdese ao lobby celulósico inteiro, comezando na clase política e continuando por sindicatos, universidades, asociacións e medios de comunicación que, dalgunha maneira, contribuiron todo este tempo a soster un sistema saturniano, por aquilo de devorarse a si próprio.

Na nosa terra, para evitar males maiores e tal como afirmaba Díaz-Fierros recentemente1, reducir o custe da adaptación ao novo panorama climático precisa de decisións e movimentos políticos inmediatos. Sería conveniente pensar xa na reconversión forestal e da indústria asociada, porque a voracidade desta última trae consecuéncias que paga toda a sociedade. Mais, como a inércia política de 40 anos pesa demasiado, sosteño que a decisión final de crebar a actual cadea monte-indústria será da cidadanía e que esta será capaz de apresentar as alternativas precisas para ilustrar unha máis que necesária consulta popular. Deixaremos esta idea para a seguinte entrega.

1 https://www.lavozdegalicia.es/noticia/opinion/2018/12/28/definitiva-oportunidade-do-clima/0003_201812G28P12994.htm

Comentarios