domingo 23/01/22

A cativa renda do eucalipto

Non é unha alternativa que precise promoción, no imaxinário colectivo concébese como alternativa real de desenvolvimento e o seu avance é imparábel, como unha maré verde que invade os prados do interior do país. A eucaliptización das terras de vocación agro-gandeira, onde até hai pouco pastaban vacas, é un reflexo ou, se preferimos, un espasmo do noso organismo colectivo rural, abocado á desaparición tal como o coñecemos e á súa profunda transformación cara un espazo baleiro e deprimido.

Na pequena tenda de ferramentas e produtos agrícolas, na ferretería que tamén vale como ultramarinos ou mesmo na nave da cooperativa láctea, sobrancean os anuncios de venda de planta certificada de eucalipto, seleccionada xeneticamente, resistente á xiada e capaz de medrar como un titán enraizado na nosa leira. Poderemos atribuirlle a condición de sipaios eucaliptizadores aos donos dos viveiros, mais o proceso de transformación que opera nestas comarcas de tradición e vocación agrária e gandeira da paso, primeiramente, a un enraizamento sentimental e silandeiro, dunha lóxica esmagadora. A realidade da depresión bate desde hai anos nas portas das aldeas. Emigración, envellecimento, crise gandeira, abandono. Aproximándose á intimidade económica e emocional da nosa xente, que non albisca alternativas, orfa do necesario apoio de quen governa e sumida colectivamente na deriva desa grande nave que é o noso rural, a “eucaliptose”, síndrome de apropiación cerebral, avanza decidida aproveitando o corredor da cumplicidade institucional, deixando un ronsel de prados estragados e vacas sacrificadas.

Mais non todo é vitimismo. Na realidade, o ariete deste proceso sosteno a especulación pura, e confórmano persoas con nome e apelidos, que procuran conscientemente no sector forestal e na eucaliptización non unha alternativa de vida senón un modelo de enriquecimento. Modelo que, desgrazadamente, se converte en referente de pequenos propietarios que reproducen, a pequena escala, un mesmo proceso de renuncia e adaptación. Sen se decatar que a figura do “silvicultor profisional”, tan promocionada desde o forestalismo eucalipteiro, é como a roda na que corre o hámster. E alguén, desde fóra, observa con ledícia a obra construída. Vexamos.

Sobrancean os anuncios de venda de planta certificada de eucalipto, seleccionada xeneticamente, resistente á xiada e capaz de medrar como un titán

 

As cifras da propriedade forestal ou de monte son claras. A media de superficie que posúen as persoas que constitúen o amplo colectivo da propiedade privada (máis de 600.000) é de 2 hectáreas, divididas en innúmeros pedazos, de maneira que a superficie media da parcela forestal non alcanza 0.5 hectáreas. Cos ingresos que pode proporcionar a venda da madeira producida en 2 hectáreas de eucaliptos non hai ninguén en Galiza que poida vivir. Os rendimentos anuais do eucalipto en 2 hectáreas, no mellor dos casos (terras agrarias cun crecimento de 30m3/ha/ano, 45 euros/tonelada e 12 anos de espera para a corta) non chegan a 1800 euros. Cómo é posible, entón, que un día sí e outro tamén, a industria celulósica, os seus propagandistas mediáticos e os seus incondicionais adláteres académicos nos bombardeen con eses 80.000 silvicultores que “viven do eucalipto” ? Quen son eses “afortunados”?

Vamos estimar cantas hectáreas de eucalipto ten que ter un “modesto” silvicultor ou silvicultora deste país para poder vivir decentemente. Tomemos como ponto de partida uns ingresos anuais de 20.000 euros que, despois dos correspondentes contributos fiscais e impositivos, fiquen en 17.000 euros, é dicir, un salário mensal aproximado de 1.400 euros. Para alcanzar os 20.000 euros de ingresos anuais, sendo mui aforradores cos gastos de traballos silvícolas e mui xenerosos co valor da tonelada de eucalipto, poñamos 40 euros/tonelada para E. globulus e 30 para E. nitens, sería preciso cortar 500 e 666 toneladas respectivamente, que en metros cúbicos son aproximadamente 714 no caso de Eucalyptus globulus e 1.145 no de Eucalyptus nitens. Con estas cifras xa podemos estimar a superficie anual de corta para poder acadar eses 20.000 euros de ingresos anuais. En terras de monte, considerando turnos de corta de 12 anos e crecimentos anuais medios de 20m3/hectárea (valor demasiado elevado para ser real na maior parte das terras a monte do país), teríamos que para acadar eses 714 m3 de Eucalyptus globulus habería que cortar 2,97 hectáreas. E, claro, para que os ingresos sexan estábeis, hai que cortar todos os anos esas case 3 hectáreas de monte. O cal implica que, con turnos de 12 anos, a superficie disponíbel total de corta debe ser de 36 hectareas no caso do globulus. Para E. nitens, tamén con extrema xenerosidade na estima ao considerarmos crecimentos de 20m3/ha/ano e 15 anos de turno de corta, 1.145 metros cúbicos poderíanse acadar coa corta anual de 3,8 hectáreas, é dicir, habería que dispór de case 60 hectáreas para acadar esa renda anual de 20.000 euros. Evidentemente, estas son cifras absolutamente irreais para o común das persoas propietarias de montes en Galiza.

Por tanto, vamos pensar que xa non andamos á procura do silvicultor ou silvicultora profisionais. Conformarémonos con encontrar un “produtor” ou “produtora” que perciba unhas rendas anuais de acompañamento por silvicultura de, poñamos por caso, 8.000 euros. Polo mesmo procedimento anterior, a estima resulta en aproximadamente 14 e 22,5 hectáreas, para globulus e nitens, respectivamente. Unhas cifras xa muito máis realistas.

A pregunta obrigada agora é como se pode chegar a ter en propriedade unha superficie 7 ou 10 veces maior que a superficie media de propiedade en Galiza sen invadir as terras agrarias? Facemos esta pregunta sendo conscientes de que o principal problema na actualidade é, precisamente, a masiva invasión de terras agrárias.

Como se pode chegar a ter en propriedade unha superficie 7 ou 10 veces maior que a superficie media de propiedade en Galiza sen invadir as terras agrarias?

 

A resposta a esta pregunta é obvia para quen vive no rural e non tan evidente para o colectivo de persoas que se ven chamando “urbanitas”, xeralmente persoas que por posuir, até nen posúen a casa na que habitan. Pois botando un ollo á web da Asociación Forestal de Galicia, calquera pode encontrar varios perfís de socios que contan cómo se fixeron coa propriedade das parcelas de monte que explotan. Entre as “herdanzas” e as “compras de pequenos prédios colindantes”, pouco a pouco foron sumando hectáreas até alcanzar esas 10, 12 ou nalgúns casos, até 15 hectáreas de propiedade. Mais sabemos de persoas que chegaron xuntar até 20 ou 30 hectáreas. Persoas que din ser de “aldea” e viven en chaletes e urbanizacións “high standing”. Non contamos, nesta descrición, con ese outro perfil de “superespeculador”, que chega a ter en propriedade até 300, 500 ou 1.000 hectáreas de eucaliptais. Que tamén os hai.

Isto todo lévanos a outro interrogante. Acaso calquera pode mercar parcelas de monte? O prezo medio da hectárea de terra de monte varía amplamente ao longo do país e aínda que nos interesa a área de potencial producción de eucalipto, poderemos tomar como referencia o prezo medio resultante das transaccións acontecidas nos últimos anos. Botando man do estudo de María José Enríquez e Eduardo Corbelle, “La compraventa de tierras rústicas en zonas de especial interés agrario de Galicia: las líneas de un nuevo mapa sobre un viejo precepto, publicado na Revista Galega de Economía en 2016, temos que o prezo medio do metro cadrado das parcelas de monte no período 2008-2011 foi de 0.85 euros. E que nove de cada dez propriedades obxecto de compra-venda non medían máis de 1 hectárea, cunha superfície media de 0,40 para as forestais. É dicir, que aquelas persoas que incrementaron a súa propriedade de parcelas de monte até alcanzar as 14 hectáreas, terían que desembolsar en cada operación, segundo os dados do traballo citado, unha media de 3.400 euros (8.500 euros por hectárea). E no caso das transaccións de terras agrárias, o prezo situaríase en 1.5 euros (15.000 euros por hectárea). Investimentos, por tanto, o suficientemente onerosos como para que non os poida afrontar calquera persoa de rendas medias. Convén salientar que os autores do citado estudo sinalan que en vinte anos, entre 1985 e 2005, Galiza perdeu 145.840 hectáreas de superficie agraria útil. E que o 40% da superficie comprada entre 2008 e 2011 pertencía a proprietários que non residían no mesmo concello onde se encontraba a parcela. 

Entón virían as preguntas finais. Vista esta realidade, cal é o perfil de quen compra terras para planta-las a eucalipto? Deberíase limitar a mobilidade de terras para usos forestais? E, visto o visto, ninguén ten curiosidade en coñecer os nomes das persoas que protagonizan esa especulación?

Deixo no ar estes interrogantes, mentres avanza, en silencio, a tramitación da reforma do plan forestal.

 

A información galega está na túa man!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

A cativa renda do eucalipto
comentarios