Opinión

De Carballosa para Eucaliptosa (e V)

Nesta entrega final descreveremos a que denominaríamos segunda vaga da eucaliptización, caracterizada pola materialización da máis perversa alianza do poder político e o lobby celulósico e na que está aínda por investigar a función que prestaron outros axentes económicos pertencentes ao noso próprio tecido criminal organizado. E, finalmente, tentaremos albiscar os camiños que o futuro nos pode reservar.

Eucaliptización-2ª vaga. Funcionarios, mercado común europeo, cotas lácteas e plano forestal á calor do terror incendiário e o narcotráfico

“Del Álamo, Del Olmo e Del Eucalipto”. Ese foi o título dun artigo que publicou Méndez Ferrín no Faro de Vigo hai muitos anos, en pleno fragor da batalla das novas celulosas. Un título que nesa altura facía referéncia a dous coñecidos funcionários madrileños que, como outras muitas persoas procedentes da capital española, lograron entrar no funcionariado autonómico mui probavelmente debido á sua grande preparación técnica e aos seus enormemente meritórios coñecimentos da língua vernácula, o cal souberon recoñecer os tribunais da época que os valoraron para perpetrar a súa entrada na nosa cativa administración pública. 

Ese conxunto funcionarial, de variado perfil administrativo, técnico e político, infiltrou na Xunta para, maioritáriamente, sumarse ás distintas equipas de demolición instituídas desde o primeiro momento no governo autonómico, mais especialmente na Era Fraga. Os dous personaxes aos que se referiu Ferrín, José Carlos del Álamo Jiménez e Enrique Valero Gutiérrez del Olmo, representaron dous exemplos de funcionários madrileños que combinaron a notável ambición de gatuñar na escala de mando, por un lado, coa servicial e autómata lealdade aos princípios desa selvicultura industrial, segregacionista e vertical, tan fondamente instalada no “Cuerpo de Ingenieros de Montes” e nas sucesivas promocións saídas da Escola Técnica Superior de Enxeñaría de Montes de Madrid. Algo, por outra parte, compartido por máis profisionais do país. 

Dous exemplos de funcionários madrileños que combinaron a notável ambición de gatuñar na escala de mando, por un lado, coa servicial e autómata lealdade aos princípios desa selvicultura industrial, segregacionista e vertical

E claro, como apontaba Ferrín, tomaron responsabilidades na elaboración e execución das máis diversas normas administrativas e lexislativas que posibilitaron ou contribuiron para o éxito da pior fase expansiva do eucalipto que padeceu a nosa terra, que se viveu quizás desde 1985 até fins de século. Daí o irónico umbral que sinalaba xa o contido do artigo do noso grande escritor, que maxistralmente descrevía a alianza político-funcionarial das celulosas, cerne da expansión dos eucaliptos (1). Á cal, evidentemente, contribuíu como un sólido armazón á estratéxia empresarial que, quen sabe, igual procurou, tolerou ou permitiu integrar nese despregamento o interese económico do entramado criminal autóctono (2).

Lembrando aqueles tempos, o que fica na memória do fragor daquela batalla perdida non son as detencións várias de ecoloxistas encadeados á catedral compostelana ou ao pazo do Hórreo, nen as toneladas de carvallos centenários cortados na Límia, carretados ao Obradoiro en comunal e sentida dor, como mortallas sagradas. O que agora lembra a memória era a escasa malícia que tiña o ecoloxismo galego. Aquelas tentativas empresariais de erguer outras dúas factorías de celulosa na contorna da deprimida comarca do Ferrol da ZUR (unha nas Pontes e outra en Narón) probavelmente foron iso, só duas tentativas, mais o que esperavamos que podía acontecer, realmente estaba xa a acontecer neses momentos. 

Para poder entrar no Mercado Común Europeu, o PSOE de Felipe González sacrificou primeiro o naval galego, mostrando o seu servilismo meritório. E unha vez dentro, levantou acta do  desmantelamento do agro, inevitábel tras a aceptación do sistema de cotas lácteas. Nese contexto, o povo galego, traumado por unha dupla reconversión, recebe as propostas de instalar dúas novas celulosas. E observa cómo inmediatamente ese pequeno exército funcionarial, político e empresarial, ese entramado “lobbificador”, desprega os seus tentáculos cara ao norte do país. Nas Mariñas de Betanzos e Sada, de Ortigueira a Foz, polo Eume arriba até As Pontes e O Cadramón, por todo ese mundo de cruceiros antergos e de solitárias mámoas, valéndose da “teoría das sombras” (3) e, qué casualidade, dos fondos estruturais orientados ao abandono de producións e á forestación de terras agrárias, esa brigada vai sumando prados, veigas e lameiros, encostas, outeiros e valgadas a favor de inventário, propagando as bondades económicas do eucalipto, dando xaque en tres movimentos ao noso rural para pó-lo ao servizo, en poucos anos, da celulosa de Návia. Quen o ía imaxinar…

Mais sí houbo reacción. A primeira iniciativa lexislativa popular que se apresentou no parlamento autonómico foi ecoloxista. Trinta e catro mil galegos e galegas asinamos en 1988 a proposición de Lei para a Conservación, Mellora e Desenvolvemento do Patrimonio Forestal. Un texto que fronte ao roubo, espólio e imposición estratéxicamente deseñados polo lobby celulósico e os seus aliados forestalistas de San Caetano, opoñía sensibilidade, raciocínio e planificación. En 1992, vários anos despois de iniciado o asalto, The Ecologist relataba magníficamente este proceso e o seu carácter neocolonial grazas ás informacións de Helen Groome e Ramón Varela  (4). En 2010, Mike Bolan (5) descrebeu un proceso similar de integración económica neocolonial, baseado tamén na indústria celulósica, para unha rexión situada nas nosas antípodas, precisamente nunha das áreas xeográficas que viu nacer o xénero Eucalyptus, Tasmánia. Cortas masivas de bosque nativo, apertura de pistas, desprazamento de poboación local, incéndios, contaminación e, detrás disto, unha grande empresa, Gunns Limited, principal exportadora de astelas de eucalipto do hemisfério sul, que leva presionando governos desde 2004 para instalar unha macrofactoría de celulosa en Tamar Valley. A eterna despesa da  indústria celulósica: destrución da paisaxe, do patrimonio e das economías locais (ver recente denuncia de Mariña Patrimonio sobre a  destrución de máis de 30 mámoas e castros debido ás talas de eucalipto (6).

A primeira iniciativa lexislativa popular que se apresentou no parlamento autonómico foi ecoloxista
 

Tras a campaña mediática que supuxo a (non) instalación das dúas novas celulosas, fosen proxectos de intencións reais ou fosen escenificacións,  a resaca forestalista foi integrada na nova manobra de carácter institucional que se preparaba, o “Plan Forestal” do PP de Fraga. O engado deste plano foi o horizonte temporal de 40 anos. A realidade, que non por oculta se mantiña en segredo, non a soubemos calibrar no ecoloxismo galego, se callar por falta de visión estereoscópica. O caso é que non relacionamos a existéncia do outro potencial “foco de atracción” de Návia, co teimudo ruxeruxe da  xeografía mariñán, onde só se falaba de convénios de forestación de terras agrícolas e de consórcios con comunidades de montes, e nas tabernas era habitual escoitar á xente falando das tentadoras sumas de diñeiro que os intermediários ofrecían por cada tonelada da madeira de eucalipto que sairía das plantacións.
  
O paso do tempo foi contundente. Repasemos estas duas séries binárias: 

1ª série:    1974: 27.418has  - 1986: 36.384has – 1998: 174.210has – 2010: 287.984has
2ª série:    1974: 130.161  - 1986: 222.062 – 1998: 333.624 – 2010: 433.916

Son as cifras desa segunda vaga da eucaliptización en Galiza, tiradas dos inventários forestais oficiais. A primeira série descreve a evolución experimentada nestes anos pola superficie ocupada por masas puras de eucalipto. A segunda vén sendo a evolución do sumatório do indicador anterior máis as superficiais ocupadas polas masas mixtas de piñeiros e eucaliptos e de carvallos e eucaliptos, onde case sempre dominan estes últimos. Nestas dúas séries salienta o salto que se produce entre 1986 e 1998, no período incandescente da batalla contra as celulosas e os eucaliptos. 

A loita contra as celulosas formou parte tamén da linguaxe da loita pola liberación nacional

Un período convulso que merecería un relato preciso e vagaroso. Un período no que a loita contra as celulosas formou parte tamén da linguaxe da loita pola liberación nacional, incardinada nas reivindicacións da máis brava determinación combativa demostrada polo povo galego en muitos decénios. Mais a crónica deste combate e da súa incidéncia sobre as posicións do ecoloxismo existente na altura e sobre a súa permeabilidade forestalista deixarémola para outro momento. Tamén obviaremos as escuras operacións económicas que arrodearon os derradeiros dez anos de actividade industrial da Celulosa de Asturias, S.A. e as súas sucesivas vendas até ser mercada por Ence, converténdose en Ence-Navia. E, do mesmo xeito, deberemos prescindir, por agora, de narrar os feitos criminosos acontecidos entre 1989 e 1992, un curto espazo de tempo que, na miña opinión, explica o sucedido entre 1986 e 1998, doce anos nos que a superfície ocupada polo eucalipto en masas puras pasou de 36.000 a 174.000 hectáreas, un incremento próximo ao 500%.

Eucaliptos. Presente e futuro

Poderíamos pensar que nestes momentos estamos na terceira vaga, protagonizada por unha das espécies do xénero que mellor resisten o frío, Eucaliptus nitens. Dominadas con Eucaliptus globulus as masas forestais situadas por baixo da cota dos 600 metros de altitude, por riba e nas áreas do interior, onde a desertización demográfica cabalga desenfreada, nada parece deter o avance do nitens.

Ence seguirá a focar o seu negócio nas dúas patas, enerxía e celulosa, pero cada vez cobrará mais importancia nos seus dividendos o aspecto enerxético. Cun mercado mundial da pasta de celulosa de eucalipto cada  vez máis copado por Sudamérica, con ciclos de alza nos prezos cada vez máis curtos e maior vulnerabilidade aos vaivéns da paridade euro-dólar, Ence deberá investir máis no negócio da biomasa. As previsións da empresa (plan estratéxico 2016-2020) así o certifican e, ao recorrente mantra de “incrementar a capacidade das fábricas de celulosa e reducir os custes de produción” agora únese o xa coñecido “aumentar a xeración de enerxía renovábel con biomasa”, de maneira que o consello de administración prevé un incremento en 260 MW da capacidade instalada, abrindo “varias plantas de biomasa no mundo”. O seu conselleiro delegado chegou a afirmar na xunta de accionistas da empresa en Abril de 2015 que Ence apoiaría o seu  crecimento en “proxectos dirixidos a mercados con prezos de venda de enerxía altos, mercados que requiran enerxía de base renovábel e sustentábel, entre os que os sistemas insulares constitúen un magnífico obxectivo, e, por suposto, con risco regulatorio mínimo" (7).

A estima oficial que facía a empresa en Novembro de 2015 sobre o valor final do seu ebitda (benefício bruto de explotación, antes de impostos, intereses, etc) para ese ano 2015 era de 201 millóns de euros, dos que 32 corresponderían ao negócio de enerxía e 169 ao de celulosa. No plano estratéxico 2016-2020 a empresa prevé duplicar o ebitda para alcanzar 367 millóns de euros, dos que 78 corresponderían ao negócio de enerxía e 289 ao de celulosa.  É dicir, a previsión oficial é pasar dunha relación de 1/5.3  entre o negocio de enerxía e o  de celulosa, a unha relación de 1/3.7, o cal revela o incremento de peso que a enerxía vai cobrar no futuro negócio de Ence.

A previsión oficial  de ENCE é pasar dunha relación de 1/5.3  entre o negocio de enerxía e o  de celulosa, a unha relación de 1/3.7

Cómo afectará isto a Navia e a Lourizán, é unha incógnita. Sábese que vai haber un incremento da capacidade de xeración eléctrica na planta de biomasa de Lourizán e, probábelmente, a empresa estará á expectativa do que aconteza nas próximas eleccións autonómicas e dos obxectivos que se marque nesta materia o governo resultante, que haberá de definir o marco regulador da instalación de novas plantas  de biomasa.

En todo caso, son reveladoras as declaracións do señor Francisco Dans, perenne presidente da Asociación Forestal de Galicia, que afirma que “en mui pouco tempo, en 5 ou 10 anos, en Galiza haberá catro millóns de toneladas de nitens para cortar, pero o mercado agora non consome máis de unha ou 1,2 ao ano” (8).

O relativo e o absoluto na colonización forestal de Galiza

Hoxe, o Outeiro da Carballosa, ateigado de eucaliptos até o seu curuto, está cruzado tamén por unha liña eléctrica que une, ironías da nosa história, o complexo industrial de Ence en Lourizán coa subestación eléctrica de Cangas. 

Frecuentemente, a posibilidade de darlle a volta a história pasa por encontrar un camiño. Un camiño entre o valor do relativo e o peso do absoluto. Cando este último é de tal magnitude que ameaza con crebar a conciéncia, o relativo perde valor. Hoxe temos un país e un povo gravemente ameazados. Quizás durante muito tempo vivimos atenazados pola sublimación do valor do relativo e, aos poucos, fomos renunciando á defensa do absoluto. A vida consiste sempre en saber recoñecer cando é o momento do relativo e cando o do absoluto. Mesmo hoxe, en termos políticos, sofrimos a diletáncia desa polaridade.

Hoxe temos un país e un povo gravemente ameazados

Mais en termos de recuperación da nosa identidade, quizás deberíamos suscreber, aínda que fose un pouquiño, o valor do absoluto, o conceito co que a filosofía idealista designa un suxeito eterno, infinito, incondicionado, perfeito e invariábel, que non depende de nengunha outra cousa. E recoñecer a aportación fundamental das nosas paisaxes á inmortalidade da nosa cultura. A pesar de que isto último sexa, aínda que nos doa, matéria “do relativo”.

Notas
 
(1) Carlos del Álamo foi Director Xeral de Montes e Conselleiro de Medio Ambiente nos governos de Fraga Iribarne. Na actualidade forma parte do Consello de Administración de Ence. Enrique Valero foi Xefe do Servizo de Produción e Indústrias Forestais e Xefe de Sección de Fomento Forestal, impulsando a forestación de terras agrárias nos anos 90. Na actualidade dirixe a Escola Técnica Forestal de Pontevedra e a súa “Cátedra Ence”.

(2) Permanecen ocultos os posíbeis vínculos económicos de ENCE co narcotráfico, en supostas operacións de compra-venda de madeira queimada cara 1990.

(3) Ver De Carballosa a Eucaliptosa (IV)

(4) Pulpwood plantation in Northwest Spain. The Ecologist, nº 3, vol 22. 1992. A descarregar en:
http://exacteditions.theecologist.org/read/ecologist/vol-22-no-3-may-june-1992-6491/15/3

(5) Bolan, Mike (2010): The forestry assault. On line opinion Australia`s e-journal of social and political debate.  A descarregar en: http://www.onlineopinion.com.au/view.asp?article=10585&page=1

(6) http://praza.gal/cultura/11354/marina-patrimonio-denuncia-que-as-talas-de-eucalipto-destruiron-30-xacementos-arqueoloxicos/

(7) El Comercio.es  28-IV-2015
http://www.elcomercio.es/economia/empresas/201504/28/ence-distribuira-dividendo-euros-20150428165726.html

(8) La Voz de Galicia 10-III-2016: http://www.lavozdegalicia.es/noticia/galicia/2016/03/10/5-10-anos-habra-4-millones-toneladas-nitens-cortar-mercado-consume-12/0003_201603G10P12992.htm

NOTA DE SERMOS: Este é realmente o artigo que pon o ramo a esta serie de textos da autoría de Pedro Alonso sobre o avanzo do eucalipto no noso territorio e non a entrega anterior, a IV, como por erro publicamos o pasado domingo 24 de xuño.
 

Comentarios