Opinión

De Carballosa para Eucaliptosa (IV)

Antes de reparar nos acontecimentos que delimitan a pior vaga eucaliptizadora da nosa história, vamos ollar o que acontece neses anos nos que Celulosas de Pontevedra transita do “piñeiro do país” cara o Eucaliptus globulus, unha parte da história de ENCE pouco divulgada.

ENCE, do piñeiro ao eucalipto. Teoría das sombras

Desde 1963, que é cando comeza a súa produción, ENCE utiliza principalmente madeira de piñeiro no seu proceso produtivo de tipo “kraft”. Este proceso é tan versátil que permite extraer a lignina e liberar as fibras curtas de celulosa procedentes de distintas madeiras, por exemplo de piñeiro e de eucalipto, de maneira que á factoría de Lourizán van chegar neste período cargas de piñeiros e cargas de eucaliptos. 

Se na reportaxe que ilustra o NODO nº 630 do ano XIII, na que Franco inaugura a produción da planta de Lourizán, se afirma que a produción anual será de 30.000 tn de pasta de celulosa e que a matéria prima a empregar é a “madera de pino negral procedente de toda la región gallega”, a evolución das cortas de madeira e da capacidade produtiva da factoría revelan, primeiro, o aprovisionamento de madeira procedente de Portugal e, segundo, o progresivo desprazamento da madeira de piñeiro pola de eucalipto no proceso produtivo. 

Segundo recolle outro traballo de Rico Boquete de 1997 (1), se no período 1955-58 a media das cortas de madeira de piñeiro, expresadas en metros cúbicos,  foi de 250.757 e a de eucalipto de 17.466, vintecinco anos despois, no período 1978-1980, os valores medios das cortas para piñeiros e eucaliptos foron de 316.379 e 84.580, o que representa uns incrementos porcentuais de 26,1 e 384,2 respectivamente. 

Desde 1963, que é cando comeza a súa produción, ENCE utiliza principalmente madeira de piñeiro no seu proceso produtivo de tipo “kraft”

En todo este tempo, as forestacións públicas son maiormente de piñeiro, aínda que tamén está presente o Eucaliptus globulus. Rico Boquete recolle no seu completo traballo a evolución das superfícies forestadas e a súa distribución segundo espécies, tipo de monte e propriedade. Tamén nos apresenta unha relación dos consórcios de forestación aprobados polo PFE, diferenciando entre os de carácter directo, de particulares e os impulsados polas deputacións provinciais. De grande interese é a diferenza que fai o autor entre a evolución das superfícies forestadas polo PFE no período 1941-1971 e a evolución das superfícies forestadas en montes particulares no período 1971-1979. 

Así, con cargo ao Estado Español, forestáronse entre 1940 e 1980 un total de 102.255 hectáreas na província de Pontevedra, alcanzando 68.201 has. as forestadas no período 1941-1971.  Entre 1971 e 1979 a iniciativa privada forestou como mínimo 1312 has na província de Pontevedra, fundamentalmente con eucalipto. E ENCE decidira o ano 1963 comezar a compra de monte para a intensificación produtiva.

Hai que sinalar neste ponto que a Companhia Portuguesa de Celulose levaba xa desde 1957 pondo no mercado unha pasta de celulosa branqueada de eucalipto de grande calidade, coa que a celulosa de piñeiro de Lourizán non podería competir a curto prazo, no hipotético escenário de que o goberno eliminase os aranceis á pasta de celulosa procedente doutros estados europeus. Esa é a razón principal de que a dirección de ENCE decida ir avanzando cara á sustitución do piñeiro polo eucalipto no proceso produtivo da celulosa en Lourizán.  E isto é o que se vai materializando durante todo o decénio dos anos 70.

Unha consecuencia desta mudanza é o incremento nun 300% no número de plantas de eucalipto saídas de viveiros oficiais do Estado no ano 1971 con respecto a 1970 (540.000 a 2.076.059).

De maneira que ao longo do decénio dos 70, ENCE prepara a mudanza do seu proceso produtivo abordando unha nova estratexia na súa política de forestacións. Se nos anos anteriores mostrara disposición a establecer sinerxias na compra de madeira con empresas madeireiras que puidesen ter intereses compartidos, caso de TAFISA, é probábel que a partir da decisión de pasarse ao eucalipto ENCE contemplase xa un escenário de clara competéncia polo espazo coas demáis empresas, especialmente coas de maior entidade, como FINSA, e cos numerosos aserradoiros espallados polo suroeste do país. Trátase dunha estratéxia que xa desde mediados dos 60 praticara, por exemplo ao tentar consorciar montes públicos co PFE para delimitar o seu terreo de xogo fronte a incipiente FINSA.

Como lembra Rico Boquete (1), de 1970 data o acordo de forestacións asinado entre o presidente do PFE e o daquela presidente de ENCE, Villar Mir. Este acordo proxecta forestar 50.000has con eucalipto en cinco anos, tanto en montes de particulares como próprios ou consorciados da província de Huelva, pero tamén, se for posíbel, doutras províncias do Estado.

O avance do sector celulósico vai supor o progresivo esmorecimento das masas de coníferas e, paralelamente, vai acompañar un paulatino proceso de reestruturación da indústria do aserrado, que atravesando unha crise de mercado, experimentará a diminución e concentración dos aserradoiros para, finalmente, encarar o debilitamento do seu peso específico na indústria de transformación da madeira en benefício  das empresas de trituración.

O avance do sector celulósico vai supor o progresivo esmorecimento das masas de coníferas

No traballo de 1991 de Albino Prada (2) descrébese cómo as estruturas do circuito da madeira son causa e efecto das políticas forestais, de xeito que a demanda orienta as políticas e éstas finalmente modelan a estrutura produtiva das matérias primas. Unha proba sería a evolución  das posibilidades de corta de madeira entre 1972 e 1986. Así, as posibilidades existentes de madeira, expresadas en miles de metros cúbicos disponíbeis nos montes galegos, eran en 1972 de 5.098 para as coníferas fronte aos 1.299 para o eucalipto, mentres que 14 anos despois, en 1986, as posibilidades eran de 3.493 e 2.035, respectivamente.

Interesa neste ponto repasar as conclusións do traballo de Rico Boquete de 1997, pois os obxectivos dese estudo non eran outros que caracterizar o impacto das estratéxias forestal e industrial de ENCE sobre a indústria do aserrado no suroeste galego, principalmente na provincia de Pontevedra. 

Afirma o autor que a própria normativa intervencionista da ditadura puido ter unha importante incidéncia negativa na evolución da viabilidade desta indústria. Cita o informe dun enxeñeiro enviado a Galiza polo “Servicio de la Madera” para valorar a situación que atravesa o sector (3). Así, segundo este técnico, as enormes diferéncias rexistradas entre posibilidade de compra de madeira (regulada polo permiso específico concedido a cada aserradoiro) e capacidade de produción (determinado polo número de serras funcionando en cada aserradoiro) indicarían a necesidade de abordar importantes axustes na indústria do aserrado, para evitar futuras disfuncións dramáticas próprias da inércia diagnosticada (aumento de prezos da matéria prima, perda de competitividade, irrupción da produción foránea no mercado interior, crise e peche de aserradoiros). 

Á proposta de incentivar o peche dos 948 aserradoiros menos rendíbeis do total de 1131 existentes, este enxeñeiro acompaña no seu informe de 1955 a recomendación de proibir a instalación de novas indústrias consumidoras de madeira mentres as masas forestais non acadasen a plena produción. E o certo é que en 1957 se funda ENCE, solicitándose a autorización do dragado de Lourizán en Xullo de 1958; de 1958 data a concesión oficial para que Tafisa ocupe espazo no domínio marítimo-terrestre ás beiras do Lérez e a FINSA instálase en 1963 ás beiras do Ulla en Cesures e en 1969 en Santiago. É dicir, que os altos cargos do Ministerio de Industria ignoraron completamente as recomendacións do citado “Servicio de la Madera”, departamento integrado nese mesmo ministério.  

Afirma o autor que a própria normativa intervencionista da ditadura puido ter unha importante incidéncia negativa na evolución da viabilidade desta indústria

Deste xeito, a partir dos primeiros anos 60 súmanse tres grandes factorías consumidoras de madeira a unha indústria do aserrado caracterizada pola súa atomización e por demandar madeira por riba da disponibilidade existente. Entón, nun escenário de máxima competéncia polo recurso, a empresa pública ENCE contará co apoio do PFE e, óbviamente, do próprio INI. Mais o impulso dos consórcios e a compra de montes, encamiñados ambos a garantir a produción de matéria prima, non logra progresar o suficientemente rápido como para evitar que o desequilíbrio entre a demanda e a oferta de madeira encareza significativamente o prezo desta até a facer mui pouco competitiva coa madeira procedente de Portugal e mesmo de Francia. 

Nese escenário chegamos a 1974, cun sector do aserrado sumido nunha fonda crise de vendas e con ENCE experimentando un considerábel incremento da súa capacidade produtiva (de 60.000 a 120.000 tn anuais no lapso 1968-1974) e dando pasos cada vez máis firmes cara a reconversión do seu proceso produtivo empregando só madeira de eucalipto. É dicir, encontramos os seguintes elementos: elevado prezo da madeira de piñeiro-inmobilización madeira galega no monte-dependéncia da madeira exterior-mudanza de piñeiro cara eucalipto no proceso produtivo da celulosa. 

Entón, no ano 1975, e como afirma Rico Boquete, “os montes galegos arden polos catro costados”, co seguinte resultado: “se dispara la oferta de madera en rollo y descenso fulminante de su precio, con lo cual, en opinión de Celulosas, se hace más fácil la adquisición de madera” (páx. 104, Rico Boquete, 1997). Resulta curioso que no período 1961-1969 a superfície media queimada en Galiza foi de 8.762 has., cun número medio de incéndios de 333,5, mentres que en 1970-79, a superfície media queimada ascende a 48.710 has., cun número medio anual de lumes de 1.725,8. E no período  1980-1989 seguiría esa tendéncia, con valores medios de 65.397 has queimadas e 3.670,8 lumes.

Os altos cargos do Ministerio de Industria ignoraron completamente as recomendacións do citado “Servicio de la Madera”, departamento integrado nese mesmo ministério

Se en 1975 arden 75.817 has, 46.198 delas arborizadas, en 1976 as cifras son aínda maiores, ao afectar o lume 79.845 has., delas 47.395 arborizadas (4). Estes dous anos inauguran a fase histórica de grandes lumes e vastas superfícies anuais queimadas cada 2, 3 ou 4 anos. A movilización da madeira queimada e a baixada de prezos tórnanse a norma. No período 1974-1986 o eucalipto pasa de estar presente en 130.000 has., entre masas puras e masas mixtas, a face-lo en máis de 222.000 has. Os datos dos catro inventarios forestais, elaborados cada 12 anos (1974, 1986, 1998 e 2010), revelan un interesante fenómeno: a suma de masas puras e masas mixtas onde está presente o eucalipto aumenta de media unhas cen mil hectáreas cada 12 anos. 

A predisposición ecolóxica do eucalipto para progresar tras incendio non é descoñecida para a ciéncia. O texto baixo unha fotografía que ilustra un artigo publicado en Unasylva, revista de silvicultura da FAO é revelador: “Nalgúns ecosistemas forestais, o lume ten unha función importante; certas espécies prosperan despois de se queimaren, como estes  Eucalyptus sp. que agromaron novamente despois dun incéndio natural no Senegal.” (5). Tampouco carece de interese o recollido nas conclusións do debate que sobre incéndios forestais promoveu o Consello da Cultura Galega en 2007, reunindo un nutrido grupo de persoas expertas nesta matéria. Sobre o eucalipto afirman:

 “A diseminación producida pola apertura das súas cápsulas, debido á calor do incéndio, é abundantísima, producíndose unha rexeneración tamén mui densa tras incéndio. A súa capacidade colonizadora despois do lume é mui grande, xa que o escaso peso da semente lle permite percorrer grandes distáncias polo vento. O resultado final é a expansión da área inicial do eucalipto tras  o lume (Vega, 1978; Reyes e Casal, 1994). Comparado co piñeiro, a súa rexeneración é muito máis numerosa e tamén máis rápido o crecimento das árbores novas. O eucalipto non perde a súa área porque agroma de cepa e ademáis se expande a novos terrenos colindantes. Masas inicialmente mixtas de ambas espécies, ou onde existía unha presenza testimonial do eucalipto, poden converterse despois do incéndio en eucaliptais case puros. O maior crecimento das plántulas de eucalipto é determinante para isto porque Pinus pinaster é unha espécie de luz e non tolera a sombra doutras de maior talla. Un novo lume antes da produción de semente fértil en P. pinaster, permite ao eucalipto agromar novamente e afianzar a súa posición aínda máis. Toda esta dinámica ten sido mui visíbel en Galiza nos últimos anos.” (6).

A suma de masas puras e masas mixtas onde está presente o eucalipto aumenta de media unhas cen mil hectáreas cada 12 anos.

Atreveríame a afirmar que estes efectos non eran descoñecidos na altura en que comeza a vaga de incéndios a mediados dos anos 70 e que boa parte dos resultados que desencadearía o lume se podían imaxinar. Reproduzamos unha outra frase do traballo de Rico Boquete:

“Lo indudable es que la queja de los industriales acerca de los precios que alcanza la madera en pie es unánime, además, resulta obvio que el abaratamiento que provocan los incendios no puede ser aprovechado de la misma forma por aserraderos y las grandes industrias del tablero y la celulosa” .

O caso é que, ben como reacción á imposición dos consórcios e á expulsión do gando dos montes, ou ben como consecuéncia dunha acción planificada que persegue a substitución dos piñeiros polos eucaliptos, nesa Galiza “moderna” comeza a história devastadora do lume e, paulatinamente, a sombra dos eucaliptos vai afogando aos piñeiros, que son desprazados en miles de hectáreas da faixa costeira. E, en paralelo, así como o eucalipto se converte en espécie excluínte baixo unhas condicións ecolóxicas resultado da presión humana, a ENCE vai proxectando a súa poderosa sombra no panorama industrial e, baixo condicións económicas favorábeis planificadas desde o seu lobby de apoio, vai erixíndose no principal interlocutor industrial no subsector forestal, mentres os aserradoiros inician o seu declive. Eis a “teoría das sombras”. Unha sombra como rexión de escuridade onde a luz é obstaculizada, unha sombra que ocupa o espazo de detrás dun obxecto opaco cunha fonte de luz fronte a él. Aí temos, os eucaliptos e as celulosas operando o seu triunfo nun escenário desfavorábel.

Se cadra, algún día habería tamén que aplicar conceptos de microeconomía como competencia perfecta, prezos sombra e multiplicadores de Lagrange para elaborar unha outra teoría que nos axude a comprender cómo nos escenários máis desfavorábeis a toma de decisións non ortodoxas pode operar as mudanzas máis determinantes.

Notas:

(1) Rico Boquete, E. (1997): La creación de Celulosas de Pontevedra y su influencia en el sector forestal de la provincia. Documento de trabajo 9707. Programa de Historia Económica. Fundación Empresa Pública. 169 pp.

 (2) Prada Blanco, A. (1991): Montes e industria. O circuito da madeira en Galicia. 302 pp. Fundación Caixa Galicia, Vigo.

(3) Bernal, A. (1955, citado en Rico Boquete, 1997): Estudio económico sobre la conveniencia de reajustar la capacidad de las serrerías gallegas al volumen de  madera disponible. Bases para el desenvolvimiento normal de dicha industria y su modernización. Informe mecanografado. Madrid.

(4) Díaz Fierros, F. e P. Baamonde (eds)(2006): Os incendios forestais en Galicia. Consello da Cultura Galega, Santiago de Compostela, 327pp.

(5) Nasi, R., R. Dennis, E. Meijaard, G. Applegate e P. Moore (2002): Los incendios forestales y la diversidad biológica. Unasylva, vol. 53, nº 209.FAO

(6) Consello da Cultura Galega, (2007): Os debates no Consello da Cultura Galega. Por unha nova cultura forestal fronte aos incendios. Cuestións ecolóxicas e silvícolas. Informes e Conclusións. CCG.

Comentarios