Opinión

De Carballosa para Eucaliptosa (III)

Opinión

De Carballosa para Eucaliptosa (III)

Desde o fin da Guerra Civil á actualidade podemos dividir a crónica da eucaliptización en tres fases. Unha primeira que vai desde 1941, data da reconstrución do Patrimonio Forestal do Estado, até 1981, ano no que ENCE abandona o piñeiro. Nesta fase van coexistir as forestacións masivas desta especie coas plantacións de eucalipto. Unha segunda etapa que vai de 1981 a 2001 e que constitúe a vaga máis dramática da eucaliptización do país. E, finalmente, desde o 2001 até hoxe, cando somos testemuñas do emprego simultáneo de distintas espécies de eucalipto para a produción enerxética e celulósica. 

A difusa primeira vaga de eucaliptos e piñeiros. Molestan montes viciñais,  gandería e  xente  

Vimos xa cómo as novas posicións do forestalismo español comezaron a partir de 1915-1920 a xirar en torno á necesidade do autoabastecimento en matérias primas, tendo os seus principais valedores nos empresários do sector papeleiro, en numerosos enxeñeiros de montes e na própria administración forestal. Así é que ao principiar os anos trinta xa se fala abertamente da necesidade de repovoar os montes para ter masas forestais das que extraer a celulosa necesária no Estado Español para as fábricas de papel. Por exemplo, o director xerente da Papelera Ibérica, S.A. neses anos, o enxeñeiro de montes J.Lillo Sanz, defendeu a necesidade de forestar 400.000 hectáreas con espécies adecuadas para poder fornecer ás indústrias de pasta de papel, chegando a pedir incentivos do governo para estimular as plantacións, exencións de impostos, anticipos e cooperación económica (Lillo, 1931, citado por Helen Groome (1). Xa comentaramos na primeira parte deste artigo que o governo republicano de 1933, seguindo os consellos do incipiente “lobby” forestal, criara a denominada Comisión Mixta de Pasta para Papel marcándose como obxectivo o pleno abastecimento da indústria papeleira (cuxas principais e pioneiras fábricas estaban ubicadas arredor de portos importantes de Gipuzkoa, Bizkaia e Catalunya).

Desa época datan as iniciativas impulsadas en Pontevedra por Daniel de la Sota, presidente da Deputación Provincial entre os anos 1924 e 1930. Desde 1926 e dirixidos por Rafael Areses,  a Deputación executou plans de forestación nesta província, iniciando no Coto Redondo, nos montes do Morrazo, un labor que entre ese ano e 1958 resultaría na arvorización de 27.000 hectáreas, principalmente con piñeiro marítimo Pinus pinaster. A maior parte destas plantacións fixéronse en montes consorciados pola deputación desde 1926, montes a maioría deles de titularidade viciñal. Este plan comezou con tal ímpetu que tan só entre 1927 e 1929 acometeu traballos de forestación nun total de 4.583 has. E do ano 1927 data a primeira tentativa seria de instalación dunha fábrica de celulosa en Galiza, partindo o proxecto desta institución provincial, sendo redactado polo enxeñeiro Ignacio Echevarría, que considera viábel establecer unha planta con capacidade para producir 10.000 toneladas anuais de pasta química a partir de madeira de Pinus pinaster e Pinus radiata. A falta de capital impedirá a materialización do proxecto (2).

E do ano 1927 data a primeira tentativa seria de instalación dunha fábrica de celulosa en Galiza, partindo o proxecto da Deputación de Pontevedra

Agás este caso particular da província de Pontevedra, o certo é que a actividade silvícola non respostará a unha verdadeira planificación até superada a Guerra Civil. É despois do conflito bélico cando o Estado impulsa activa e decididamente o sector forestal e a indústria de transformación, ao considerar as producións e bens derivados como parte dun sector que podería contribuir de forma importante á autarquía industrial e ao autoabastecimento en matérias primas. Paralelamente ao impulso que o Instituto Nacional de Industria (INI) decide dar ás indústrias de transformación da madeira, a outra columna do novo sistema foi o Patrimonio Forestal do Estado (PFE), criado por lei no ano 1935 e refundado tamén por lei no mesmo ano 1941 en que nace o INI. 

En 1939 é cando a Deputación Provincial de Pontevedra pretende renovar o consorcio de  forestacións co PFE e nese mesmo ano a institución provincial volta a apresentar o proxecto celulósico de Echevarría de 1927. Discrepancias co PFE e a aparición da iniciativa privada co proxecto de Celulosas de Galicia fan desistir á Deputación. 

O PFE foi, desde o seu nacimento e tal como se delimitaba na súa lei de criación, unha “entidade orientada preferentemente cara á obra de repovoación forestal”. Segundo Helen Groome, “a énfase do mesmo nesta tarea selvícola incrementouse aínda máis despois da súa reforma en 1952, co fin de conseguir a realización da obra de repovoación forestal “a un ritmo superior ás cen mil hectáreas anuais, e incluso alcanzar, se as circunstáncias do problema o permiten, as cento cincuenta mil hectareas a partir do ano 1955” , en palabras de Paulino Martínez Hermosilla, enxeñeiro de montes, director nesa altura do PFE e posteriormente, e incluso simultaneamente, Director General de Montes, director da Escola Técnica Superior de Enxeñeiros de Montes de Madrid e director xeral de SNIACE e doutras empresas de desintegración da madeira como TAGLOSA (Tableros Aglomerados S.A.) e CUBERG (1).

Por tanto, temos un INI criado en 1941 e dirixido até 1963 por un enxeñeiro naval amigo persoal de Franco, José Antonio Suanzes, decidido impulsor da industrialización autárquica a calquer prezo, e un PFE reformulado en 1941 e 1952 e dirixido, entre outros, por Paulino Martínez Hermosilla, enxeñeiro de montes decidido impulsor da integración e capitalización industrial do monte e defensor destacado da visión máis inmovilista dos recursos forestais como fornecedores de matérias primas ás indústrias de desintegración.

Temos un INI criado en 1941 e dirixido até 1963 por un enxeñeiro naval amigo persoal de Franco, José Antonio Suanzes, decidido impulsor da industrialización autárquica

Un exemplo práctico do impulso a esta integración vertical foi o feito de que SNIACE é autorizada a se instalar en Torrelavega, en 1940, sempre e cando empregase a madeira de eucalipto “nacional” , de maneira que máis tarde, no 1943, tivo maior facilidade para acceder a terrenos en montes públicos para as súas repovoacións, como indica Groome.

Posteriormente á instalación da unidade celulósica de SNIACE, os governos franquistas tentaron completar a citada integración vertical primeiro através da axuda á iniciativa privada, caso dos frustrados proxectos de Papelera Española e de Celulosas de Galicia, que pretendían instalar cadansúa factoría perto da desembocadura do Ulla, en Padrón e no fondo da ría de Vigo, en Ponte Sampaio, respectivamente. Despois de fracasados estes proxectos, o INI e o PFE deciden impulsar definitivamente a instalación de factorías en Lourizán (30.000 toneladas anuais de celulosa de piñeiro), Huelva (36.000 tn/ano de celulosa de eucalipto) e Motril (12.000 tn/ano de celulosa de bagazo de cana de azucre), para o cal se constitúen en 1957 tres empresas públicas que posteriormente integrarían unha soa, baixo a denominación común de Empresa Nacional de Celulosas.

A nova política forestal e industrial debía obter resultados a curto prazo, para o cal precisaba estenderse a unha superfície considerábel co fin de que a produción de madeira comezase a respostar á demanda interna. Desta forma, houbo documentos do PFE nos que se afirmaba que “para prescindir das importacións e dispoñer dunha marxe de produción que nos permita mellorar o noso balanzo comercial, é preciso chegar á repovoación de catro millóns e medio de hectáreas de distintas espécies”. Con estes obxectivos, era evidente que se debían propor mecanismos legais suficientes para amparar as posíbeis expropriacións que garantirían o bon camiño das transformacións dos montes.  

A mediados dos cuarenta e durante todo o decénio dos cincuenta foron frecuentes os artigos en revistas e as ponéncias en congresos defendendo a intensificación da selvicultura industrial, concretándoa en repovoacións anuais que incrementaban en miles de hectáreas as masas forestais en desenvolvimento nesta ou naquela província. Era evidente que para acometer estes obxectivos sería preciso sortear en muitos casos a oposición viciñal. Ademais de conseguir terrenos para forestar e obter matérias primas para as indústrias, un dos obxectivos solapados que tiña o INI e o próprio PFE era reducir a poboación rural, propiciar o abandono e fornecer de man de obra barata os novos polos de crecimento industrial, algo que tamén se plantexaran no viciño Portugal coas súas medidas de fomento da arvorización e de industrialización, como apuntou Fdez. Leiceaga (3). E isto conseguiríase aplicando, entre outras, medidas como a eliminación do gando dos montes, algo que, polo demáis, era preciso para garantir o progreso dos plantíos. E como a gandería extensiva seguía a ser un recurso mui importante en grande parte das comunidades rurais, pois non había máis que eliminar o gando para, tamén, eliminar a xente (obxectivo común, en calquera lugar do mundo onde quixeren instalarse indústrias de celulosa dependentes do eucalipto).

A mediados dos cuarenta e durante todo o decénio dos cincuenta foron frecuentes os artigos en revistas e as ponéncias en congresos defendendo a intensificación da selvicultura industrial

Para madurecer o proceso expropriatório foi preciso desenvolver unha série de medidas lexislativas que aos poucos foron asentando as bases do roubo. Fernández Leiceaga descrebe resumidamente cómo foi este proceso no apartado 4.2 da súa obra, intitulado “A usurpación do monte ás comunidades veciñais. A construción do entramado legal: a expropriación”.

Aínda que, como apunta Leiceaga, este proceso se extende ao longo de case cen anos, comezando a raíz do período desamortizador do século XIX, continuaría e agudizaríase ao entrar na ditadura franquista e reforzarse o papel da nova política forestal e da industrialización comentadas. En 1941, a nova lei do PFE contempla unha norma que establece a posibilidade de realizar consórcios con proprietários de terrenos, directamente ou por intermediación de Corporacións públicas, “pois instituíu un mecanismo de intervención dos Concellos, de tutela sobre proprietários de montes reforestábeis – tais como os comunais, que carecían ademáis de donos tanxíveis e claros” (3).

Eduardo Rico Boquete publicou en 1995 (4) un detallado, profundo e memorábel traballo que recuperou para a memória colectiva a incidéncia dos planos de forestación do PFE e de indústrias como ENCE, poñendo sobre a mesa o impacto ambiental e social dos mesmos e a gravidade dos feitos desencadeados. Sen pretender resumir ou condensar o que o autor nos descrebe, pois se trata dun extenso estudo digno de consulta, si vamos reproducir dous fragmentos que resumen magnificamente o vivido nesa época.

 “A política forestal do Estado franquista apresenta moitas discontinuidades coa anterior, sobre todo no referido aos propósitos e ao aparello institucional e administrativo utilizado. Apresenta diferenzas en canto á intensidade e ás formas ditatoriais empregadas, o que se debe á nova situación política, ás medidas económicas postas en marcha e a influéncias exteriores. Non só se mantén a finalidade de produción de madeiras brandas para a industria celulósica e, en menor medida, para outros sectores, senón que se converte en obxectivo estratéxico que permitirá garantir a independencia nacional de España. Obxectivo autárquico perfecta e claramente definido que non ten carácter conxuntural e que ten como referentes máis próximos as teorías sobre o abastecemento e certos postulados económicos do fascismo italiano”

“… Dous son os tipos de resposta artellados que teñen como criterio a búsqueda da solución máis rápida e menos costosa, convencidos de que a escasa ou nula presenza dos forestais no monte facilitará o seu triunfo. ( ) Por unha banda, a protesta a través de escritos e por outra o recurso á acción directa, sen dúbida, este último é o máis temido polos enxeñeiros e o que mellor resultado lles dá aos campesiños. Baseado na destrución sistemática do feito polos forestais, xa sexa introducindo o gando nas plantacións, arrincando as plantas, destrución dos viveiros, acoso sobre os capataces e man de obra, etc., conquiren, en moitos casos, a paralización parcial da obra. Cómpre sinalar que, moi a miúdo, dáse unha táctica de resistencia que combina a loita xurídica cos escritos de protesta e a acción directa. En resume, dende 1942 a 1973 non hai dúbida que o campo está desperto e disposto a defender o seu”.

Notas:

(1) Groome, Helen (1990): Historia de la política forestal en el estado español. Agencia de Medio Ambiente de la Comunidad de Madrid. 336 pp. Madrid 

(2) Rico Boquete, E. (1997): La creación de Celulosas de Pontevedra y su influencia en el sector forestal de la provincia. Documento de trabajo 9707. Programa de Historia Económica. Fundación Empresa Pública. 169 pp.

(3) Fernández Leiceaga, X. (1990): Economía (política) do monte galego. Servicio de Publicacións e Intercambio Científico. Univ. De Santiago de Compostela. 181 pp.

(4) Rico Boquete, E. (1995): Política forestal e repoboacións en Galicia (1941-1971). Servicio de Publicacións e Intercambio Científico. Univ. De Santiago de Compostela. 202 pp.

Apoia Nós Diario

Se estás lendo de balde este xornal é grazas ás máis de 3.000 persoas subscritoras. A información independente ten un prezo. Apoia un xornalismo galego e sustentábel subscribíndote a Nós Diario ou facéndote mecenas.

comentarios