Opinión

De Carballosa para Eucaliptosa (II)

“Portugal é um conjunto de história, língua, terra, paisagem, natureza, património, etc., que lhe confere a sua identidade própria e o torna único. É esse conjunto que constitui e caracteriza a Pátria, sendo por isso a sua salvaguarda um direito e um deber inalienável de todos os portugueses. Nos últimos anos, os portugueses têm assistido a uma enorme expansão de uma árvore exótica no seu país, plantada em regime de monocultura intensiva: o eucalipto. Esta expansão, que tem merecido a conseguida designação de EUCALIPTIZAÇÃO, é uma ameaça real e preocupante aos valores próprios de Portugal e do povo portugués, por pôr em causa várias das componentes que os caracterizam”.

Este texto está tirado da monografía O eucalipto em Portugal, editado polo Instituto Nacional do Ambiente (INAMB) no 1990 (1). Debe ser dos primeiros documentos institucionais lusos nos que se emprega e define o termo “eucaliptización”. Óbviamente, se no canto de nos referir a Portugal, citásemos Galiza e o seu xentilício, a descrición do texto non podería ser máis acaída. 

Mais, cómo foi que pasamos da pátria do carvallo e do aturuxo ancestral ao ermo clonado dos caramelos de eucaliptol? 

Viñamos dicindo que, unha vez instaladas as factorías de celulosa, como en calquera outra parte do planeta, comeza o medre simbiótico dun fungo que extende o seu micélio polas mans dun mui variado elenco de personaxes representativos do poder político e financeiro (máxime se se trata dunha empresa pública), de referentes sociais e sindicais, mesmo de dóciles exemplos de proprietários de montes ou residentes das comunidades rurais afectadas. E isto, que podemos denominar “lobbificación”,  acontece igual nos chamados estados democráticos como alí onde os governos gozan de maiores prerrogativas, posibilitando alianzas máis sólidas e estábeis, como acontece na Indonésia, Laos, Myanmar, Thailandia ou Camboia (2). Ou como aconteceu nos últimos 30 anos na Sudamérica (3, 4).

Cómo foi que pasamos da pátria do carvallo e do aturuxo ancestral ao ermo clonado dos caramelos de eucaliptol? 

Pois isto na nosa terra e, por extensión, no terzo norte de Portugal e na fachada costeira cantábrica se ten traducido nunha expansión brutal do eucalipto nos últimos 40 anos. Unha expansión que vai íntimamente unida ao alzamento das nove celulosas ibéricas (6 en Portugal, 3 no estado español) como indústrias referenciais e todopoderosas do subsector forestal. Tentaremos explicar nesta série de artigos cómo se puido ter chegado até este ponto. 

Os piñeiros da celulosa

Contrariamente á crenza máis difundida segundo a cal a chegada de Celulosas de Pontevedra a Lourizán foi o início da eucaliptización do país, hai que sinalar que esta factoría, durante case 20 anos, tivo a madeira de piñeiro como matéria prima fundamental para o seu proceso produtivo. Non é até 1981, cando o eucalipto domina nunhas 30.000 hectáreas no país, que a fabricación de celulosa en Lourizán pasa a depender integramente da madeira de eucalipto. Nesa altura, a factoría de SNIACE en Torrelavega xa levaba máis de 30 anos, desde a súa inauguración en 1950, empregando fundamentalmente esta espécie para a fabricación da súa pasta de celulosa ao bisulfito cálcico. De maneira que, tamén contrariamente ao que a xente pensa, a percepción do proceso de eucaliptización é tan directa nos concellos litorais e pre-litorais de Cantábria, especialmente na contorna de Torrelavega, como en muitos da nosa terra, e ven impulsado tanto pola iniciativa privada comandada por SNIACE como pola acción forestadora do “Patrimonio Forestal del Estado” nos anos 50, 60 e 70. Unha boa descrición deste proceso encontrámola na obra El bosque en Cantabria, libro editado pola universidade cántabra en 1990 (5).

Curiosamente, tamén as primeiras celulosas de Portugal tiran da produción de madeira de piñeiro a súa matéria prima para a fabricación das primeiras pastas. No caso da Caima Pulp, esta empresa produce pasta de celulosa de piñeiro desde 1891, comezando a produción de celulosa de eucalipto, en cantidades mui limitadas, a partir de 1922. A Companhia Portuguesa de Celulose-CPC (actual Portucel-Soporcel), sita en Cacia (Aveiro), inícia a produción en 1953, tamén a partir de madeira de piñeiro, mais é no 1957 cando comeza a comercialización de celulosa de eucalipto. Hai que dicir neste ponto que o comezo da produción masiva de celulosa en Portugal ten como preámbulo a criación en 1939 en Alcobaça da Estação de Experimentação  Florestal, dotada dun Laboratório de Celulose, que visa investigar sobre o aproveitamento do piñeiro marítimo Pinus pinaster para a produción de celulosa e papel. E que o levantamento da celulosa de Cácia só foi posíbel tras a sinatura do acordo de cooperación económica entre os EEUU e o governo de Salazar en 1950, tras o cal chegaría a axuda económica norteamericana e o apoio tecnolóxico finlandés.

Non é até 1981, cando o eucalipto domina nunhas 30.000 hectáreas no país, que a fabricación de celulosa en Lourizán pasa a depender integramente da madeira de eucalipto

Por tanto, lembremos, a SNIACE foi a primeira a iniciar a produción de pasta de celulosa de eucalipto branqueada ao bisulfito cálcico en 1950 e a CPC de Cácia, a primeira celulosa do mundo en fabricar masivamente pasta de celulosa de eucalipto branqueada ao sulfato, a partir de 1957. Ano no que, como xa dixemos, entra en produción a factoría do INI de Lourizán. Así é que as factorías ibéricas tiveron o mérito de popularizar no mercado mundial a celulosa de fibra curta de eucalipto branqueada (denominada en inglés bleached eucalyptus kraft pulp, con siglas BEKP ou BEP no mercado mundial), até ese momento dominado polas celulosas nórdicas de fibra longa branqueadas tipo Kraft (en inglés northern bleached softwood kraft e identificadas no mercado mundial coas siglas NSBK). Pensemos que na actualidade, o mercado mundial da pasta de celulosa está dominado polas celulosas de fibra curta de eucalipto e que as maiores potencias produtoras mundiais deste tipo de pasta son Chile e Brasil, que a primeiros de 2015 incrementou en máis de tres millóns de toneladas a súa produción anual.

A inoculación seminal

Parece ser que a iniciativa de enviar as primeiras sementes de eucalipto a Europa foi obra de Frei Rosendo Salvado, do que xa falamos na primeira parte deste artigo. Segundo deixou escrito o enxeñeiro forestal Rafael  Areses (6), ao cal se debe a conversión de parte do Monte Aloia nun xardín forestal a partir de 1910, o frade beneditino enviaría sementes aos seus familiares de Tui en 1860 (hai quen especula que xa as puido ter traído el mesmo en 1849). Conta aínda a viciñanza da parróquia tudense de Pazos de Reis, que dalgunhas  desas sementes prenderon os que chaman “Eucaliptos do Anxo”, así chamados por medraren á par da Igrexa do Anxo. Existen informacións que estiman que estes eucaliptos procederían de sementes das primeiras árvores nacidas a partir das enviadas por Frei Rosendo.

O caso é que a partir desas primeiras sementes parece que se extendeu unha certa asociación entre a posesión desta espécie e a aspiración ao recoñecimento e prestíxio social, de maneira que o eucalipto vai aparecendo en fincas nobiliárias, ao redor de pazos e en grandes propriedades de terrenos, para pouco despois aparecer en parques e xardíns, paseos, etc, mostrándose o seu asombroso crecimento anual, nesa altura nunca visto en nengunha outra espécie forestal, como principal elemento a valorar destas árvores. 

Esta cuestión do prestíxio social remítenos, obviamente, á pertinaz atitude de aspirar a trascender públicamente por descubrir as virtudes dun determinado produto, polo xeral de fóra, e por impulsar e organizar o seu fomento, produción e comercialización. O caso é que a importantes referentes da clase política ou aristocrática galega de fins do século XIX  lles deu por plantar eucaliptos e estudar o seu crecimento, as propriedades e aplicacións da súa madeira, o seu carácter pouco esixente, etc.  Non poucos destes primeiros eucaliptos medraron, como dixemos, ao redor dos pazos, de tal xeito que xa nos primeiros decénios do século XX, nun claro exemplo de recoñecimento de méritos, a prensa escrita pugna por atribuir a pazos como os de Lourizán, Oca, Mariñán ou Loureda a posesión dos eucaliptos máis altos de Galiza. Nese sentido, parece haber coincidencia en salientar a Eugenio Montero Ríos, xurista, político liberal, varias veces ministro e presidente do Consello de Ministros en 1905 con Alfonso XIII. De orixe burguesa, foi o responsábel da plantación, medre e coidado dun notábel conxunto de eucaliptos situado a carón do seu pazo de Lourizán. Tamén Federico Maciñeira, o arqueólogo da terra de Ortegal e alcalde de Ortigueira, foi un destacado “eucaliptófilo”, que seguiu ocupándose das plantacións que seu avó Vicente Pardo de Lama fixera no 1870 nas terras do pazo familiar da Torre da Lama e en outras propriedades a monte, chegando a posuir vários miles de eucaliptos, algúns de máis de 50m de altura.  

Das primeiras plantacións mercantís ao início da eucaliptización

Esas novidosas e pequenas plantacións ordenadas a xeito de experimentación por personaxes como Montero Ríos ou o avó de Maciñeira, permitiron que tanto os seus promotores como outros agudos emprendedores se decatasen que estaban diante dunha árvore excepcional que ofrecía muitas posibilidades, de maneira que axiña impulsaron iniciativas que procuraban, directamente, a obtención de rendimentos económicos. 

De orixe burguesa, Montero Ríos foi o responsábel da plantación, medre e coidado dun notábel conxunto de eucaliptos situado a carón do seu pazo de Lourizán

Existen referencias de negócios en forma de viveiros destinados a suministrar plantas que, polo que se ve, comezaban a ser demandadas nos concellos da ribeira das Rías Baixas e das Mariñas coruñesas. Este foi o caso de Juan Sobrido, que xa en 1881 despachaba pedidos de até 1.000 plantóns de medio metro desde o seu viveiro de Oleiros, en Ribeira. E no norte do país foron aparecendo plantacións concebidas con filosofía estritamente mercantil, algunhas impulsadas por eses pioneiros dos que falabamos antes, como o mesmo Maciñeira, que explora as aplicacións da madeira de árvores maduras e redacta as primeiras indicacións de cómo debe procederse no seu aserrado para evitar deformacións e arqueamentos. Outros referentes singulares daquela época foron os irmáns García Somoza, de Cerdido, que a partir do decénio de 1880 forestaron con diversas especies de eucalipto unha vasta superfície de monte ao redor da Cruz Encarnada, na parróquia da Barqueira, mirando desde a cabeceira do río Mera para a ría de Ortigueira. Unha completa e interesante aproximación a este momento inicial do proceso de expansión do eucalipto pódese consultar no blog Galicia Agraria, da autoría de Ángel I. Fernández (7).

Como xa dixemos na primeira parte desta crónica, a crecente valoración que no estamento político espertaba a produción forestal deu lugar á promulgación de leis, decretos e ordes que fomentaron, privilexiaron ou protexeron a forestación de “terras incultas”. Así que a acción institucional e o impulso da iniciativa privada multiplicou a demanda de piñeiros e eucaliptos para “capitalizar” o monte, nunha dinámica concorrente cos aproveitamentos tradicionais que se había de revelar como a aplicación práctica do criterio segregacionista desa selvicultura intensiva que defendía a verticalidade monte-indústria. 

No seu histórico discurso de Bos Aires no Dia da Galiza Mártir de 1940, Castelao fai unha fervorosa defensa das “albres”

E isto ten relación coa visión que sobre a progresiva implantación do eucalipto expresou Castelao nun momento determinado da súa vida. No seu histórico discurso de Bos Aires no Dia da Galiza Mártir de 1940, Castelao fai unha fervorosa defensa das “albres”, chegando a pronunciar frases tan rotundas como “val máis unha terra con albres nos montes que un Estado con ouro nos bancos”,  “a repoboación forestal será o patrimonio da nación galega e o mellor aforro da coleitividade” ou “o albre danos as traves, o sobrado e as portas da casa; danos a cama, o almario, a artesa do pan; danos o berce, o báculo da vellez e a caixa para ir ao Alén”. Mais trece anos antes, o contido dun artigo publicado en 1927 no Faro de Vigo por Joaquín Pesqueira, presidente da Asociación da Prensa de Vigo e ex director e editor da revista Suevia de Bos Aires, proporciónanos  un indício significativo. Afirma Pesqueira que Castelao, a propósito dunha conversa sobre a paisaxe típica galega, lle indicou que “o eucalipto estragou a paisaxe galega: desnaturalizouna” (8). Unha interesante achega que nos informa da perspectiva non só do Castelao político, senón tamén do Castelao dotado da sensibilidade artística, da persoa que viaxa polo seu país adiante e que interpreta, diagnostica e sabe ler o momento que lle toca vivir. 

Así é que, dacabalo dos anos vinte e trinta, o eucalipto xa adquirira protagonismo na paisaxe da costa atlántica, ao igual que os piñeiros. A situación xa parecía favorecer o salto futuro. Cómo podería ter evoluído nun contexto democrático, republicano e galeguista de non se ter cruzado unha guerra e unha ditadura será por sempre unha incógnita.  

Notas

 (1) Instituto Nacional do Ambiente (1990): O eucalipto em Portugal. Na óptica de um desenvolvimento sustentável. Lisboa, 198 pp.

(2) Lang, Chris (2002): The Pulp Invasion. The international pulp and paper industry in the Mekong Region. Documento Informativo World  Rainforest  Movement (WRM), 141PP. A descarregar pdf en:  http://wrm.org.uy/wp-content/uploads/2013/04/The_international_pulp_and_paper_industry_in_the_Mekong_Region.pdf

(3) Movimiento Mundial por los bosques/ Red Latinoamericana contra los Monocultivos de Árboles (2014):  Monocultivos de árboles en América Latina: situación laboral y destrucción de economías locales. Documento Informativo WRM, 51 pp. A descarregar pdf en: http://wrm.org.uy/wp-content/uploads/2014/08/empleo-plantaciones-latinoamerica.pdf

(4) Movimento Mundial pelas Florestas Tropicais (WRM) (2014): Novas tendências na expansao dos monocultivos industriais de árvores na América Latina. Documento Informativo WRM, 44pp.  A descarregar pdf en: http://wrm.org.uy/pt/files/2014/09/briefing-novas-tendencias-AL2014.pdf

(5) Aedo, C., C. Diego, J.C. García Codrón e G. Moreno (1990): El bosque en Cantabria. Universidad de Cantabria/Asamblea Regional de Cantabria. 286 pp.

(6) Areses, R. (1953): Nuestros parques y jardines. Contribución al conocimiento de las plantas exóticas cultivadas en España. Galicia. Tomo I. 699 pp. Escuela Especial de Ingenieros de Montes. Sección de Publicaciones. Madrid

 (7) El eucalipto y su conquista del Noroeste (1). Galicia Agraria. Historias sobre la agricultura gallega del siglo XX. Comentarios, análisis, documentos acerca de la economía agraria y la vida campesina. Enlace: http://galiciaagraria.blogspot.com.es/2011/10/el-eucalipto-y-su-conquista-del.html

(8) Pesqueira, J. (1927): “Galicia, el eucalipto y el P. Salvado”. Faro de Vigo

Comentarios