Opinión

A Europa e a Galicia que queremos

Insistiamos, unha vez tras outra durante o proceso de primarias abertas á cidadanía que realizamos dende Compromiso por Galicia para escoller candidato ao Parlamento europeo, aquela frase que dicía algo así como: “os galegos e as galegas só podemos escoller unha cousa: a derrota ou Europa”.

Insistiamos, unha vez tras outra durante o proceso de primarias abertas á cidadanía que realizamos dende Compromiso por Galicia para escoller candidato ao Parlamento europeo, aquela frase que dicía algo así como: “os galegos e as galegas só podemos escoller unha cousa: a derrota ou Europa”. Pois dende a nosa plena vocación europeísta cremos que nestas eleccións que imos encetar debemos insistir nunha idea fundamental, que a UE é un espazo imperfecto, manifestamente mellorábel, pero que dende logo é un lugar onde Galicia pode xogar e pode reivindicar o seu carácter de nación europea ao mesmo tempo que colaborar activamente por outro modelo de sociedade e de humanidade.  E debemos fuxir do proxecto que PP e PSOE e as cadansúas familias partidarias, que non é outro que a Europa económica, tecnócrata e pobre; mais tamén daqueles outros  discursos maniqueos que acreditan en que Europa é parte do problema, ou que de xeito repetitivo insisten en foi a UE quen desmantelou os sectores produtivos do noso País. Cando o verdadeiro problema, e así o entendemos dende Compromiso por Galicia, non é ese ente abstracto da UE, senón que a día de hoxe quen goberna Europa é a dereita europea, e que ese desmantelamento non foi outra cousa que sucesivas decisións políticas do Estado español e dos seus dous principais partidos. 

"O verdadeiro problema, e así o entendemos dende Compromiso por Galicia, non é ese ente abstracto da UE, senón que a día de hoxe quen goberna Europa é a dereita europea"

Porque cómpre lembrar a todos aqueles que ven a Europa como un mal e non un remedio que no eido social Europa sempre marcou o camiño: a primeira Directiva Social da UE é do ano 1975, sobre información e consulta dos traballadores nos despidos colectivos, posteriormente trasposta ao ordenamento xurídico español coa publicación no ano 1980 do Estatuto dos Traballadores. Outro exemplo é o da Directiva Marco 89/391 sobre seguridade e saúde no traballo (algo tan importante e necesario en calquera sociedade) que non foi trasposta ao noso ordenamento xurídico ata 1995 coa aprobación da Lei de Prevención de Riscos Laborais, cando a propia directiva fixaba como prazo máximo o ano 1992. E lembrando tamén que foi no seu corazón cando Galicia foi recoñecida por primeira vez como nación no ano 1933.

Nesta campaña dende Compromiso apostaremos decididamente por integrar as demandas de autogoberno galego en chave europeísta, elaborando un discurso de racionalidade e eficiencia na xestión pública que conxugue o ámbito local, galego e europeo. De igual xeito apostaremos pola democratización como unha ferramenta contra a desafección, cun Parlamento Europeo con máis poderes e cun Presidente elixido polo voto da cidadanía europea.

"Queremos tamén unha Europa dos pobos e das persoas, coa necesidade de participación das nacións sen Estado, como é Galicia, nas decisión europeas que lles afectan".

Queremos tamén unha Europa dos pobos e das persoas, coa necesidade de participación das nacións sen Estado, como é Galicia, nas decisión europeas que lles afectan. En Compromiso queremos unha Europa que defenda a igualdade de oportunidades, cunha política económica que aposte pola reactivación e abandone o dogma da austeridade, que aposte polo emprego e que poña couto aos grandes poderes financeiros, promovendo a liberdade,  e creando un marco europeo que reforce as liberdades públicas, como o dereito das mulleres a dispoñer do seu propio corpo. Queremos unha Galicia respectada, que lle de solucións aos problemas concretos de pesca, marisqueo, saneamento das nosas rías, que levante o veto á construción naval civil, minería contaminante, política agraria, sector lácteo, turismo ou política medioambiental. 

En definitiva, nestas eleccións apostamos pola política, pola honestidade e pola transparencia. Comezaba o artigo dicindo que os galegos e as galegas só podemos escoller entre a derrota ou Europa. Dende logo en Compromiso por Galicia sempre apostamos pola vitoria.

Comentarios