Opinión

300 cadáveres no armario

Paulino Campos, presidente da Federación de Familiares e Usuarios de Residencias e da Dependencia (REDE)

Xosé Bernárdez, secretario da Federación de Familiares e Usuarios de Residencias e da Dependencia (REDE)

O PP rexeitou oficialmente a creación dunha comisión de investigación que debería analizar que foi o que fallou para que nas residencias falecesen o 44,3% das persoas que se levou por diante a Covid-19, segundo as cifras expostas pola Xunta de Galiza. Esa comisión debera analizar todo o que se fixo mal, particularmente nos 45 centros de persoas maiores e de dependentes e da discapacidade afectadas polas defuncións. Unha análise que debera contemplar por que o 99,6% dos falecementos oficiais pola Covid se deron coa xestión privada nos xeriátricos.

Non molestarse tan sequera en investigar o porqué destas mortes evitábeis é un insulto e un desprezo para as vítimas. A negativa do Grupo Popular propiciará dar máis paus de cego na xestión da presente e futuras ondas da enfermidade e impedirá implementar protocolos e medidas acertadas para protexer aos nosos maiores.

O presidente Feijóo non debería ser tan covarde, debería dar a cara xa que en parte deses sufrimentos a Xunta ten responsabilidade directa, pola inacción ante as denuncias dos familiares e traballadoras, e a conivencia coas empresas xestoras dos xeriátricos.

Froito da non investigación, do non recoñecemento dos erros e de insistir neles, estamos agora nunha segunda onda con centos de contaxiados, e camiño dos 50 mortos, e novamente DomusVi e a Fundación San Rosendo e os seus incumprimentos en materia de persoal, hixiene e outras, no centro do problema, e novamente a Xunta escondendo a cabeza, non actuando e non sancionando.

Sabemos que moitos dos contaxios poderían evitarse aplicando as medidas profilácticas e hixiénicas coñecidas e recomendadas, pero o incumprimento sistemático do número de persoal (“o persoal será o axeitado en número e en especialización para prestar os servizos”, di a normativa galega do século pasado), impediu facer desinfeccións e limpezas adecuadas, ou que se aplicasen prevencións recomendadas por Sanidade.

Así, a falla de persoal foi un factor determinante na expansión da Covid dentro das residencias e no alto número de falecidos. Fíxose tan mal que nas residencias privadas mesmo foron obrigadas a traballar mulleres con febrícula, sen verificar se tiñan ou non a Covid-19, e sen os materiais e equipamentos necesarios para protexerse e protexer aos residentes.

Os numerosos casos de novas infeccións nas residencias, agora no verán, son froito desta desalentadora situación da que partíamos e que nin moito menos corriximos. Como indican informes de sociedades médicas e dos propios colectivos e sindicatos da rama sociosanitaria, as traballadoras están depauperadas e esgotadas, non dan máis de si, psíquica e fisicamente.

Non, isto non rematou. Non se pode esconder máis de 300 cadáveres no armario da ignorancia, non se pode acochar a cabeza e pasar páxina sobre 300 vítimas que falan a través dos seus familiares, que necesitan as explicacións concretas do acontecido.

Comentarios