Opinión

Y la europea?

Y la europea? Así reaccionara un desconcertado Mariano Rajoy ante a reflexión dun xornalista sobre o feito de que a cidadanía catalá que o desexara non perdería a nacionalidade española tras unha hipotética independencia.

Esa pregunta é a que cabe formular ante a existencia de tensións xeopolíticas en Ucraína: onde está a posición e intereses da cidadanía europea? Por que se asume que son coincidentes cos de Estados Unidos? 

Podemos informarnos dos condicionantes da situación de tensión en Ucraína –cun conflito activo dende 2013, con milleiros de mortes e violacións dos Dereitos Humanos–, que ten acordo de Asociación coa UE en vigor dende 2017, e entender as motivacións e intereses tanto rusos coma estadounidenses no conflito. Gas, posición xeoestratéxica, relacións con Turquía, mesmo a coincidencia de Biden e Putin nun momento de baixa popularidade interna. E a posición e intereses europeos? Timidamente Alemaña e Francia semellaban aspirar a unha acción exterior e relación con Rusia non supeditada á OTAN. En España, porén, os partidos de orde aliñáronse sen matices na resposta atlantista, sen apenas debate, mesmo sen acordo entre socios do Goberno de España. 
Pero, hai verdadeiramente vontade entre as forzas políticas, a esquerda e dereita, de debater unha posible política exterior verdadeiramente autónoma europea? É, sequera, viable? Pode existir unha UE sen OTAN?

Non podemos cambiar a historia da dinámica de Guerra Fría que condicionou a "construción europea" dende 1945 –máis intensamente dende 1947– pero si debemos aspirar a mudar o futuro, que será multipolar.

As forzas políticas de esquerda que apoiaron a investidura de Pedro Sánchez publican un manifesto pola paz e para evitar unha nova guerra en Europa, pero o PSOE non acepta, sequera, a existencia de debate en política exterior. Agardando os movementos que mudan día a día, como sinala dito manifesto: desescalada, diplomacia, respecto á soberanía nacional… A paz é o camiño para Europa.

Comentarios