Opinión

Xeopolítica do colo

Sería media noite cando o venres camiñaba eu, vestido de volantes, melena solta, co pequecho Noé durmido no colo pouco máis dun quilómetro de volta á casa.

Nesa andaina, nós, cal imaxe fantasmagórica á luz da lúa, percibín que algo diso é a liberdade: o non sentir ameaza algunha por volver andando de noite ao fogar. Son moitas as xeografías do medo, onde unha muller pode morrer polo simple feito de pasear; onde nin sequera pode levar o pelo ao aire. Non cómpre ir ao Medio Oriente, hai escenarios do horror ben preto, mais neste tempo moitas de nós sufrimos pensando nas afgás sabendo, ademais, que o meirande problema do patriarcado é que a ameaza está tamén dentro das vivendas.

“Perdón por esta paz!” -que diría Novoneyra-, pensaba eu sentindo o peso dun bebé nas costas e nas durezas todas dos pés. Que contexto tan afortunado non estar notando cada quilogramo deste corpo infantil no camiño de fuxida cara o caótico aeroporto de Kabul!

Este días lembro o silenciamento da importancia do gas ou da rivalidade comercial con China na guerra de Afganistán, a propaganda machacona presentando a invasión coma un acto de xusta vinganza ou a denegación de solicitudes de acollida na UE a persoas afgás.

Que complexa a xeopolítica e que sinxelo sería: planificar accións sabendo o que pesa un neno no colo, comprendendo en toda a súa dimensión o que significa o vagar como refuxiada cargando con bebés ou sufrir a perda de fillos na guerra.

En cada posto de mando, lembrar a fórmula exacta do efecto que o peso de cada quilogramo infantil produce cargado no colo. Pouco máis sirve esta utópica reflexión que para compoñer esta columna, mais con toda a dor e a solidariedade coas afgás que se converteron en poucos días en obxectivos a eliminar, con toda a vontade, tamén, de escoitar as súas propias voces e non ignorar a súa evolución nas últimas décadas, penso que só a xeopolítica do colo –ao cabo, unha temática tan vella coma o mundo, a das nais ante a guerra- é a que pode redimirnos.

Comentarios