Opinión

A xente representativa

Realizouse este mes de maio no mosteiro “das Bernardas” de Ferreira de Pantón a xuntanza do pomposamente chamado Consello de Parroquias da Ribeira Sacra, un suposto organismo do que non consta regulamentación nin acta de constitución, mais que serviría –supoñemos– ante a Unesco como xustificación de que a candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio Mundial ten detrás participación social.

O asunto coñecémolo de casualidade, topando unha convocatoria dirixida ás persoas integrantes deste suposto Consello, indicando que fora creado en decembro de 2019, e nel aparecen como representantes dalgunhas parroquias da zona xente convocada a título persoal. Cando varias asociacións se interesaron por participar neste foro, descóbrese que non se avisou a maioría das asociacións e que a xente que se avisou para poñela como representante dunha parroquia se fixo sen contactar coas respectivas entidades que están activas e mesmo con ganas de participar.

Publicamente, o director da candidatura a Patrimonio Mundial sinalou que os criterios de escolla das persoas para estas xuntanzas foran elixir a xente representativa de todos os sectores. Debemos ser ben parvas as habitantes das comarcas interiores do Sil e do Miño e entender pouco acerca de como funciona a democracia porque, tolas de nós! Pensabamos que a representatividade social a outorga a cidadanía que escolle as súas representantes no movemento asociativo. Mais o que se leva é a “xente representativa”, aquela que o Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra e a candidatura a Patrimonio Mundial deciden que o é: isto é, elixo a quen me parece, case sempre as mesmas persoas, e que non se decate moita xente, que sodes moitas parroquias.

Circulen. Isto é un asunto de persoas expertas, non de habitantes socialmente organizados, que dan moito a lata. Parroquias sen parroquianas nin parroquianos, representatividade sen democracia: a Unesco vai quedar encantada coas innovacións que lle mandan do interior galego.

Comentarios