Opinión

Xente a pasar

Cadroume a fin de semana estar nun lugar onde transita xente, con conversas distentidas; moita xente a pasar falando da actualidade.

Non é unha mostra cientificamente válida sacar conclusións diso, mais as impresións acerca das opinións populares percibidas poden contrastarse cos datos demoscópicos dos estudos coñecidos. Non é novo dicir que a principal preocupación da cidadanía é a inflación, o crecente e sostido encarecemento dos custes da vida. Así, a preocupación pola situación social e económica é crecente, como confirma o barómetro do CIS, situando a crise e problemas de índole económica como principal problema percibido polas persoas, a moita distancia do resto.

O novidoso seméllame que é a conciencia bastante estendida de que a súa orixe está na especulación. O propio BCE confirma que hai unha excepcional presión dos beneficios empresariais sobre os prezos, algo que se percibe como opinión maioritaria da cidadanía: non achacan a inflación á guerra, senón ao xeito en que as grandes corporacións aproveitan a conxuntura bélica.

Asemade, a diferenza da gran crise de 2008, a situación obxectiva de mellor posición económica do conxunto da cidadanía –malia a desigualdade– provoca que a percepción xeral de mal rumbo da economía contraste coa percepción sobre a economía persoal, que é maioritariamente boa ou non tan mala.

Outra constante preocupación é a sanidade. Así, o barómetro sanitario do CIS para 2023 confirma que case o 40% da poboación estima que empeoraron as listas de agarda e case un 70% tardou máis dunha semana en recibir atención no centro de saúde.

O cambio climático, en cambio, non é aínda preocupación maioritaria pero si potente nas franxas de idade máis mozas.

Este é o contexto das eleccións xerais de finais de ano: a economía, o paro e a sanidade son os principais problemas percibidos, xunto cos "partidos políticos" e o "mal comportamento dos políticos". Acertará quen ofreza (ou "venda") solucións reais e non enrede en liortas partidistas.

Comentarios