Opinión

Volver ao inicio?

A detección dunha variante “de risco” do coronavirus, que semella moito máis contaxiosa e que podería eludir a protección das vacinas, levounos á inevitábel preocupación por se volvemos ao punto de saída da pandemia.

Volve o peche de fronteiras e reforzo de controis, mais quero pensar que o impacto non será similar a marzo de 2020, en primeiro lugar, pola capacidade de posta en rápida circulación de vacinas máis específicas. Entendo tamén que a infraestrutura de vacinación masiva está probada e, canto menos no Estado español, pode retomarse sen dificultade, sendo, asemade, a elevada taxa de vacinación o principal factor diferencial que nos permite sortear a actual vaga europea que está poñendo ao límite os sistemas hospitalarios de varios países.

Con todo, o triunfalismo debe mitigarse no sentido que a OMS advertira hai meses: era prioritaria a extensión da vacinación a todo o mundo antes que as doses de reforzo, ou a vacinación infantil, no mundo máis desenvolvido, alertando do risco de que apareceran novas variantes en rexións con baixa inmunidade que puideran converter en inútiles ou pouco eficientes as vacinas actuais.

E aquí estamos: volvemos ao punto de inicio?

Non no mundo desenvolvido, que poderemos afrontar a inmunización, pero a pandemia reforzou a desigualdade global; o obxectivo dos organismos internacionais é chegar ao 40% da cobertura global antes de fins deste ano.

Volveremos ás restricións iniciais?

Entendo que, aínda no peor dos escenarios, o coñecemento sobre o comportamento do virus permitirá evitar normativa absurda e centrarse no esencial.

Gustaríame pensar tamén que comprendemos a importancia do reforzo do persoal sociosanitario público, mais gran número de contratos realizados coa Covid non se renovan, pese a ser necesarios mesmo en contextos sen alta incidencia.

Creo sinceramente que non volvemos ao inicio da pandemia, mais tampouco estamos no escenario mellor, o que prioriza as solucións que garanten o ben común, o de toda a humanidade.

Comentarios