Opinión

Volver á mili

Escoitei un argumento contra o partido de Abascal que aínda non coñecía dito por un home de máis de sesenta a rapazolos de vintepico: "coidado, que cando entre Vox volveredes facer a mili".

No combate político contan tanto os razoamentos coma as impresións e o emocional. Vox non levou nas eleccións de 2019 no programa electoral a reimplantación do servizo militar obrigatorio, pero tiña a proposta en 2017 e nun mitin da última campaña coqueteou coa idea de xeito vago. Tanto ten: o caso é que se identifica Vox coa volta da mili –fagan busca na Rede– e esa asociación está asentada. Resultoume curiosa a asociación simplemente porque eu non vivín o que é a mili. Eu podo identificar ao partido ultradereitista coa ameaza aos dereitos das mulleres, porque o percibo sobre "as miñas carnes", mais non fora quen de ver que entre os homes que tiveron que pasar meses da súa mocidade metidos en cuarteis papando calor e patrioteirismo rancio en vea, isto lles pareza relevante e un factor de rexeitamento.

Creo que ese neofranquismo pasado de rosca de Vox é un dos elementos que o fai pinchar nas enquisas. Ensaiaron presentarse coma unha forza política á vangarda, forza de rebeldía en determinados sectores de mocidade, representantes de " maiorías" afogadas pola suba de prezos, pero nos últimos tempos enfocáronse nunha imaxe máis ultramontana, cunha candidata en Andalucía á que agocharon logo do debate principal.

Veremos o que sucede o domingo nos comicios andalusís, pero todo apunta a unha consolidación do PP como forza "centrada" da oposición e a un reforzamento da falsa imaxe de moderado e bo xestor de Feijóo. Con este panorama, para o PSOE rematou a táctica do "medo á ultradereita" como baza electoral: ese medo seguirá e haberá un conxunto de cidadanía disposta a votar para evitar a ultradereita, pero xa non será un elemento determinante. Ou o Goberno ilusiona ou non bastarán as medidas progresistas aplicadas –insuficientes– ante a pantasma da inflación.

Comentarios