Opinión

Volvemos ao cole?

"Mamá, cando empeza o cole? Non quero volver”. 

En realidade, mamá, estou desexando poder atoparme coas nenas e cos nenos da clase pero “estou tímida”. Supoño, mamá, que isto será o conto de todos os anos, este querer e non querer, pero é que este ano, mamá, deixei as rutinas a metade do confinamento. Ademais, as menores non somos parvas e sabemos que hai un virus que fai morrer xente; teño algo de medo, sabes? Non sei ben que é morrer, pero paréceme que é como cando a cadela dos avós marchou e non soubemos máis dela. Ademais, os nenos temos un montón de mocos e febre, mamá, e non ides saber se é por este virus ou por outros, e imos ter  que quedar moitas máis veces na casa, e a pediatra non vai dar feito… Temos que ir ás aulas pero temos que protexernos ben. Vaise ampliar o espazo para dar clase, vai haber máis profes, vai haber máis cartos para limpar e desinfectar? Oínvos dicir que hai coles baleiros pero que a “xefa das profes” di que non hai sitios suficientes para colocar a todo o alumnado.

Portástesvos mal, mamá, os adultos, porque tivestes case medio ano para organizar como volveríamos ao cole e en quince días abren as portas sen que saibades nin sequera cal será a distancia entre pupitres. A min moléstame un pouco a máscara e non sei levala sen tocala todo o tempo, mamá, e non sei quedarme quietiña sen abrazar as amigas: que vou facer? E teremos as clases no teléfono ou na televisión? Que “díver” parece, mamá, aínda que eu na tele só quero ver as Aventuras de Lady Bug, e sei tamén que hai nenas que non teñen ordenador.

Que ganas de xogar e ver as da miña clase, en realidade, mamá! Cómprenos tanto ás nenas e nenos galegos ese contacto entre iguais xunto coa guía presencial das profes, sabes? As mamás e os papás non sodes coma as profes e estades tan cansas sempre. Que lío, dicides, sen cole, sen parque, con traballo a moreas ou, peor, sen el e sen ingresos. Nin traballar nin educar nin coidar ben, dicides. 
“Mamá, canto falta para que empece o cole?”.

Comentarios