Opinión

Un cacto bailarín

Hai aspectos do modo de vida capitalista que me provocan entre pena e tenrura, coma o boneco bailarín con forma de cacto colocado sobre unha manta da rúa, entre outros chilindradas, en calquera feira do País.

Ao ver estas creacións humanas podo pensar tanto no malgasto de enerxía e materiais eléctricos empregados na súa construción coma na crianza que sinala ese boneco e vai para a casa con gran satisfacción porque a súa familia podía gastar uns poucos euros e "queda o neno contento e polo menos non llos das ao Amazon". Son as rodas da maquinaria que, á vez, permite acceder masivamente a bens de consumo baratos e seguir fomentando un modelo depredador da biosfera e pulverizador de dereitos laborais aquén e alén do planeta.

Entre os plans de redución da pegada ecolóxica da Humanidade está a restrición de fabricación de determinados produtos, dende os plásticos dun só uso até o futuro veto de vehículos que non sexan eléctricos.

É imperativa a fin da economía baseada nos combustíbeis fósiles, mais, que é o prioritario? Que vai antes? Moi ben prohibir as canas de plástico para facer postureo cos gin tonics, mais para cando as restricións ao uso de jets e iates privados de megaluxo? Como decidimos que é útil e que inútil? Cada vez que vexo a quincalla chea de pilas e cables dirixida á infancia penso que debera haber máis restricións de fabricación e controis –seguen rulando os xoguetes made in PRC non homologados en Europa–, mais: por que é lícito emitir carbono na fabricación da tradución ao galego da poesía de Kavafis (magnífica edición de Aira!) e non nun gorro de Santa Klaus vermello con grilanda de luces intermitentes?

O tempo para reaxir ante a emerxencia climática esgotouse e cómpre tomar decisións deste calibre na restrición de actividades e producións. Haberá quen apunte á "Cultura" como prescindíbel, ademais de aos cactos que bailan a cumbia. Será tarefa da maioría social apuntar cara aos luxos dos menos e o mantemento da vida e felicidade das máis.

Comentarios