Opinión

Tomar as rúas

"Hai que moverse, cagondiola, parece que estamos apapahostiados!", dise por aquí e acolá.

Quen non escoitou comentarios similares neste tempo de subida dos prezos e –como era consigna en 2011– no que "queda moito mes ao final do soldo"?

Razóns para gran paro xeral ou mobilizacións masivas non faltan, pero non semella verse no horizonte un movemento de grande alcance, e non creo que sexa só polo efecto do relato oficial dos grandes media –erosionado, ademais, como está, nun sentido ou noutro, polo maior acceso a medios de comunicación independentes e pola proliferación de trolas e relatos pseudo-radicais–.

Penso que, sobre a indignación moral pola guerra ou pola traizón ao Sáhara, pesa máis a incerteza en canto ao futuro, o medo a perder máis do que levamos perdido ou o debilitación dos lazos e dos espazos de reflexión e militancia tras dous anos de pandemia, especialmente perceptible no persoal sociosanitario. Con todo, foron agromando loitas potentes –por exemplo, a folga nas residencias da terceira idade neste mes de marzo–, mais non se ve aínda unha xeneralización das protestas, namentres a ultradereita trata de canalizadas máis ou menos torpemente.

A mobilización "do agro" quedou como o rebote dos terratenentes e señoritos, mais a folga do transporte traspasou máis aló dos círculos extremos e foi temerario o Executivo central ao menosprezar as reivindicacións confundíndoas na ridícula consigna de "todo é Putin". Namentres escribo estas liñas non sei que avances poderá haber na xuntanza desta semana, mais a situación é extrema dende explotacións gandeiras a pequenas empresas sen stock.

Paz, control público do sector da enerxía, pór coto aos beneficios das grandes empresas enerxéticas,  fiscalidade progresiva, cambio de modelo agrogandeiro con soberanía alimentaria… Semella que se perfila un programa compartido por moita xente, mais que cómpre para facelo efectivo? Que consigna será a que nos faga tomar as rúas?

                               

Comentarios