Opinión

Teletraballo no rural

Coa pandemia acentuouse no interior galego a necesidade de espazos con boa conexión á Rede para traballar a distancia, unido a un movemento de xente que decidiu desprazarse ás residencias familiares da aldea, ou mesmo mercar casa, ante as incertezas da COVID. Así, varios concellos impulsaron “coworkings” este verán, dende o Incio a San Xoán de Río.

Dende logo, este servizo é necesario e unha oportunidade para que municipios despoboados por efecto da emigración pasada e recente amortigüen a caída do seu censo e xeren certo dinamismo económico, mais, apostar polo teletraballo no rural require corrixir os problemas estruturais, como  a falta de servizos públicos básicos ou a crise de coidados. Así, condición esencial para poder teletraballar é solucionar a falta de infraestrutura de conexión de calidade á Rede, pois Galiza é a C.A. con máis zonas brancas de internet – sen cobertura de redes de banda larga de nova xeración -, con case medio millón de persoas afectadas. De feito, segundo o Colexio Oficial de Telecos de Galiza, máis de 200 concellos teñen insuficiente conectividade a internet por cable e un cento destes non ten acceso a máis de 10 megas, a maioría concellos rurais de Lugo e Ourense.

Cómpre maior impulso público para solucionar o desinterese das grandes compañías en dotar bos servizos de internet á poboación que vivimos dispersa, para o cal se podería blindar por lei o dereito ao acceso de calidade á Rede a un prezo asequible, vivas onde vivas. Baste como exemplo do facer das empreas o feito de que unhas das razóns da tardanza da posta en marcha do coworking de Sober, anunciado para xuño, foi que, tras un accidente que provocou a rotura do cable, a compañía tardou máis dun mes en reparar a avaría, e iso que o cliente, neste caso, era unha institución pública.

O teletraballo pode contribuír ao equilibrio territorial galego cunha regulación que impida xerar novos nichos de precariedade que grandes compañías poden atopar no teletraballo rural.

Comentarios