Opinión

Talibán de gravata

Quen máis quen menos vimos no vídeo terrible de celebración da aprobación da -na práctica- prohibición do aborto en Texas aos talibán de gravata e traxe de cóctel. O Tribunal Supremo dos EEUU -de maioría conservadora- rexeitou bloquear a lei texana que elimina as posibilidades de aborto legal logo das seis semanas de xestación, sen excepción nin en caso de violación, a pesar de que o dereito a decidir sobre o embarazo é constitucional dende hai medio século.

Engádese a esta brutalidade o feito de que a lei fomenta a delación, a través de recompensas, tanto das mulleres que abortan como das persoas que axuden nunha interrupción do embarazo.

Este brutal retroceso nos dereitos humanos en estados do “Norte”, nos EEUU e na UE -con Polonia-, non é puntual: sitúase nunha onda reaccionaria que ataca, en primeiro lugar, os corpos das mulleres e das persoas desviadas da heteronormatividade.

O movemento feminista conquistou o dereito á saúde sexual e reprodutiva, que inclúe o dereito á interrupción voluntaria do embarazo, e conseguiu que sexa un piar fundamental dos programas progresistas, con avances como a legalización do aborto na Arxentina, mais a recente tromba ultradereitista obriga a non baixar a garda.

Dá rabia tamén como na argumentación reaccionaria se pretende deshumanizar as defensoras do dereito ao aborto insinuando que non nos deberían magoar as perdas xestacionais ou os abortos espontáneos. É do máis vil e cruel que teño observado, pero é o modus operandi dos grupos de presión antiabortistas: equiparar unha interrupción voluntaria dun embarazo non desexado coas perdas xestacionais. Os sistemas de saúde que garanten o dereito ao aborto son tamén os que máis se achegan -aínda que falte moito camiño por percorrer- ao correcto tratamento dos duros procesos de perda xestacional. Porque iso é defender a vida e o benestar das mulleres, non aplaudir, con vestimenta elegante e impoluta, a aprobación dunha lei que converte os corpos nunha cadea.

Comentarios