Opinión

Solidariedade con Madrid

As clases dirixentes da capital do Reino, as mesmas que ostentan o poder no Estado, están a someter á clase traballadora de Madrid a políticas destrutivas no eido sociosanitario. As últimas “medidas” contra a Covid-19 amosan descarnadamente como as elites apostan na pandemia por salvar o seu modo de vida e privilexios, fronte ás vidas das xentes humildes. Peche dos parques, lonxe da evidencia científica, e confinamentos selectivos cargados de clasismo.

Non cabe máis que a solidariedade co Madrid popular dende as periferias sometidas polos mesmos que nos condenan á miseria. A diferencia de certo stablisment da esquerda estatal, que considera a Feijóo bo xestor, a esquerda galega non nos obnubilamos coas personaxes amables da dereita castelá, e tantos nos ten Ayuso coma quen permite que continúe á fronte: sabemos que as súas políticas son lesivas porque as padecemos aquí.

Na Galiza tamén baixaron impostos ás grandes fortunas, privatizan a dor allea nas residencias, poñen ao límite a Atención Primaria ou apostan por unha maior centralización.

Como nacionalistas, ergo, internacionalistas, non comulgamos con simplificacións “anti-madrileños”, pois a meirande parte de quen sofre as políticas que expulsan á xente de aló coa pandemia son, precisamente, quen non poden desprazarse a outra morada. E sabemos que, fronte ás elites centralistas dos partidos de esquerda, hai un verdadeiro internacionalismo nas organizacións populares de Madrid. Cando escribo esto non sei se pecharán Madrid por unha situación sanitaria descontrolada, pero sei que Feijóo non vai actuar blindando o País, controlando as chegadas, para evitar espallar o virus.

Padecendo a mesma dereita neoliberal no Cima do Lugar que en Puente de Vallecas, entendamos que o futuro pasa polo recoñecemento da soberanía nacional e a irmandade dos pobos europeos. A solución non eran as “confluencias” nin facer política como “influencers” de instagram: é a solidariedade de clase e o internacionalismo. Tamén con Castilla.

Comentarios