Opinión

Sen pediatra

Coincidindo cunha onda de enfermidades respiratorias infantís, son moitas as localidades galegas que quedan sen pediatra ou coa pediatría baixo mínimos. E non só pode achacarse á saturación provocada polo aumento de consultas e ingresos en inverno, pois vimos dunha previa carencia estrutural de profesionais de pediatría.

No "distrito sanitario" de Monforte, dependente de Lugo, que abrangue todo o sur lugués, chegamos a ter o centro de saúde de Monforte, referencia de pediatra para a maioría da poboación, sen pediatra, sen ningún. O Sergas informou dunha baixa "imprevista". Certamente, ninguén pode controlar cando enferma, pero o que si se debe controlar é que non quede estruturalmente unha soa profesional para atender a cota de tres. Porque iso é o que pasa: meses onde ou hai dous ou un pediatra onde xa son poucos tres. E non é un problema temporal: levamos unha década encadeando carencias en pediatría, tanto en Atención Primaria como no Hospital, tanto en Monforte como noutras zonas, coa non cobertura de baixas de pediatría para a comarca de Chantada ou coa redución de días de atención no rural –as crianzas do Courel han de ir a Quiroga só dous días–.

É evidente que por vivir onde vivimos –territorio que, semella retranca, aspira a ser Patrimonio da Humanidade– temos menos dereitos sanitarios, porque se vas cunha urxencia pediátrica ao hospital de Monforte non está garantida a atención por profesionais de pediatría, namentres se se vai a Ourense ou Lugo, si. E iso non quere dicir que non haxa problemas coa pediatría nas capitais, mais as dificultades de acceso á atención pediátrica nas provincias interiores agrávanse no medio rural e vilas medias.

Cómpre mobilización e un gran pacto pola atención pediátrica no interior galego que ofreza solucións estruturais fronte aos plans da Xunta, que centralizará pediatría nas capitais e trasladará a atención a profesionais da medicina familiar especializados en pediatría nunha saturada Atención Primaria.

Comentarios