Opinión

Semana da teta

En pleno 2021 nos xogos olímpicos de Tokio obrigaron a nais deportistas en proceso de lactación a non poder aleitar aos seus bebés, como se ás mulleres nos presentaran sempre a escolla imposible entre acceder á cidadanía plena ou a nosa condición de mamíferas. 

Hai tempo que a OMS postula a lactancia materna exclusiva até o seis meses de vida como un método esencial de promoción da saúde de nai e bebé, considerando as políticas de apoio á lactación elemento central da saúde pública, pois está relacionada con menor taxa de obesidade infantil, robustecemento do sistema inmunitario dos bebés e menor risco de cancro nas mulleres. 

Mais as normas sociais continúan ancoradas nesa dicotomía infernal: ou das a teta ou continúas a túa carreira laboral –se a tes– en iguais condicións. Aínda que sexas traballadora do Sergas: poden as publicacións oficiais informarte da importancia de dar de mamar até os seis meses que o permiso laboral caduca aos catro; só se achega aos seis meses para o persoal da Xunta dende 2019. E só en 2021 se comeza a falar de alongalo até o medio ano de xeito xeral.

Mesmo cando é posible a lactancia materna sen complicacións de importancia, esta non é un terreo fácil: dórmese pouco, doen abondo as costas e hai fases intensivas. Quizais volvamos a un “problema” esencial: até que os traballos considerados propios da crianza e coidados, prestados polas mulleres fundamentalmente, non estean recoñecidos, valorados e compartidos dificilmente se acadará Igualdade. E non só iso: a crianza precisa dun forte apoio público: permisos, persoal sanitario suficiente –“matronas e pediatras xa!” en todo o territorio, como pide a asociación homónima– con formación actualizada en lactación materna.

En definitiva, a semana mundial da lactación, que se realizou do 1 ao 7 de agosto, interpélanos sobre que sociedade somos e queremos ser: se unha obsesionada coa produtividade ou aquela que integra os procesos humanos, incluído o de tomar o leite da teta.

Comentarios