Opinión

Segundo fillo gratis

Se atendes á propaganda da Xunta, saberás que nas garderías a “segunda filla” é “gratis”.

Alén de ser unha rancia medida natalista, socialmente inxusta –afecta a calquera tipo de renda e non avanza na universalización da etapa 0-3 anos–, é mentira.

Na “lei de acompañamento” dos Orzamentos de 2020 modificouse a Lei de servizos sociais para establecer a gratuidade de atención educativa para a segunda filla ou fillo e sucesivos nas escolas infantís dependentes da Xunta e nas prazas concertadas en centros privados.

Para implantar a medida nas escolas municipais, a Xunta dispón que as entidades locais serán compensadas pola Xunta coa contía equivalente aos prezos autonómicos, de aplicación a partir do curso 2020-2021.

Na práctica, os concellos aínda non estableceron nos orzamentos as disposicións para esta medida e non todos poden optar á compensación nin poden ofrecer os mesmos prezos que a Xunta. Así, a Fegamp pediu á Xunta un acceso totalmente simultáneo á gratuidade de matrícula do segundo fillo en todas as escolas infantís. Do contrario, créase unha desigualdade de acceso aos servizos, de xeito que familias dun mesmo Concello poden ter que pagar ou non, dependendo se van á escola autonómica ou municipal. O fondo da cuestión é unha ideoloxía natalista que pretende “fomentar” a natalidade como se fose un ben per se, sen modificar as condicións precarias de traballo que provocan a emigración de persoas galegas en idade fértil, e que é a causa principal de que as mulleres non poidan ter a descendencia que desexan ter.

Pese as proclamas, a Xunta non ambiciona acadar a universalidade de acceso á atención da infancia entre 0 e 3 anos, pois prioriza “premiar” a quen temos un segundo fillo, sen importar as condicións socioeconómicas, de xeito que unha familia monoparental con ingresos medios paga por usar a escola municipal mentres unha familia de alto nivel de renda ten gratis a praza da súa segunda filla na Galescola.

Ranciada inxustiza e, por riba, mentira.

Comentarios